Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 8 de febreiro de 2022 Páx. 9465

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, pola que se dá publicidade dos convenios de colaboración subscritos no terceiro cuadrimestre do ano 2021.

O artigo 15.2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que cada consellería ou entidade terá que remitir para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos meses de xaneiro, maio e setembro de cada ano, unha relación dos convenios subscritos referida ao cuadrimestre anterior, para os efectos de cumprir coas obrigacións legais fixadas.

En consecuencia, e para lle dar cumprimento á dita obriga,

RESOLVO:

Darlle publicidade á relación de convenios de colaboración subscritos pola Consellería de Política Social durante o terceiro cuadrimestre do ano 2021, que se incorpora no anexo I desta resolución.

No anexo II da resolución dáse publicidade ao convenio de colaboración subscritos pola Consellería de Política Social durante o segundo cuadrimestre do ano 2021.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social

ANEXO I

Convenios asinados no terceiro cuadrimestre do ano 2021

Título

Obxecto

Data de sinatura

Importe (€)

da consellería

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Fundación Amancio Ortega Gaona (FAO), para a construción dun centro público de atención integral ás persoas maiores dentro do marco do programa Como na Casa, no concello de Vigo.

A colaboración para a construción e posta en funcionamento dun centro de maiores, sito na cidade de Vigo, para atender maiores en situación de dependencia no marco do Plan Como na casa.

7.10.2021

Sen custo económico

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Fundación Amancio Ortega Gaona (FAO), para a construción dun centro público de atención integral ás persoas maiores dentro do marco do programa Como na Casa, no concello de Santiago de Compostela.

A colaboración para a construción e posta en funcionamento dun centro de maiores, sito na cidade de Santiago de Compostela, para atender a maiores en situación de dependencia no marco do Plan Como na casa.

7.10.2021

Sen custo económico

Addenda ao convenio de cooperación educativa entre a Consellería de Política Social e a Universidade de Santiago de Compostela para a realización de prácticas académicas externas do estudantado da Universidade de Santiago de Compostela co obxecto de incluír aos alumnos/as do grado en Criminoloxía.

Incluír os/as alumnos/as da titulación de Grao en Criminoloxía da Universidade de Santiago de Compostela para a realización de prácticas académicas externas en diversos centros e dependencias da consellería no ámbito de aplicación do convenio.

14.10.2021

Sen custo económico

Convenio de Colaboración entre a Consellería de Política Social e a Fundación Amancio Ortega Gaona (FAO), para a construción dun centro público de atención integral ás persoas maiores dentro do marco do programa Como na Casa, no concello de Lugo.

A colaboración para a construción e posta en funcionamento dun centro de maiores, sito na cidade de Lugo, para atender maiores en situación de dependencia no marco do Plan Como na casa.

14.10.2021

Sen custo económico

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Fundación Amancio Ortega Gaona (FAO), para a construción dun centro público de atención integral ás persoas maiores dentro do marco do programa Como na Casa, no concello de Ferrol.

A colaboración para a construción e posta en funcionamento dun centro de maiores, sito na cidade de Ferrol, para atender maiores en situación de dependencia no marco do Plan Como na casa.

14.10.2021

Sen custo económico

Convenio de Colaboración entre a Consellería de Política Social e a Fundación Amancio Ortega Gaona (FAO), para a construción dun centro público de atención integral ás persoas maiores dentro do marco do programa Como na Casa, no concello de Pontevedra.

A colaboración para a construción e posta en funcionamento dun centro de maiores, sito na cidade de Pontevedra, para atender maiores en situación de dependencia no marco do Plan Como na casa.

21.10.2021

Sen custo económico

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Ribeira para a cesión a título gratuíto dunha parcela e a construción nela dun centro de residencia de persoas maiores.

Establecer as bases para a cesión a título gratuíto, por parte do concello, dunha parcela localizada en Saíñas, polígono 7, parcela 128.

23.11.2021

Sen custo económico

Convenio co Instituto Nacional da Seguridade Social para o impulso e consolidación do sistema Tarxeta Social Dixital.

Establecer e definir as actuacións a realizar entre as partes para o desenvolvemento da Tarxeta Social Dixital e a súa posterior execución como novo sistema de información das prestacións sociais económicas públicas.

21.12.2021

Sen custo económico

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Comisión Islámica de España sobre asistencia relixiosa islámica ás persoas menores e mozos/as internos/as en centros de internamento para a execución de medidas privativas de liberdade.

Establecer as condicións para garantir o dereito á asistencia relixiosa islámica ás persoas menores e mozos/as internos/as en centros de reeducación para a execución de medidas privativas de liberdade.

3.9.2021

Sen custo económico

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Entidade Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela para o desenvolvemento dun programa de apoio a familias monoparentais no

ano 2021.

Contribuír ao financiamento do programa da entidade que ten como finalidade a prestación de apoio ás familias formadas por unha única persoa proxenitora con fillos e fillas menores ao seu cargo, mediante o establecemento de accións específicas cuxo obxectivo é o de potenciar a autonomía das familias monoparentais, favorecer a incorporación da persoa responsable da familia ao mundo laboral, a súa asistencia a actividades de formación laboral e/ou formación continua, posibilitar o autoemprego, promover a inserción e permanencia laboral das mulleres soas con responsabilidades familiares e favorecer a súa promoción profesional e previr situacións de risco social e axudar á crianza dos nenos e nenas favorecendo a súa socialización.

29.9.2021

32.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Fundación Secretariado Gitano para o desenvolvemento do programa Promociona no ano 2021.

Contribuír ao financiamento do programa Promociona que promove e desenvolve a FSG, destinado ao apoio ás familias con menores en idades escolares para mellorar as condicións do ámbito da educación no propio fogar apoiando aos alumnos e alumnas xitanos/as e ás súas familias co fin de reducir o abandono escolar.

29.9.2021

132.908,24 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Consello Evanxélico de Galicia sobre asistencia relixiosa evanxélica ás persoas menores e mozos/as internos/as en centros de internamento para a execución de medidas privativas de liberdade.

Establecer as condicións para garantir o dereito á asistencia relixiosa evanxélica ás persoas menores e mozos/as internos/as en centros de reeducación para a execución de medidas privativas de liberdade.

29.9.2021

Sen custo económico

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) para o desenvolvemento dun programa denominado servizo de atención psicolóxica e logopédica para familias e menores xordos implantados ou con prótese auditiva no ano 2021.

Contribuír ao financiamento do programa da entidade que ten por obxecto o desenvolvemento dun proxecto de atención psicolóxica e logopédica para familias con menores xordos implantados ou con prótese auditiva.

15.10.2021

11.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Arcebispado de Santiago de Compostela sobre asistencia relixiosa católica a persoas menores e mozos/as internos/as en centros de internamento para a execución de medidas privativas de liberdade.

Establecer as condicións para garantir o dereito á asistencia relixiosa católica ás persoas menores e mozos/as internos/as en centros de reeducación para a execución de medidas privativas de liberdade.

18.10.2021

Sen custo económico

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Fundación Andrea de apioo os nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, para o desenvolvemento dun programa denominado soporte vital ás familias con nenas/nenos con enfermidades de longa duración ou terminais con escasos recursos económicos no ano 2021.

Contribuír ao financiamento do programa da Fundación Andrea de apoio os nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, denominado Soporte Vital ás familias con nenas/os con enfermidades de longa duración ou terminais con escasos recursos económicos, a través do tratamento médico dos menores tanto no fogar familiar como nos distintos hospitais de España, a asistencia privada a sesións de fisioterapia, a sesións de logopedia, a sesións de musicoterapia, equipamentos ortopédicos e os derivados da adecuación das vivendas ou vehículos para nenas e nenos con diversidade funcional.

24.11.2021

20.000,00 €

Convenio de colaboración para o ano 2021, entre a Consellería de Política Social e Manaia, Asociación galega de adopción e acollemento, para a execución do programa de preparación, apoio e acompañamento ás familias adoptivas e acolledoras.

Contribuír ao financiamento para o desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia do Programa de preparación, apoio e acompañamento ás familias adoptivas e acolledoras do que é titular a dita entidade, mediante o cal se facilita o adecuado desenvolvemento da persoa menor adoptada mediante a orientación, o asesoramento, acompañamento e apoio especializado ás familias adoptantes e acolledoras e/ou as persoas menores.

26.11.2021

38.400,00 €

Acordo de prórroga para o ano 2022 do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, para a atención residencial de menores no centro Emilio Romay.

Manter o marco de colaboración para o 1º semestre do ano 2022 entre a Consellería de Política Social e a Deputación da Coruña para a atención residencial de menores tutelados ou en garda pola Xunta de Galicia no seu centro Emilio Romay da Coruña.

9.12.2021

162.952,43 €

Acordo de prórroga para o ano 2022 do convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a Fundación Universidade da Coruña para o desenvolvemento do programa Avaliación e tratamento terapéutico de menores en situación de risco ou desamparo.

Manter o marco de colaboración para o ano 2022 entre a Consellería de Política Social e a Fundación Universidade da Coruña para a organización e realización do programa Avaliación e tratamento terapéutica de menores en situación de risco ou desamparo.

15.12.2021

235.019,37 €

Convenio de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería de Política Social e o Colexio Oficial de Avogados da Coruña para o desenvolvemento dun programa de mediación intraxudicial familiar gratuíta durante o ano 2021 na Coruña.

Contribuír ao financiamento do desenvolvemento dun programa de mediación intraxudicial familiar gratuíta na Coruña, a través do funcionamento dun servizo de mediación composto por unha persoa que exerza a avogacía designada polo colexio, así como o seu suplente.

30.12.2021

30.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Federación Down Galicia para o financiamento do proxecto avaliación do envellecemento das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual no ano 2021.

Contribuír ao financiamento das actuacións que Down Galicia desenvolve no ano 2021 para a realización dun proxecto de avaliación do envellecemento das persoas coa síndrome de Down e con discapacidade intelectual.

5.10.2021

100.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) para o financiamento dun proxecto de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal no medio rural no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento dun proxecto de empoderamento da persoa con discapacidade residente en contornas rurais contando cunha metodoloxía de intervención dirixida a estas persoas desde a idade temperá, de cara a mellorar ao máximo o seu desenvolvemento persoal e social e prever a situación de dependencia.

15.10.2021

145.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Asociación Galega das Persoas Maiores, xubilados e Pensionistas (Asogapem) para financiar a realización de actividades para o exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento das actividades de mantemento e mellora da axilidade mental así como charlas sobre a protección xurídica das persoas maiores que desenvolve Asogapem durante o ano 2021.

4.11.2021

10.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Confederación Gallega de Organizaciones de Mayores (Cogama) para financiar a realización de actividades para o exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento das actividades socio-comunitarias de convivencia e fomento do asociacionismo de maiores, e de animación á lectura dirixidas aos maiores que desenvolve Cogama durante o ano 2021.

4.11.2021

16.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Boimorto, de cara a instrumentar a colaboración para a realización de actividades de atención a persoas en situación de dependencia, de prevención da situación da dependencia e do agravamento desta, así como da promoción da autonomía persoal para o exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento das actuacións do Concello de Boimorto durante o 2021 destinadas a programas e actividades dirixidos á atención de persoas en situación de dependencia, de prevención da situación de dependencia e do agravamento desta, así como de promoción da autonomía persoal das persoas maiores residentes nese concello.

5.11.2021

20.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Asociación Carballido de Servizos Sociais (Acarserso), para o financiamento dos gastos derivados da execución do proxecto piloto da Escola do Maior durante o exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento dos gastos derivados da execución do proxecto piloto da Escola do Maior durante o exercicio 2021 de Acarserso.

30.11.2021

30.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), para o financiamento dun programa de prevención da dependencia en colectivos especialmente vulnerables da comunidade xorda no ano 2021.

Contribuír ao financiamento das actuacións de FAXPG no ano 2021 correspondentes ao programa de prevención da dependencia en colectivos especialmente vulnerables da comunidade xorda.

1.12.2021

49.569,95 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Castrelo de Miño, de cara a instrumentar a colaboración para a realización dun proxecto de actividades dirixido a persoas maiores, persoas con discapacidade, e persoas en situación de vulnerabilidade no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento das actuacións que o Concello de Castrelo de Miño ten previsto desenvolver durante o ano 2021, de cara á realización dun proxecto de actividades dirixido ás persoas maiores, persoas con discapacidade e persoas en situación de vulnerabilidade, residentes nese concello.

1.12.2021

41.682,30 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Catoira, de cara a instrumentar a colaboración para a realización de actividades de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento das actuacións que o Concello de Catoira ten previsto desenvolver durante o ano 2021, de cara á realización de programas e actividades de promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia das persoas maiores residentes nese concello.

2.12.2022

9.062,25 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Fundación Española de Ayuda a la Investigación en Parkinson, para o financiamento do Proxecto Mitocondrias para o exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento para o ano 2021 do Proxecto Mitocondrias da Fundación Española de Ayuda a la Investigación en Parkinson.

9.12.2021

60.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Muíños, para a colaboración no financiamento do programa Comedor sobre rodas no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento do programa Comedor sobre rodas posto en marcha en 2021 polo Concello de Muíños.

9.12.2021

49.302,15 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Mos para o financiamento do Proxecto de estimulación cognitiva e actividade física para maiores no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento do proxecto de estimulación cognitiva preventiva e actividade física para maiores que o Concello de Mos desenvolve durante o ano 2021.

9.12.2021

70.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Valga, de cara a instrumentar a colaboración para a realización dun programa de atención e promoción da autonomía persoal dirixido a persoas maiores, con discapacidade e/ou en exclusión social no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento das actuacións que o Concello de Valga ten previsto desenvolver durante o ano 2021, de cara á realización de programas de atención e promoción da autonomía persoal das persoas maiores, con discapacidade e/ou exclusión social residentes nese concello.

17.12.2021

103.000,00 €

Acordo polo que se modifica o Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Cruz Roja Española en Galicia para a execución dun programa extraordinario de axuda para a cobertura de necesidades básicas á poboación en situación de vulnerabilidade ocasionada pola COVID-19.

Modificación do convenio para a execución dun programa extraordinario de axuda para a cobertura de necesidades básicas á poboación en situación de vulnerabilidade ocasionada pola COVID-19, co obxecto de incrementar o importe da subvención concedida para o desenvolvemento do programa no ano 2021 na cantidade de 4.300.000,00 €.

4.10.2021

4.300.000,00 €

Convenio de colaboración entre o Parlamento de Galicia, a Consellería de Política Social e a Consellería do Mar para o desenvolvemento do programa Conserva o importante, de cara a provisión e repartición de alimentos destinados ás persoas en situacións de vulnerabilidade agravada a raíz da COVID-19.

Contribuír ao desenvolvemento do programa Conserva o importante, de cara a provisión e repartición de alimentos, conservas de peixe, destinados ás persoas en situacións de vulnerabilidade agravada a raíz da COVID-19, por entidades de iniciativa social a través de bancos de alimentos.

2.12.2021

20.000,00 €

Acordo de modificación e prórroga do convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Cruz Roja Española en Galicia para a execución dun programa extraordinario de axuda para a cobertura de necesidades básicas á poboación en situación de vulnerabilidade ocasionada pola COVID-19.

Modificación do convenio de colaboración para a execución dun programa extraordinario de axuda para a cobertura de necesidades básicas á poboación en situación de vulnerabilidade ocasionada pola COVID-19, para incrementar o importe da subvención concedida para o desenvolvemento do programa no ano 2021, así como prorrogar a súa vixencia ata o 30.6.2022.

9.12.2021

6.540.000,00 €

Convenio de colaboracion entre a Consellería de Política Social e a entidade Diaconía, para levar a cabo o programa de transición á autonomía das persoas que finalizan o itinerario dentro do sistema de acollida de persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional na cidade de Lugo, no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento da realización, por parte da entidade dun programa extraordinario de transición á autonomía das persoas que finalizan o itinerario dentro do sistema nacional de acollida de solicitantes e persoas beneficiarias de protección internacional na cidade de Lugo e que se atopan en situación de irregularidade sobrevida.

28.12.2021

15.547,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a entidade Diversidades, para levar a cabo o programa de transición á autonomía das persoas que finalizan o itinerario dentro do sistema de acollida de persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional e que se atopan en situación de extrema vulnerabilidade no concello de Tui, no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento da realización por parte da entidade dun programa extraordinario de transición á autonomía das persoas que finalizan o itinerario dentro do sistema nacional de acollida de solicitantes e persoas beneficiarias de protección internacional no Concello de Tui e que se atopan en situación de irregularidade sobrevida.

28.12.2021

13.543,17 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a entidade Movimiento por la Paz el Desarme y la Libertad, para levar a cabo o programa de transición á autonomía das persoas que finalizan o itinerario dentro do sistema de acollida de persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional nos concellos de Teo e Santiago de Compostela, no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento da realización por parte da entidade dun programa extraordinario de transición á autonomía das persoas que finalizan o itinerario dentro do sistema nacional de acollida de solicitantes e persoas beneficiarias de protección internacional nos concellos de Teo e Santiago de Compostela e que se atopan en situación de irregularidade sobrevida.

28.12.2021

13.059,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a entidade Provivienda, para levar a cabo o acceso ao aloxamento das persoas que finalizan o itinerario dentro do sistema de acollida de persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional nos concellos de Vigo e Ourense na Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento da realización por parte da entidade dun programa extraordinario de transición á autonomía das persoas que finalizan o itinerario dentro do sistema nacional de acollida de solicitantes e persoas beneficiarias de protección internacional nos concellos de Vigo e Ourense, centrado na vivenda, e que se atopan en situación de irregularidade sobrevida.

28.12.2021

50.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Fundación Semana Verde de Galicia para a organización e o desenvolvemento dun encontro informático no ano 2021.

Contribuír ao financiamento da organización e desenvolvemento pola Fundación Semana Verde de Galicia dun encontro informático no ano 2021.

O encontro informático ten como obxectivo principal ser un punto de encontro e referencia para a xuventude no eido das novas tecnoloxías, combinando actividades educativas, lúdicas, formativas e culturais.

1.10.2021

50.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a Fundación Galicia Europa para a realización de programas de información sobre a Unión Europea e de proxectos de cooperación europea, destinados á xuventude galega, no exercicio 2021.

Contribuír ao financiamento dos programas de información e sensibilización da fundación sobre a Unión Europea dirixidos á mocidade galega, así como para o desenvolvemento pola fundación de proxectos de cooperación europea en beneficio dos mozos e mozas galegos e portugueses, durante o ano 2021.

15.10.2021

42.500,00 €

Acordo de prórroga para o ano 2022 do convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Servizo Galego de Saúde para a implantación do programa Acompañamento nos hospitais e centros de saúde na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mantemento nas distintas xerencias das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, do programa de acompañamento nos hospitais e centros de saúde, por persoas voluntarias aos/ás usuarios/as e visitantes que reciben asistencia sanitaria nalgún centro público do Servizo Gallego de Saúde.

18.10.2021

Sen custo económico

ANEXO II

Convenios asinados no primeiro e segundo cuadrimestre do ano 2021

Título

Obxecto

Data de sinatura

Importe (€) da consellería

Convenio de colaboración entre a Conselleria de Política Social e o Concello de Ferrol para cesión a título gratuíto dunha parcela e a construción dun centro de residencia de persoas maiores.

Establecer as bases para a cesión a título gratuíto, por parte do concello, dunha parcela localizada no Bertón, cunha superficie de 8.815 m2 con referencia catastral 4057316NJ6145N0000MG.

2.7.2021

Sen custo económico