Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 3 de febreiro de 2022 Páx. 7142

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 28 de xaneiro de 2022 pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B).

O 14 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas.

O 22 de xaneiro de 2021 asinouse o Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que se estrutura en varias liñas e eixes de actuación, dedica a actuación 3 do programa 2 do seu eixe primeiro a «incentivar a rehabilitación mediante a concesión de financiamento aos promotores da actuación» mediante «préstamos cualificados concedidos polas entidades de crédito no ámbito dos convenios asinados co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS)».

Despois da experiencia adquirida na tramitación dos citados préstamos, considérase oportuno incrementar ata 20.000 euros o importe máximo subvencionable por vivenda para as comunidades de propietarios. Así mesmo, considérase conveniente incluír dentro das actuacións protexibles previstas no anexo II as obras de ampliación de elementos comúns dos edificios, así como as obras de ampliación de vivendas, sempre e cando estean vinculadas a proxectos de rehabilitación que supoñan unha mellora da habitabilidade, da eficiencia enerxética e/ou da súa accesibilidade.

De conformidade coas atribucións conferidas no artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas, a competencia para ditar esta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e en consecuencia,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas

1. Modifícase o terceiro parágrafo do artigo 5.1.b), que pasa a ter a seguinte redacción:

«No caso de préstamos solicitados directamente polas comunidades de persoas propietarias, a contía total do préstamo non poderá exceder o menor dos seguintes importes: a totalidade do orzamento protexible ou vinte mil euros (20.000 €) por vivenda integrante da citada comunidade de propietarios/as».

2. Modifícase o anexo II, actuacións protexibles, incluíndo un novo tipo de actuación, e pasa a ter a seguinte redacción:

ANEXO II

Actuacións protexibles

Tipo de obra

Obras en elementos comúns dos edificios

(tamén aplicable a vivendas unifamiliares)

Obras en vivendas

Obras de adecuación estrutural e construtiva, de adecuación das condicións de habitabilidade do edificio ou da vivenda e de mellora da eficiencia enerxética.

Actuacións de reforzo, consolidación reparación ou substitución dos elementos estruturais do edificio ou vivenda para garantir a súa estabilidade e seguridade.

Rehabilitación de fachadas.

Remate de fachadas.

Substitución ou reparación de carpintarías exteriores e colocación de dobre carpintaría.

Cubertas con todos os seus elementos.

Reforma e instalación de ascensores que se adapte ás posibilidades do edificio e que non cree un itinerario practicable global desde a vía pública.

Instalación de fontanaría, gas, electricidade, protección contra incendios, ventilación, instalacións térmicas do edificio, instalacións comúns de telecomunicacións e alarmas (adaptación á normativa).

Redes de saneamento e evacuación de augas.

Illamento térmico e acústico para adaptar o elemento rehabilitado aos parámetros que exixe a normativa.

Novas instalacións de calefacción ou reformas que supoñan unha mellora da eficiencia enerxética.

Actuacións que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Novas instalacións de calefacción ou reformas e colocación de dobre ventá, que supoñan unha mellora da eficiencia enerxética.

Instalacións de electricidade para a adaptación á normativa.

Conversión de locais en vivendas.

Illamento térmico e acústico para adaptar o elemento rehabilitado aos parámetros que exixe a normativa.

Obras de adecuación dos edificios ou das vivendas e os seus accesos á normativa vixente sobre accesibilidade. Relacionadas coa supresión de barreiras arquitectónicas.

Instalación de ascensores que supriman todas as barreiras arquitectónicas, creando un itinerario practicable global dese a vía pública.

Reformas dos accesos desde a vía pública para suprimir barreiras arquitectónicas.

Reformas interiores para suprimir barreiras arquitectónicas para persoas con problemas de mobilidade.

Reformas de baños para suprimir barreiras (substitución de bañeiras, incorporación de maquinaria, etc).

Obras de adecuación do acabado xeral do edificio e das vivendas aos principios da boa construción.

Arranxos de portal, escaleiras e resto das zonas comúns do edificio.

Reformas de instalacións de electricidade, calefacción, fontanaría, instalacións térmicas do edificio, de saneamento e evacuación de augas, de gas e instalacións comúns de telecomunicacións.

Actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións para adecualas aos criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Reformas interiores de vivendas de albanelaría, escaiola, carpintaría interior, fontanaría, saneamento, reformas de instalacións de electricidade e calefacción, instalacións de gas, instalacións audiovisuais e actuacións de reparación ou substitución dos revestimentos de acabado dos paramentos verticais e horizontais da vivenda, incluída a pintura.

Substitución ou colocación dos aparellos sanitarios da vivenda sempre e cando vaian acompañados da reforma de fontanaría e/ou electricidade.

Remodelación da distribución interior da vivenda para adecuala ás necesidades dos seus usuarios.

Substitución ou reparación das carpintarías.

Obras de ampliación.

Obras de ampliación de elementos comúns, incluídas nun proxecto de rehabilitación, que supoñan unha mellora da habitabilidade, da eficiencia enerxética e/ou da súa accesibilidade.

Obras de ampliación, incluídas nun proxecto de rehabilitación, que supoñan unha mellora da habitabilidade, da eficiencia enerxética e/ou da súa accesibilidade.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda