Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2022 Páx. 5583

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

INSTRUCIÓN 1/2022, do 21 de xaneiro, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sobre a tramitación administrativa das instalacións de xeración na modalidade de autoconsumo con excedentes conectadas en baixa tensión de potencia inferior ou igual a 10 KW que non necesiten proxecto.

Antecedentes:

O 12 de marzo de 2021 publicouse no DOG a Instrución 2/2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sobre a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo.

O punto 5.2 da citada instrución, relativo ao procedemento de autorización de instalacións de xeración na modalidade de subministración con autoconsumo con excedentes, establece que estas instalacións, ao ser instalacións de produción están suxeitas ao réxime de autorizacións establecido no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Por outra banda indica que as instalacións de produción con potencia nominal non superior a 100 kW, conectadas directamente a unha rede de tensión non superior a 1 kV, xa sexa de distribución ou á rede interior dun consumidor, só necesitarán autorización de explotación para a súa posta en servizo.

Non obstante a Lei 24/2013, no punto 1.c) do artigo 53, establece que a autorización de explotación permite, unha vez executado o proxecto, poñer en tensión as instalacións e proceder á súa explotación, do que se deduce que só necesitarán autorización de explotación as instalacións que para súa tramitación administrativa precisen de proxecto de execución.

O Regulamento electrotécnico para baixa tensión (REBT) regula na súa ITC BT-04 punto 3 as instalacións que precisan de proxecto para a súa execución.

Polo exposto, procede deixar fóra da necesidade de emitir autorización de explotación as instalacións de xeración en baixa tensión que non necesiten proxecto técnico para a súa execución.

1. Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto desta instrución é clarificar a tramitación administrativa das instalacións de xeración asociadas á modalidade de autoconsumo con excedentes, conectadas en baixa tensión e de potencia inferior ou igual a 10 KW e que segundo o indicado no punto 3 da ITC BT-04 do REBT non necesiten de proxecto técnico para a súa execución.

Esta Instrución aplicarase aos rexistros novos e a que estean en trámite no momento da publicación desta instrución.

2. Procedemento para a posta en servizo das instalacións.

Antes da posta en servizo da instalación procederá, unicamente o rexistro da instalación conforme o establecido no REBT.

Presentarase a documentación que exixe a ITC BT 04 do REBT, xunto co permiso de acceso e conexión de ser necesario.

No caso de estar exento do permiso de acceso e conexión, segundo o establecido no artigo 7 do Real decreto 244/2019, do 5 de abril, achegarase un certificado de cualificación urbanística emitido polo concello, onde conste que a instalación está nun solo urbanizado que conta coas dotacións e servizos requiridos pola lexislación urbanística, no caso de formar parte dunha agrupación deberán presentar ademais o xustificante da garantía de acordo co establecido no artigo 23.3 do Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro.

Se a instalación se coloca na cuberta dunha edificación, achegarase un certificado por técnico competente conforme a capacidade portante da cuberta é adecuada.

A presentación da documentación anterior realizarase polo procedemento IN614C relativo a instalacións eléctricas de baixa tensión, indicando na solicitude que a instalación dispón dun sistema de xeración de enerxía con excedentes, cunha potencia menor de 10 kW e que non necesita proxecto técnico para a súa tramitación.

A presentación da devandita documentación habilita o titular da instalación para a súa posta en servizo de xeito inmediato, sen que supoña en ningún caso a aprobación técnica por parte da Administración, que poderá comprobar en calquera momento o cumprimento dos requisitos regulamentarios exixidos.

A inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dato ou información que se incorpore na documentación presentada, ou a non presentación ante a Administración competente da documentación que lle sexa requirida para acreditar o cumprimento do solicitado, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito ou actividade afectada desde o momento que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

3. Instrución 2/2021.

O punto 5.2.2 da Instrución 2/2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sobre a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo, queda actualizado e substituído pola presente Instrución no que se refire a instalacións de autoconsumo con excedentes conectadas en BT de potencia inferior ou igual a 10 kW que non necesiten proxecto de execución.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais