Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 19 de xaneiro de 2022 Páx. 2786

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

EXTRACTO da Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2022 (código de procedemento MT402B), tramitado como expediente anticipado de gasto.

BDNS (Identif.): 605863.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en data 1 de xaneiro de 2020, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter cumprido coa obriga anual de remisión ao Consello de Contas, das contas do concello. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

As subvencións teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos presentes tanto en edificios de titularidade municipal, coma en certos equipamentos de titularidade municipal, ou ben os producidos por eles debido ao seu aspecto exterior, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as directrices de paisaxe de Galicia. Os gastos subvencionables son os indicados no seu punto cuarto.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están contidas na Resolución do 20 de decembro de 2021, que abrangue tanto as bases reguladoras como a convocatoria para 2022.

Cuarto. Contía

Destínase crédito por importe total de seiscentos mil euros (600.000 €), financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma.

O importe da subvención será:

Liña I: 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 20.000 € por concello.

Liña II: 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 20.000 € por concello.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata o día 28 de febreiro de 2022.

Sexto. Outros datos

Sen prexuízo dos demais requisitos establecidos na resolución, cada concello poderá presentar unha única solicitude, na que poderá pedir unha axuda por cada unha das liñas existentes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que irá acompañado dos documentos que se especifican no punto oitavo da resolución.

Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela na que o expediente sexa presentado completo e conste no mesmo a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece na resolución.

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos sinalada no punto vixésimo da resolución será o 30 de setembro de 2022.

Recibida a documentación xustificativa, os órganos competentes do Instituto de Estudos do Territorio poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio