Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2022 Páx. 2269

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2021 pola que se dá publicidade do encargo ao medio propio Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) do servizo de xestión e mantemento dunha rede de asesoramento, seguimento e dinamización xuvenil.

Mediante a Resolución do 26 de febreiro de 2021 encoméndase a Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A. S.M.E., M.P. (Tragsatec) a execución dun servizo de xestión e mantemento dunha rede de asesoramento, seguimento e dinamización xuvenil, ata o 31 de decembro de 2021 .

Pola Resolución do 28 de decembro de 2021 mantense a dita encomenda por persistir a necesidade do encargo, ata o 31 de outubro de 2022.

Coa finalidade dar cumprimento ao disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e os artigos 15 e 19 da referida Orde do 29 de xuño de 2021, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o contido mínimo da encomenda:

– Actividade: servizo consistente na xestión e mantemento dunha rede de asesoramento, seguimento e dinamización xuvenil que busca achegar a mocidade galega á Administración ofrecéndolle, a través das canles de difusión máis adecuadas, asesoramento especializado nos recursos, programas, convocatorias e actividades destinados á poboación máis nova. Así mesmo, este programa incluirá o seguimento de resultados e indicadores das anteditas medidas, así como a necesaria dinamización da participación e asociacionismo xuvenil.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva. Consonte o previsto polos artigos 9 e 47 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, e para os efectos previstos nos artigos 6.3 e 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e segundo a disposición adicional vixésimo cuarta desta lei Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A. S.M.E., M.P. (Tragsatec) ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Consellería de Política Social.

– Prazo de vixencia: o encargo encomendado iniciado en virtude da Resolución do 26 de febreiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2021 prorrógase en virtude da Resolución do 28 de decembro de 2021 ata o 31 de outubro de 2022.

– Financiamento: este encargo tramitase con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.313A.227.99 dos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O importe do encargo para cada período ascende a trescentos cincuenta e sete mil setenta euros con setenta e sete céntimos (357.070,77 €).

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021

A conselleira de Política Social
P.D. (Orde do 3.3.201; DOG número 54, do 18 marzo)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social