Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2022 Páx. 993

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 20 de decembro de 2021 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, con domicilio na rúa Montero Ríos, número 24, en Lugo.

Feitos:

1. O 22 de novembro de 2021, Salvador Diz Cerviño, en representación da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas constituírona Tomás Notario Vacas e a entidade Caixa Rural Galega, SCCLG, representada polo presidente do seu Consello Reitor, Manuel Varela López, mediante escritura pública outorgada en Lugo o 23 de setembro de 2021, ante a notaria Natalia Nieto Alba, co número de protocolo 1.569.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– Promover a investigación en todos os ámbitos científico, cultural e educativo, con especial dedicación aos estudos de agroalimentación, veterinaria e forestal.

– Fomentar a educación da poboación do seu ámbito de referencia, con especial atención aos estudos superiores, en prol de conseguir a excelencia e especialización en ámbitos que poidan reverter na mellora das actividades produtivas e do progreso das materias específicas dos seus estudos.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Tomás Notario Vacas, como presidente; Manuel Varela López, como vicepresidente; Antonio Riveira Requeijo, como secretario, e Salvador Manuel Diz Cerviño e Alberto Cepeda Sáez, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 13 de decembro de 2021,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente e con carácter potestativo poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo