Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2022 Páx. 593

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de novembro de 2021, polo que se modifica parcialmente o do 5 de novembro de 2020, polo que se dispón a creación da Comisión Interdepartamental de I+D+i, para a planificación e coordinación en materia de I+D+i.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 5 de novembro de 2020, acordou a creación da Comisión Interdepartamental de I+D+i para a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade Autónoma en materia de I+D+i, co obxectivo de integrar e complementar a visión e perspectivas estratéxicas dos diferentes departamentos neste ámbito.

No punto quinto do acordo estableceuse a composición da comisión, formada polas persoas titulares dos entes/centros directivos citados no dito punto.

No punto noveno do acordo creouse un grupo técnico para impulsar o funcionamento da comisión, integrado por representantes dos entes/centros directivos que forman parte dela, coa categoría de subdirector/a ou equivalente.

O carácter transversal dalgunhas materias tratadas ao longo das diferentes reunións e o obxectivo de coordinar actuacións fixo necesario incorporar ao grupo técnico representantes doutros entes/centros directivos da Xunta de Galicia que teñen competencias en I+D+i e están a desenvolver actuacións específicas.

Para dar coherencia á composición de ambos os órganos colexiados procede modificar a composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i, incorporando como vogais as persoas titulares dos entes/centros directivos que xa veñen participando nas reunións do grupo técnico.

Con este fin, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 25 de novembro de 2021, acordou modificar a composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i.

Para xeral coñecemento, procédese á publicación do referido acordo, polo que

RESOLVO:

Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de novembro de 2021 que a seguir se transcribe:

«Modificar o punto quinto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de novembro de 2020 polo que se crea a Comisión Interdepartamental de I+D+i, incorporando como vogais as persoas titulares dos seguintes entes/centros directivos:

• Axencia Turismo de Galicia

• Axencia Instituto Enerxético de Galicia, Inega

• Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

• Dirección Xeral de Formación e Colocación

• Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria

• Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader

• Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica».

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Segunda
e Consellería de Economía, Empresa e Innovación