Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 29 de decembro de 2021 Páx. 64520

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 172/2021, do 23 de decembro, polo que se aproba o texto consolidado e a addenda ao Convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A., polo que se establece a achega extraordinaria para mitigar o impacto da subida de tarifas do ano 2022 e se regulan as bonificacións da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).

A Xunta de Galicia é titular das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), que teñen o seu percorrido dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A explotación destas autoestradas correspóndelle a Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A. (a sociedade concesionaria) en virtude da concesión administrativa para a construción, conservación e explotación das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), adxudicada á súa promotora polo Decreto 23/1995, do 20 de xaneiro.

O contrato de concesión réxese polos pregos que regulan a súa adxudicación, pola Lei 8/1972, do 10 de maio, de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e polo Decreto 215/1973, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o prego de cláusulas xerais para a construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e demais normas do dereito administrativo.

Con data do 30 de decembro de 2015 foi asinado un convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A., polo que se regulaba a bonificación da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57). O dito convenio esgotou a súa vixencia en 31 de decembro de 2019.

Con data do 1 de xanero de 2020 asinouse un novo convenio para dar continuidade ás bonificacións reguladas ata o 31 de decmbro de 2023. Con data do 10 de agosto de 2021 asinouse unha addenda ao dito convenio, previamente aprobada polo Decreto 117/2021, do 29 de xullo, para recoller unha nova bonificación específica destinada ás familias numerosas e redefinir a aplicación dos descontos na viaxe de volta (viaxes realizadas nas 24 horas).

Esta nova modificación do convenio, que se tramita como texto consolidado, recolle un reaxuste do crédito corrente para adecualo á evolución real dos pagamentos e unha achega extraordinaria de 475.000,00 € para mitigar o impacto da suba das tarifas do ano 2022.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co informe da Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do texto consolidado e addenda

Aprobar o texto consolidado e a addenda ao convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A., polo que se establece a achega extraordinaria para mitigar o impacto da suba de tarifas do ano 2022 e se regulan as bonificacións da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).

Publícase o seu texto consolidado como anexo.

Disposición derradeira. Efectividade

Este decreto producirá efectos a partir do día 1 de xaneiro de 2022.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil viente e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

ANEXO

Texto consolidado e addenda ao convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A. polo que se establece a aportacion extraordinaria para mitigar o impacto da suba de tarifas do ano 2022 e se regulan as bonificacións da peaxe das Autoestradas
A Coruña-Carballo (AG-55) E Puxeiros-Val Miñor (AG-57)

Reunidos:

Dunha parte, Ethel Vázquez Mourelle, presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas, facultada para a formalización deste convenio polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas.

E doutra, José César Canal Fernández, en nome e representación de Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A., que está facultado para a formalización da presente addenda en virtude do acordo do Consello de Administración adoptado na súa xuntanza do día 29 de novembro de 2021.

Ambas as partes se rcoñecen reciprocamente a súa capacidade para subscrición este convenio e

Manifestan:

I

A Xunta de Galicia ten atribuídas competencias sobre as estradas cuxo itinerario se desenvolva integramente no seu territorio, en virtude do artigo 27.8 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

Entre outras, a Xunta de Galicia é titular das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), que teñen o seu percorrido dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

II

A explotación destas autoestradas correspondelle a Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A. (a sociedade concesionaria), en virtude da concesión administrativa para a construción, conservación e explotación das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), adxudicada á súa promotora polo Decreto 23/1995, do 20 de xaneiro.

O contrato de concesión réxese polos pregos que regulan a súa adxudicación, pola Lei 8/1972, do 10 de maio, de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión ,e o polo Decreto 215/1973, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o prego de cláusulas xerais para a construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e demais normas do dereito administrativo.

III

A planificación que está a levar a cabo a Xunta de Galicia en materia de estradas ten como obxectivos ordenar e xerarquizar a rede autonómica de estradas, coordinar as iniciativas das distintas administracións, completar as comunicacións de Galicia co seu contorno, mellorar a accesibilidade ás cidades, aos espazos urbanos principais e ás grandes áreas industriais e loxísticas, integrando a seguridade viaria como criterio básico desde o propio deseño da infraestrutura, pretende facilitar a mobilidade da poboación, favorecendo un tránsito fluído, eficaz e seguro de persoas e mercadorías na Comunidade Autónoma.

Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia é consciente da necesidade dunha abordaxe mais profunda dos efectos derivados do cambio demográfico e da oportunidade do momento actual para facelo. Xestionar con éxito o reto demográfico a que se enfronta Galicia implica adoptar novos enfoques e traballar de xeito conxunto e con visión de futuro, tanto o sector público autonómico como as administracións locais e os axentes económicos e sociais. A Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, ten o obxectivo de servir como marco e orientación das actuacións en materia demográfica, xa que as repercusións que derivan do cambio demográfico implican a necesidade de incorporar a perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento de todas as políticas públicas.

O capítulo segundo do título II da lei regula o apoio ás familias co obxectivo de apoiar e promover o libre desenvolvemento das familias e favorecer que as persoas poidan levar a cabo o seu proxecto familiar en Galicia, así como ter o número de fillos e fillas que desexen. Con esta finalidade desenvólvense medidas de apoio específico ás familias numerosas en atención a súa especial contribución á sociedade, dada a achega á mudanza xeracional.

Polo tanto, o artigo 39 establece que a Administración autonómica establecerá bonificacións nas peaxes das autoestradas da súa titularidade e preverá a aplicación de prezos reducidos para estas familias nas licitacións de contratos ou concesións que inclúan a xestión de prazas de aparcamento nos hospitais públicos e centros dependentes dela.

Neste marco, considérase conveniente seguir adoptando medidas que teñan por obxecto bonificar o importe das peaxes polo uso das autoestradas autonómicas incorporando ás medidas xa adoptadas a regulación dunha bonificación específica para as familias numerosas.

IV

Con data do 30 de decembro de 2015 foi asinado un convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A., polo que se regula a bonificación da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).

No citado convenio estableceuse que o seu obxecto era fixar as bases para a colaboración entre a Xunta de Galicia e a sociedade concesionaria na aplicación de bonificacións por frecuencia de uso das peaxes vixentes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), e o pagamento pola Xunta de Galicia á sociedade concesionaria dos importes que deriven desta medida.

O 24 de setembro de 2019 foi asinada unha addenda ao dito convenio, no cal se ampliou o seu obxecto para incorporar descontos por treito horario de uso aplicables ás peaxes das autoestradas autonómicas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).

O 1 de xaneiro de 2020 asinouse un novo convenio co obxecto de dar continuidade ás bonificacións reguladas ata o 31 de decembro 2023.

Mediante o Decreto 117/2021, do 29 de xullo, aprobouse o texto consolidado e a addenda ao convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A., polo que se regulan as bonificacións da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).

O obxecto da modificación do convenio foi materializar unha nova bonificación específica destinada ás familias numerosas e redefinir a aplicación dos descontos na viaxe de volta (viaxes realizados nas 24 horas).

O novo convenio foi asinado o 10 de agosto de 2021.

Na cláusula quinta deste convenio establécese o límite anual máximo da compensación no exercicio 2021 correspondente ás bonificacións por frecuencia de uso, por treito horario de uso e para familias numerosas, o cal ascende a 1.225.000 euros.

Na cláusula 5.8, Consignación orzamentaria, a Xunta de Galicia aboará o importe da compensación con cargo á partida orzamentaria 09.A1.512B.4700 (código de proxecto 2010 00340).

Segundo o disposto na cláusula 6 do convenio, a sociedade concesionaria debe remitirlle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade as súas solicitudes de pagamento mensuais para realizar a súa comprobación e tramitación, recollendo os importes derivados da aplicación das bonificacións aos tránsitos correspondentes a cada mes natural.

Unha vez analizada a evolución da facturación de Autoestradas de Galicia, C.X.G., S.A., ata a data actual, estimouse que a Axencia Galega de Infraestruturas terá que facer fronte aos seus compromisos de gastos relativos ao dito convenio derivados da facturación mensual de 2021 presentada pola sociedade concesionaria por un importe total de 1.055.991,96 € polo que, como consecuencia disto, realiza a modificación da cláusula que establece os importes anuais máximos.

Polo tanto, que procede regularizar e actualizar o compromiso económico entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A.

V

O Plan Estratéxico de Galicia (PEG) ten por obxectivo xeral impulsar o crecemento económico fomentando un modelo de crecemento económico baseado na innovación e no capital humano, que favoreza unha Galicia moderna e cohesionada social e territorialmente e que permita diminuír o desemprego, aumentar a produtividade e o benestar dos galegos e das galegas colaborando a retomar a senda do crecemento demográfico e facendo da nosa Comunidade un territorio máis atractivo para traballar, investir e convivir.

Os orzamentos do ano 2021 e 2022 preséntanse en termos do PEG 2015-2020 prorrogado con adaptacións ás novas necesidades derivadas da COVID-19, como son a creación de obxectivos operativos en todos os obxectivos estratéxicos para dar cabida a actuacións extraordinarias derivadas das consecuencias da pandemia.

Polo tanto, os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia impulsan, entre outras, as accións destinadas a mellorar as infraestruturas de transporte, no marco dos eixes prioritarios de actuación que contribuirán ao modelo de crecemento económico plantexado.

A nova medida prevista neste convenio, que regula a limitación das peaxes que aboarán os usuarios das autoestradas de titularidade autonómica durante o ano 2022, cumpriría os obxectivos marcados nos orzamentos de Galicia. Esta medida debería contribuír a contrarrestar os efectos da crise e incrementar a competitividade. Así mesmo, trátase dunha acción que mellorará o funcionamento da rede de infraestruturas de transporte.

Dado que tanto a Administración Autonómica como a sociedade concesionaria estaban interesadas en regular a colaboración para os fins mencionados,

ACORDAN:

Cláusula 1. Obxecto

O obxecto do presente convenio é fixar as bases para a colaboración entre a Xunta de Galicia e a sociedade concesionaria para regular a achega extraordinaria para mitigar o impacto da suba de tarifas do ano 2022 e definir as seguintes bonificacións das peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57),e o pagamento pola Xunta de Galicia á sociedade concesionaria dos importes que deriven destas medidas.

Existirán tres tipos de bonificacións:

– Bonificación por frecuencia de uso.

– Bonificación por treito horario de uso.

– Bonificación para familias numerosas de Galicia.

Cláusula 2. Definicións

Aos efectos do disposto na cláusula 4 e seguintes deste convenio:

a) Enténdense por bonificacións os descontos aplicados sobre as peaxes vixentes en cada momento que se establecen segundo o criterio de frecuencia de uso, o criterio de treito horario de uso e o criterio de familias numerosas.

b) Enténdese por OBE (On Board Equipment) un TAG ou transpondedor, é dicir, un dispositivo electrónico situado no interior do vehículo que contén os datos do titular do medio de pagamento e que dialoga cos equipamentos da peaxe da autoestrada para concluír a operación precisa en cada momento, e que cumpre cos requisitos do Real decreto 94/2006, do 3 de febreiro, polo que se regula a interoperabilidade dos sistemas de telepeaxe instalados nas estradas estatais.

c) Enténdese por traxecto de ida e volta entre dous enlaces da autoestrada, o que ten igual orixe e destino; isto é, cando o vehículo entra na autoestrada por un enlace A, sae da autoestrada por un enlace B, entra de novo na autoestrada polo enlace B e sae da autoestrada polo enlace A, sendo A e B dous enlaces calquera da autoestrada.

d) Enténdese que os traxectos teñen lugar en 24 horas cando o pagamento da viaxe de volta se realiza dentro dun prazo máximo de 24 horas desde o pagamento da viaxe de ida.

e) Enténdese que o termo «vehículos» incluirá os vehículos de todas as categorías I, II e III, recollidas no contrato concesional, isto é, lixeiros, pesados I e pesados II, excepto no caso das bonificacións para familias numerosas, que se entenderá referido unicamente á categoría de lixeiros.

f) Enténdese como «importe da peaxe» o importe total que pagará o usuario (IVE incluído, o tipo impositivo que estea vixente en cada momento de acordo coa normativa aplicable) antes da aplicación das bonificacións obxecto deste convenio.

g) Enténdese por treito horario nocturno o comprendido entre as 0.00 horas e as 6.00 horas.

h) Enténdese como «concorrencia de bonificacións» cando un dispositivo OBE ten dereito á aplicación tanto da bonificación por frecuencia de uso como por treito horario de uso ou como por familia numerosa para un mesmo traxecto.

i) Para os efectos deste convenio, enténdese por familia numerosa as familias que teñan recoñecida a dita condición no título oficial establecido o efecto expedido pola Xunta de Galicia.

Cláusula 3. Achega extraordinaria para mitigar o impacto da suba de tarifas do ano 2022

1. Peaxes para aplicar durante o ano 2022

Co obxectivo de contrarrestar os efectos da crisis e incrementar a competitividade, a Axencia Galega de Infraestruturas realizará unha achega extraordinaria á sociedade concesionaria para mitigar o impacto da suba da peaxe do ano 2022 aos usuarios das autoestradas AG-55 e AG-57.

A sociedade concesionaria calculará as peaxes que se deberán aplicar durante o ano 2022, tomando como base as tarifas vixentes en 2021 de acordo coa Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 27 de novembro de 2020, incrementándoas só nun 2,5 %.

No marco do presente convenio, os usuarios beneficiaranse da anterior medida unicamente desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de decembro de 2022.

A partir do día 1 de xaneiro de 2023 aplicaranse as peaxes que resulten da correspondente revisión tarifaria calculados de acordo co establecido no Real decreto 210/1990, do 16 de febreiro, e coa redacción dada mediante o Decreto 100/2008, do 17 de abril, da Xunta de Galicia, con base nas tarifas oficiais segundo a Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 26 de novembro de 2021.

A Administración e a sociedade concesionaria poderán acordar medidas similares ás establecidas nesta cláusula para exercicios futuros.

2. Achega extraordinaria.

Co obxecto de garantir o equilibrio económico do contrato concesional, a Axencia Galega de Infraestruturas realizará unha achega extraordinaria á sociedade concesionaria para mitigar o impacto da suba da peaxe do ano 2022.

Esta achega corresponderase coa variación con IVE entre os ingresos resultantes das peaxes aplicadas ao usuario no ano 2022 segundo o punto anterior e os ingresos resultantes das peaxes aprobadas polo Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas de 26 de novembro de 2021.

3. Importe para abonar á sociedade concesionaria e procedemento de pagamento

Para dar cumprimento ao disposto no punto 2 anterior, a Xunta de Galicia aboaralle mensualmente á sociedade concesionaria a achega extraordinaria regulada nesta cláusula.

A sociedade concesionaria remitiralle á Axencia Galega de Infraestruturas, dentro dos quince primeiros días seguintes ao mes de devindicación, a liquidación mensual das diferenzas de recadación presentando o importe desagregado por traxectos e medios de pagamento.

A Axencia Galega de Infraestruturas disporá de 15 días para revisar a liquidación achegada pola sociedade concesionaria.

Unha vez prestada conformidade á liquidación, a sociedade concesionaria emitirá a factura correspondente. O importe destas facturas deberá ser aboado pola Axencia Galega de Infraestruturas dentro do prazo de corenta e cinco días contados desde a súa presentación.

Se a Xunta de Galicia non fai efectivo á sociedade concesionaria o pagamento dos ditos importes no prazo dos corenta e cinco días desde a recepción da factura, a sociedade concesionaria terá dereito ao aboamento dos correspondentes xuros de demora sobre a cantidade debida, contado desde o vencemento deste prazo de corenta e cinco días, ao tipo de xuro legal do diñeiro, sempre que reclame previamente e por escrito o cumprimento do deber.

No primeiro semestre do ano seguinte efectuarase unha liquidación anual correspondente ao exercicio anterior, en que, en función da revisión e comprobación practicada, poderán realizarse as correccións que procedan emitindo a factura que, de ser o caso, corresponda, se procede.

As contas anuais da sociedade concesionaria recollerán de forma separada os ingresos procedentes dos usuarios e os importes aboados pola Administración regulados neste convenio.

4. Consignación orzamentaria.

A Xunta de Galicia consignará o importe estimativo de 475.000 euros (IVE incluído) como achega extraordinaria para mitigar o impacto da suba da peaxe do ano 2022 recollida no punto 2 con cargo á partida orzamentaria 09.A1.512B.4700 (código de proxecto 2010 00340).

Anualidade

Importe (€)

2022

475.000

O anterior importe é de carácter meramente estimativo e non constitúe ningún límite máximo, pola que se deberá ter en conta o que resulte da correspondente liquidación anual.

No suposto de que se supere a consignación orzamentaria, tramitarase e fiscalizarase a correspondente addenda coa cantidade que supere esa contía.

5. Base para a aplicación das bonificacións reguladas no presente convenio.

A base para a aplicación das bonificacións por frecuencia de uso, por treito horario de uso e para familias numerosas de Galicia, reguladas no presente convenio, serán as peaxes calculadas segundo o establecido na cláusula 3.1.

A partir do día 1 de xaneiro de 2023, a base para a aplicación das bonificacións por frecuencia de uso, por treito horario de uso e para familias numerosas de Galicia, serán as peaxes que resulten da correspondente revisión tarifaria calculados de acordo co establecido no Real decreto 210/1990, do 16 de febreiro, e coa redacción dada mediante o Decreto 100/2008, do 17 de abril, da Xunta de Galicia, con base nas tarifas oficiais segundo a Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 26 de novembro de 2021.

Cláusula 4. Requisitos para a aplicación das bonificacións

1. A aplicación da bonificación da peaxe segundo o criterio de frecuencia de uso estará condicionada ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que se trate do mesmo vehículo que realice o pagamento do traxecto ou traxectos de volta nun prazo máximo de 24 horas desde o pagamento da viaxe de ida.

b) Que o vehículo utilice como sistema de pagamento un sistema de peaxe dinámica ou telepeaxe, con OBE que sexa interoperable.

Non se aplicará esta bonificación no caso de que tanto a viaxe de ida como a correspondente viaxe de volta teñan lugar no mesmo domingo, día festivo no territorio da Comunidade Autónoma ou día festivo de ámbito nacional.

2. A aplicación da bonificación da peaxe segundo o criterio de treito horario de uso estará condicionada ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que se realice o pagamento do percorrido no treito horario nocturno comprendido desde as 00.00 horas ata as 6.00 horas.

b) Que o vehículo utilice como sistema de pagamento un sistema de peaxe dinámica, ou telepeaxe, con OBE que sexa interoperable.

3. A aplicación da bonificación da peaxe para familias numerosas estará condicionada ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser unha familia numerosa e que a unidade familiar estea en posesión dun título de familia numerosa en vigor, expedido pola Xunta de Galicia de conformidade co disposto no artigo 2 do Regulamento da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas.

b) Cubrir o impreso de solicitude de alta na epígrafe da páxina web que a sociedade concesionaria desenvolverá para o efecto e que estará dispoñible en www.autoestradas.com

O dito impreso tamén estará dispoñible na anterior web en formato imprimible para a súa presentación de forma presencial nas oficinas da sociedade concesionaria sitas na rúa Alfredo Vicenti, 13, 15004 A Coruña.

O impreso de solicitude deberá ir acompañado en todo caso da seguinte documentación:

• Título oficial en vigor de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia, no cal se inclúa a súa data de vixencia.

• Certificado de titularidade do dispositivo Vía-T, expedido pola entidade financeira ou de calquera outra índole en que se adquiriu, no cal se inclúa a súa vixencia.

• O titular do dispositivo deberá ser membro da familia numerosa de que se trate.

• Copia do permiso de circulación do vehículo lixeiro que empregue a familia numerosa, ou, de se er o caso, do contrato de alugamento do vehículo.

O/s titular/es do/s vehículo/s ou do contrato de aluguer deberá/n ser membro/s da familia numerosa de que se trate.

• Unicamente se poderá asociar un dispositivo de telepeaxe por cada familia numerosa, agás nos seguintes casos, en que se poderán asociar dous:

– Familia numerosa integrada por pais divorciados, sempre e cando se presente a resolución xudicial de custodia compartida ou, de ser o caso, resolución xudicial en que se declare a obriga de prestación de alimentos.

– Familia numerosa de categoría especial.

A presentación do formulario de solicitude da alta ante a sociedade concesionaria, xa sexa por medios telemáticos ou presenciais, entenderase como declaración de responsabilidade do beneficiario da bonificación sobre a vixencia da totalidade dos datos consignados e documentación acompañada.

c) Que o/s vehículo/s que se desexe asociar a familia numerosa empregue/n como sistema de pagamento o sistema de peaxe dinámica, ou telepeaxe, con OBE que sexa interoperable, comunicado á sociedade concesionaria no formulario da alta.

d) O traxecto ou traxectos a que resulte aplicable a bonificación deberán ser realizados polo mesmo vehículo lixeiro comunicado á sociedade concesionaria a través do formulario de alta a que se fixo mención no punto b) do presente artigo, e pola súa vez este deberá portar sempre e en todo caso o dispositivo Vía-T tamén comunicado á sociedade.

e) Os interesados virán obrigados a manter actualizada permanentemente a información e documentación facilitada á sociedade concesionaria, e deberanlle comunicar por escrito a esta calquera variación.

f) En caso de perda ou extravío do OBE, este feito deberá ser comunicado de inmediato e por escrito á sociedade concesionaria.

Cláusula 5. Bonificacións da peaxe

1. Bonificación por frecuencia de uso.

Nos casos en que proceda, o importe que a concesionaria cobrará aos usuarios será o que resulte de aplicar, no importe das peaxes vixentes en cada momento, a bonificación seguinte:

Cando se realice con cargo a un OBE o pagamento dun traxecto con ida e volta entre dous enlaces da autoestrada nun prazo máximo de 24 horas, a sociedade concesionaria realizará os seguintes descontos:

a) Unha bonificación do 25 por cento sobre o importe da viaxe de volta se o usuario realiza unha única viaxe de volta en 24 horas.

b) Unha bonificación do 50 por cento sobre o importe do segundo e ulteriores traxectos de volta se o usuario realiza dúas ou máis viaxes de volta en 24 horas.

2. Bonificación por treito horario de uso.

Nos casos en que proceda, cando se realice con cargo a un OBE o pagamento dun traxecto no treito horario nocturno que comprende desde as 00.00 horas ata ás 6.00 horas, a sociedade concesionaria aplicará unha bonificación do 50 por cento sobre o importe da peaxe en vigor en cada momento.

3. Bonificación para familias numerosas.

Nos casos en que proceda, o importe que a concesionaria cobrará aos usuarios será o que resulte de aplicar, no importe das peaxes vixentes en cada momento, a bonificación seguinte:

Cando se realice con cargo a un OBE o pagamento dun traxecto de volta nun prazo máximo de 24 horas desde o pagamento da viaxe de ida, a sociedade concesionaria aplicará no traxecto de volta unha bonificación do 100 por cento sobre o importe da peaxe en vigor en cada momento.

Cláusula 6. Importe que pagará a Administración

1. Importe da compensación que pagará pola bonificación por frecuencia de uso.

missing image file

Onde:

i: son os itinerarios de cada unha das autoestradas.

Ti: son os primeiras viaxes de ida e volta cando a viaxe de volta se aboe nun prazo máximo de 24 horas desde o pagamento da viaxe de ida e cux orixe e destino son os mesmos puntos de entrada e saída (definidos na cláusula 2.c do presente convenio).

Pi: é o importe da peaxe vixente en cada momento correspondente a cada un dos traxectos.

ti: son as segundas e ulteriores viaxes de ida e volta cando a viaxe de volta se aboe nun prazo máximo de 24 horas desde o pagamento da viaxe de ida e cuxa orixe e destino son os mesmos puntos de entrada e saída (definidos na cláusula 2.c do presente convenio).

2. Importe da compensación que se pagará pola bonificación por treito horario de uso.

Para levar a efecto a bonificación por treito horario de uso regulada no presente convenio, a Administración aboaralle á sociedade concesionaria o importe diferencial entre os ingresos da peaxe que obtería se non se practicase a bonificación regulada no número 2 da cláusula 5 e os ingresos realmente obtidos.

O importe da compensación que pagará a Administración á sociedade concesionaria determinarase de acordo coa seguinte fórmula:

missing image file

Onde:

i: son os itinerarios de cada unha das autoestradas.

Ti: son as viaxes de realizadas no treito horario nocturno desde as 00.00 horas ata as 6.00 horas.

Pi: é o importe da peaxe vixente en cada momento correspondente a cada un dos traxectos.

3. Importe da compensación que se pagará pola bonificación destinada ás familias numerosas.

O importe da compensación que se pagará pola Administración á sociedade concesionaria determinaranse de acordo coa seguinte fórmula:

missing image file

Onde:

i: son os itinerarios de cada unha das autoestradas.

Ti: son as viaxes de ida e volta cando a viaxe de volta se aboe nun prazo máximo de 24 horas desde o pagamento da viaxe de ida e cuxa orixe e destino son os mesmos puntos de entrada e saída (definidos na cláusula 2.c) do presente convenio).

Pi: é o importe da peaxe vixente en cada momento correspondente a cada un dos traxectos.

4. Concorrencia de bonificacións.

No caso de que sexan de aplicación as tres compensacións, primeiro calcularase a bonificación por treito horario de uso, posteriormente sobre o dito resultado aplicarase a bonificación correspondente por frecuencia de uso coa regulación específica, de ser o caso, da bonificación destinada ás familias numerosas.

5. Instalación de medios técnicos e o seu financiamento.

A sociedade concesionaria asumirá o custo da instalación do equipamento técnico do sistema de recoñecemento de matrículas necesario para xestionar a aplicación das bonificacións reguladas para garantir un servizo eficiente aos beneficiarios.

Coa mesma finalidade, para financiar o novo investimento, a Xunta de Galicia achegará un importe de 217.800 euros, IVE incluído, condicionado á acreditación por parte da sociedade concesionaria do custo total real da execución do dito investimento.

A sociedade concesionaria remitiralle á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia un documento técnico que recolla as instalacións do equipamento técnico do sistema de recoñecemento de matrículas e a súa valoración.

A Xunta de Galicia revisará e aprobará o dito custo previamente ao pagamento da achega da Administración.

6. Itinerarios.

a) Os itinerarios existentes actualmente na autoestrada AG-55 son:

A Coruña-Arteixo;

Arteixo-Paiosaco;

Arteixo-A Laracha;

Arteixo-Carballo;

Paiosaco-A Laracha;

Paiosaco-Carballo;

A Laracha-Carballo.

b) Os itinerarios existentes actualmente na autoestrada AG-57 son:

Puxeiros-Vincios;

Puxeiros-Gondomar;

Puxeiros-Nigrán;

Puxeiros-A Ramallosa;

Puxeiros-Baiona;

Vincios-Gondomar;

Vincios-Nigrán;

Vincios-A Ramallosa;

Vincios-Baiona;

Nigrán-A Ramallosa;

Nigrán-Baiona;

A Ramallosa-Baiona.

7. Importes anuais máximos.

7.1. Considerando que as bonificacións por frecuencia de uso, por treito horario de uso e para familias numerosas poderían ocasionar un incremento no uso das autoestradas, como tráfico inducido, establécense como límites de pagamento anuais máximos os seguintes importes da compensación:

Anualidade

Importe (€)

2021

1.055.991,96

2022

1.525.000

2023

1.525.000

En caso de que a Administración pague o importe máximo, a Axencia Galega de Infraestruturas terá dereito a prorrogar o réxime de bonificación ou a suspender a súa aplicación ata o remate do ano natural.

No caso de que a Administración acorde a prórroga, a sociedade concesionaria estará obrigada a aplicar a bonificación ata o remate do ano natural.

7.2. Establécese como límite de pagamento anual respecto da achega da Administración para o financiamento dos medios técnicos recollidos na cláusula 6, o seguinte importe:

Anualidade

Importe (€)

2021

217.800

8. Consignación orzamentaria.

1. A Xunta de Galicia aboará o importe da compensación polas bonificacións reguladas con cargo á partida orzamentaria 09.A1.512B.4700 (código de proxecto 2010 00340), de acordo coa seguinte distribución:

Anualidade

Importe (€)

2021

1.055.991,96

2022

1.525.000

2023

1.525.000

No exercicio 2022, a partida orzamentaria de 1.525.000 € será adicional á partida orzamentaria prevista na cláusula 3.4 para a achega extraordinaria para mitigar o impacto da suba da peaxe do ano 2022.

2. A Xunta de Galicia abonará o importe da achega para os medios técnicos recollidos na cláusula 5 con cargo á partida orzamentaria 09.A1.512B.7700 (Código de proxecto 2010 00340), de acordo coa seguinte distribución:

Anualidade

Importe (€)

2021

217.800

Cláusula 7. Procedemento de pagamento

1. Devindicación.

O dereito da sociedade concesionaria ao aboamento dos importes definidos na cláusula 6 entenderase devindicado mensualmente, o último día de cada mes.

2. Procedemento de liquidación.

A sociedade concesionaria remitiralle á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, dentro dos quince primeiros días seguintes ao mes de devindicación, a súa solicitude de pagamento mensual presentando a seguinte documentación:

a) Liquidación mensual.

b) Información sobre o número, a data e o tipo de traxectos beneficiarios do desconto no mes precedente, o importe desagregado por traxectos e o importe total dos descontos aplicados.

3. Aprobación da liquidación.

Unha vez recibida a liquidación mensual e información complementaria, a Axencia Galega de Infraestruturas comprobará o seu contido e que este se axusta ás xustificacións establecidas no presente convenio.

A Xunta de Galicia deberá notificarlle á sociedade concesionaria a aprobación ou o rexeitamento da solicitude de pagamento no prazo de 30 días naturais desde a súa recepción. O incumprimento deste prazo non se poderá entender en ningún caso como aprobación da liquidación.

Para os efectos do disposto nesta cláusula, a Xunta de Galicia realizará as comprobacións que considere oportunas.

Para efectuar as citadas comprobacións, desenvolverase unha aplicación informática que permita analizar a información cunha desagregación por tránsitos, peaxes aplicadas e bonificacións efectivas.

A Xunta de Galicia poderá aprobar só parte do importe da solicitude de pagamento e deixar outra parte pendente se considera que algunha das circunstancias que dan dereito ao desconto, ou a aplicación pola sociedade concesionaria do desconto aos usuarios, non están suficientemente acreditados, e debe motivar tal rexeitamento.

4. Pagamento dos importes correspondentes ás bonificacións.

A Administración aboará a liquidación mensual dentro dos sesenta días seguintes á data en que a sociedade concesionaria presente a liquidación.

O importe aboado pola Administración considerarase como prezo para os efectos do IVE. A liquidación mensual non deberá incluír o IVE.

A Xunta de Galicia entende que as bonificacións cumpren os requisitos para seren consideradas subvención vinculada ao prezo, polo que os importes percibidos pola sociedade concesionaria en virtude deste convenio se integrarán na base impoñible do imposto sobre o valor engadido, e a sociedade concesionaria repercutirá o dito imposto integramente nos usuarios.

5. Xuros de demora.

Se a Xunta de Galicia non fai efectivo á sociedade concesionaria o pagamento do importe da compensación no prazo dos sesenta días desde a recepción da liquidación mensual, a sociedade concesionaria terá dereito ao aboamento dos correspondentes xuros de demora sobre a cantidade debida, contado desde o vencemento do dito prazo de sesenta días, ao tipo do xuro legal do diñeiro, sempre que reclame previamente e por escrito o cumprimento da obriga.

6. Liquidación anual por reaxuste.

No primeiro semestre de cada ano natural efectuarase a liquidación anual por reaxuste correspondente ao exercicio anterior.

A Xunta de Galicia efectuará unha análise da aplicación dos descontos ao longo do ano natural anterior segundo a información sobre tránsitos e facturación, presentada pola sociedade concesionaria e a entidade financeira.

A dita comprobación terá como obxecto corrixir irregularidades ou pagamentos que a Xunta de Galicia non considere debidamente acreditados.

Cláusula 8. Información sobre tránsitos e pagamentos

1. Entidade emisora.

Para os efectos deste convenio, enténdese por entidade emisora aquela ou aquelas que realicen a xestión do cobramento do sistema de Vía T nas autoestradas AG-55 e AG-57. A título informativo, as entidades emisoras actuais son:

– Abanca Corporación Bancaria, S.A.

– Bip & Drive E.D.E.S.A.

– Ingénico Iberia, S.L.

– Pagatelia, S.L.

– Red Española de Servicios, S.A.U.

– Solred.

– Vía Verde Portugal-Gestão de Sistema Eletrónicos de Cobrança, S.A.

– Tolltickets.

2. Información ordinaria.

Autoestradas de Galicia transmitiralle mensualmente, de forma informatizada e en documento executable, á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, un resumo diario e mensual da dita información correspondente ao mes precedente, co seu importe correspondente, xunto cun certificado emitido por cada unha das entidades emisoras cos importes correspondentes.

3. Información adicional.

Así mesmo, a sociedade concesionaria facilitaralle á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia calquera información adicional que esta considere oportuna en relación coa aplicación da medida obxecto do presente convenio e coa verificación dos sistemas.

Cláusula 9. Financiamento de medios técnicos

Para proceder ao pagamento do importe recollido da cláusula 6.5 a sociedade concesionaria remitiralle á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia as facturas ou documentos acreditativos do aboamento das cantidades solicitadas para a súa validación.

Cláusula 10. Datos de carácter persoal

1. A aplicación deste convenio levarase a cabo de forma que o tratamento dos datos persoais necesarios para a súa aplicación se faga conforme as normas de protección das liberdades e dereitos fundamentais das persoas, incluída a súa vida privada e, en particular, de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Igualmente, será de obrigado cumprimento, na súa aplicación específica ao servizo de telepeaxe, o que dispoñen, a ese respecto, a Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, e a Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos á sociedade da información e de comercio electrónico.

Cláusula 11. Prevención da fraude

1. Xeral.

As partes comprométense a procurar unha correcta utilización das medidas por parte dos usuarios, respectuosa e acorde coa finalidade pretendida pola Xunta de Galicia, evitando a súa aplicación fraudulenta.

2. Conductas fraudulentas respecto da bonificación por frecuencia de uso.

En particular, non será de aplicación a medida de bonificación da peaxe cando poida acreditarse calquera dos aspectos recollidos nas letras seguintes:

a) No caso de que un vehículo realice o traxecto de ida e ceda o OBE a un segundo vehículo que realice o traxecto de volta, e se beneficie da bonificación do 25 por cento no traxecto de volta.

b) No caso de que un vehículo realice un traxecto de ida e volta con dereito a bonificación e ceda o OBE a outro(s) vehículo(s), que realicen un novo ou ulteriores traxectos de ida e volta con dereito ao bonificación do 50 por cento no traxecto de volta.

c) No caso de que non se detecte o dispositivo Vía-T ou que este non sexa correctamente lido polo sistema e este feito non sexa atribuíble á sociedade concesionaria.

d) Aqueles outros supostos que a Administración defina no futuro e lle notifique á sociedade concesionaria como actuacións fraudulentas en relación coa aplicación da medida regulada no presente convenio.

Serán responsables da conduta fraudulenta os que a realicen e os que presten a súa colaboración.

3. Control de uso indebido respecto da bonificación por familia numerosa.

En particular, non será de aplicación a medida de bonificación da peaxe por familia numerosa:

a) No caso de que se empregue un vehículo distinto ao comunicado/s á sociedade concesionaria.

b) No caso de que se empregue un dispositivo Vía-T distinto ao comunicado/s á sociedade concesionaria.

c) No caso de que non se detecte o dispositivo Vía-T ou que este non sexa correctamente lido polo sistema e este feito non sexa atribuíble á sociedade concesionaria.

d) No caso de que a matrícula do vehículo non sexa lexible.

4. Persecución da fraude.

O disposto na presente cláusula enténdese sen prexuízo do dereito que lle corresponda á Administración para perseguir e sancionar as condutas fraudulentas en relación coa aplicación da peaxe, de conformidade coa lexislación vixente.

Cláusula 12. Regulación das medidas

A sociedade concesionaria incorporará as medidas recollidas no presente convenio aos regulamentos do servizo da AG-55 e da AG-57, logo da aprobación do seu texto pola Axencia Galega de Infraestruturas .

Cláusula 13. Publicidade

A sociedade concesionaria deberá realizar actuacións de difusión das medidas de bonificación da peaxe de forma que chegue ao coñecemento dos usuarios.

Cláusula 14. Equilibrio económico

As partes entenden que o pagamento da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia dos importes regulados nas cláusulas 3 e 5 é suficiente para cubrir a perda de ingresos que lle ocasiona a aplicación, durante o ano 2022, das peaxes establecidas na cláusula 3.1 e a aplicación das bonificacións por frecuencia de uso, por treito horario de uso e para familias numerosas, así como calquera gasto que derive do cumprimento do presente convenio.

Cláusula 15. Réxime xurídico

O presente convenio rexerase polo disposto nas súas cláusulas, polas normas que regulan o contrato de concesión subscrito entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A. con data do 11 de setembro de 1995 pola Lei 8/1972, do 10 de maio, de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e polo Decreto 215/1973, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o prego de cláusulas xerais para a construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e demais normas do dereito administrativo.

Cláusula 16. Comisión de seguimento

Para o seguimento e desenvolvemento do presente convenio constituirase unha comisión de seguimento e control, composta por dous vogais, un en representación da Xunta de Galicia, por proposta da Axencia Galega de Infraestruturas, e un en representación de Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A.

A comisión de seguimento e control estará presidida polo representante da Xunta de Galicia.

Ás reunións poderán asistir, como asesores, os técnicos que se xulgue conveniente.

A comisión reunirase ao longo da vixencia do convenio en sesión ordinaria unha vez ao ano e extraordinaria sempre que o requira o asunto que se vaia tratar, por solicitude dunha das partes.

Cláusula 17. Suspensión e resolución

A Administración poderá suspender a aplicación ou acordar a resolución do presente convenio en calquera momento se se alteran os motivos tidos en conta para o establecemento das bonificacións ou concorren causas obxectivas que dalgún modo o xustifiquen. A suspensión da aplicación ou acordo de resolución deberá notificarse por escrito cunha antelación mínima de tres meses á data da súa efectividade e con expresión dos seus motivos ou causas.

Serán causas de extinción deste convenio:

• O non cumprimento do seu obxecto.

• A inviabilidade da realización das actuacións descritas neste convenio por causas non imputables ás partes.

• O incumprimento de carácter total ou parcial de calquera das cláusulas do convenio. Entenderase por incumprimento parcial aquel que implica en maior ou menor grao a non consecución dos fins propios do convenio ou impidan de xeito directo ou indirecto as actuacións previstas nel.

• Renuncia por causas de interese público, por instancia de calquera das partes.

Cada unha das situacións descritas por si soa é causa suficiente de rescisión do convenio.

Cláusula 18. Cláusula de xurisdición

A xurisdición contencioso-administrativa será a competente para entender de calquera litixio, discrepancia, cuestión ou reclamación que xurda entre as partes relacionadas coa interpretación e execución do presente convenio.

Cláusula 19. Vixencia do convenio

1. O presente convenio aplicarase desde o momento da entrada en vigor do decreto polo que se aprobe e permanecerá en vigor ata a súa extinción o 31 de decembro de 2023. Este prazo poderá ser prorrogado por acordo das partes mediante a subscrición da pertinente addenda.

2. A sociedade concesionaria deberalle presentar á Administración a proposta de modificación dos regulamentos do servizo para a aplicación das bonificacións no prazo de quince días desde a entrada en vigor do convenio.

3. Unha vez que se produza a extinción do convenio, a Xunta de Galicia non estará obrigada a efectuar o pagamento previsto na cláusula 6. De forma correlativa, a sociedade concesionaria tampouco estará obrigada a aplicar as bonificacións previstas na cláusula 5.

Así o outorgan no lugar e data do encabezamento, subscribindo o presente convenio por triplicado exemplar.

Ethel Vázquez Mourelle

Presidenta da Axencia Galega
de Infraestuturas

José César Canal Fernández

Autoestradas de Galicia Autopistas de Galicia Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A.