Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 28 de decembro de 2021 Páx. 64339

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2021/175-4).

Expediente: IN407A 2021/175-4.

Promotora: Nasas Nigrán 2021, S.L.

Denominación: LMTS e CS Porto do Molle.

Concello: Nigrán.

Feitos:

Primeiro. O 5 de agosto de 2021, a empresa Nasas Nigrán 2021, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación LMTS e CS Porto do Molle.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste nunha liña de media tensión subterránea que deriva dun centro de seccionamento proxectado para dar solución de subministración eléctrica a unha parcela que se destinará a un centro comercial. As obras sitúanse en Porto do Molle, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Segundo. O 20 de agosto de 2021, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Nigrán que non emitiu ningún condicionado técnico.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Instalación dun centro de seccionamento con tres celas de liña telecontroladas e unha de servizos auxiliares. Liña de media tensión subterránea de 20 kV, de 3 metros de lonxitude, con orixe na arqueta e final no centro de seccionamento proxectado.

As instalacións están situadas no Porto do Molle, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa Nasas Nigrán 2021, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e CS Porto do Molle, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. A empresa Nasas Nigrán 2021, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 26 de novembro de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra