Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 27 de decembro de 2021 Páx. 64042

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2021, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de sendas na AC-552, treitos 34+400-34+860 e 44+300-45+080, de clave AC/19/132.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas no trámite de información pública, ditou o 3 de decembro de 2021 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de sendas na AC-552. Treitos 34+400-34+860 e 44+300-45+080, de clave AC/19/132.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O artigo 6.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia e o artigo 12.2 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, determinan que os espazos destinados a sendas para peóns ou para a circulación de ciclistas teñan a consideración de elementos funcionais da estrada. Tendo en conta este precepto, a Xunta de Galicia elaborou a estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia, entre cuxos obxectivos está o fomento dos sistemas de transporte alternativos aos motorizados, que permitan minimizar as repercusións sobre o ambiente e os seus impactos sociais e económicos.

Segundo. A actuación obxecto do proxecto consiste na execución de dous treitos de sendas peonís apoiadas na estrada autonómica AC-552, no termo municipal de Coristanco, un deles entre os puntos quilométricos (pp.qq.) 34+400 (final da senda Carballo-Bértoa) e o 34+860 (inicio da beirarrúa próxima aos arredores do centro comercial Carrefour), pola marxe esquerda da estrada; e o outro entre os pp.qq. 44+300 (final das beirarrúas de Bormoio) e o 45+080 (punto de acceso ao cemiterio de Agrillos), pola marxe dereita da estrada.

Terceiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 107, do 8 de maio de 2021, publicouse o Anuncio do 26 de maio de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de sendas na AC-552. Treitos 34+400-34+860 e 44+300-45+080, de clave AC/19/132.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Cuarto. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública non se formularon alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu punto 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que «logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente».

De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, o Concello de Coristanco deberá adaptar o seu planeamento urbanístico na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

Terceiro. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e tralos informes e certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública denominado sendas na AC-552. Treitos 34+400-34+860 e 44+300-45+080, de clave AC/19/132.06.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción de sendas na AC-552. Treitos 34+400-34+860 e 44+300-45+080, de clave AC/19/132.06, sen modificacións respecto do trazado sometido a información pública.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Coristanco deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas