Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 17 de decembro de 2021 Páx. 62293

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vila de Cruces (expediente IN407A 2021/081-4).

Expediente: IN407A 2021/081-4.

Promotora: Hitraf, S.A.

Denominación: recuamento LMT POR702 en Vila de Cruces.

Concello: Vila de Cruces.

Feitos:

Primeiro. O 28 de abril de 2021, a empresa Hitraf, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de recuamento LMT POR702 en Vila de Cruces.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste nun recuamento da liña de media tensión aérea POR702, realizando un tramo subterráneo e outro aéreo, para a construción dunha nave agroforestal. As obras sitúanse no lugar de Vilela, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra).

Segundo. O 6 de maio de 2021, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é o Concello de Vila de Cruces e a Axencia Galega de Infraestruturas. Os organismos non emitiron condicionados técnicos.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión aérea (LMTA) de 15 kV de tensión e 191 metros de lonxitude con orixe no apoio proxectado da LMTA POR702 e final no apoio existente.

Liña de media tensión soterrada (LMTS) de 15 kV de tensión e 237 metros de lonxitude con orixe no apoio proxectado e final no apoio proxectado.

As instalacións están situadas no lugar de Vilela, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa Hitraf, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Recuamento LMT POR702 en Vila de Cruces, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. A empresa Hitraf, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 3 de decembro de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra