Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 17 de decembro de 2021 Páx. 62150

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2021 pola que se dá publicidade da convocatoria do proceso selectivo para a cobertura temporal por persoal funcionario interino dun posto reservado á escala de mestres/as de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros.

A Consellería do Mar, dentro da súa estrutura orgánica, conta co Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo como un dos centros de ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras dependentes dela, no cal se imparten ensinanzas tanto regradas como non regradas. Para o correcto funcionamento destes centros resulta imprescindible que os seus cadros de persoal docente permanezan estables, motivo polo que, en caso de vacante, enfermidade ou ausencia, a Consellería do Mar solicita a cobertura temporal dos postos o antes posible, mediante o procedemento establecido no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Ao estar vacante no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo un posto reservado á escala de mestres/as de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, solicitouse a cobertura do posto polo procedemento establecido no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, á Dirección Xeral da Función Pública, órgano competente para a selección e o nomeamento de persoal funcionario interino, que non puido seleccionar o persoal adecuado por non existir na lista da correspondente especialidade aspirantes que reunisen os requisitos establecidos. Polo anterior, e debido á urxente e inaprazable necesidade de cubrir o posto, ao tratarse dun servizo público de carácter esencial, a mesma dirección xeral autorizou excepcionalmente a Consellería do Mar para iniciar un procedemento similar ao establecido no artigo 7.5.b.2 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, para a cobertura do posto, e emitiu informe favorable sobre as súas bases, aprobadas por esta consellería.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Anunciar a convocatoria do proceso selectivo para a cobertura temporal por persoal funcionario interino dun (1) posto reservado á escala de mestres/as de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

As bases e condicións constan na páxina web da Consellería do Mar http://mar.xunta.gal

Para participaren nesta convocatoria as persoas interesadas utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe nas bases da convocatoria.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021

A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 8.9.2017)
Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar