Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 10 de decembro de 2021 Páx. 60063

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG410A).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 25 de outubro de 2021, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia e convocalas para o exercicio 2022 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG410A).

As axudas das bases reguladoras anexas á presente convocatoria fináncianse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

2022

2023

2024

06.A1.741A.781.6

700.000 €

900.000 €

900.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de execución dos gastos subvencionables non poderá superar o 15 de outubro de 2024. Os beneficiarios deberán presentar unha solicitude de cobramento da subvención. O prazo para presentala rematará o 15 de outubro de 2024.

Os beneficiarios deberán, así mesmo, presentar solicitudes de cobramento parcial da subvención para cada anualidade do proxecto. Para cada anualidade poderán presentar un máximo de dúas solicitudes de cobramento parcial, entre o 1 e o 31 de maio e o 1 e 30 de novembro de cada ano.

A primeira anualidade comprenderá gastos executados desde a data de presentación da solicitude de axuda ata o 30 de novembro de 2022, a segunda irá desde o 1 de decembro de 2022 ata o 30 de novembro de 2023, e a derradeira, desde o 1 de decembro de 2023 ata o 15 de outubro de 2024.

Os beneficiarios da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da primeira anualidade no prazo de 3 meses contados desde a concesión da axuda. Posteriormente, poderanse solicitar semestralmente solicitudes de cobramento parciais, de acordo co establecido para tal fin nas bases reguladoras.

Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais
(clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia

O impulso das políticas de clúster durante os últimos anos vén marcado claramente pola Unión Europea e as diferentes iniciativas alí promovidas ou apoiadas, invitando os responsables das políticas económicas, a nivel nacional e rexional, para crearen marcos estratéxicos e programas concretos para fortalecer os seus clústeres e buscar a excelencia deles. O obxectivo é claro, a redución da fenda competitiva entre Europa e outros bloques económicos mundiais baseado nos clúster world-class, que están chamados a acelerar e protagonizar o futuro económico da vella Europa. A UE deulle unha importancia crecente aos clústeres como ferramenta para mellorar as posibilidades de competir en mercados globais das empresas e considéraos importantes motores e condutores da innovación, contribuíndo á competitividade e ao desenvolvemento sustentable da industria e os servizos, e potenciando o desenvolvemento económico das rexións mediante a creación de riqueza e empregos, polo que tamén contribúen á cohesión territorial.

A Axenda de Competitividade Industrial Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015 e renovada mediante un plan especial de pulo á transformación dixital da industria no ano 2019 cara a enfrontar os retos 2019-2022, considera os clústeres como un instrumento idóneo para chegar ás empresas galegas, especialmente nas accións de colaboración, por aglutinar de capacidades e decisións empresariais no eido da competitividade, o crecemento e a internacionalización, e daren soporte a empresas que desenvolven actividades e procesos innovadores, con capacidade de expansión global e que reorientan as súas liñas de negocio cara a un futuro sostido e sustentable.

Por outra banda, están as chamadas estratexias de especialización intelixente, tamén coñecidas como RIS3. O concepto da especialización intelixente refírese á necesidade de concentrar dun xeito eficiente os recursos dispoñibles para a xeración e explotación de coñecemento no contexto rexional ao servizo dun número concreto de prioridades ligadas ás fortalezas e oportunidades competitivas da rexión a nivel global, para provocar unha orientación do tecido produtivo cara a unha senda de desenvolvemento económico baseada na innovación e o coñecemento, e potenciando a converxencia e cooperación intersectorial. As prioridades seleccionadas dentro dos tres retos da RIS3 galega en que se basea a estratexia de especialización intelixente contan con diferentes debilidades na súa cadea de valor da innovación, e a actuación sobre elas debe xerar verdadeiras vantaxes competitivas sobre as que pilotar o crecemento da economía galega.

Tendo en conta este contexto e o protagonismo que se asigna aos clústeres, tanto nas estratexias de especialización intelixente como na Lei de política industrial de Galicia, os eixes de actuación da política de clúster están orientados a conseguir un efecto na capacidade de actuación da agrupación e na posibilidade de que poida abordar iniciativas de fomento de maior custo. O apoio aos clústeres en Galicia enfócase coa perspectiva dunha mellora na competitividade global dos núcleos máis importantes da economía galega e, na súa consecuencia, polas súas posibilidades de difusión e exemplificación nos restantes ámbitos da actividade económica.

As presentes bases reguladoras establécense ao abeiro do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, que recolle especificamente, no seu artigo 27 as axudas ás agrupacións empresariais innovadoras.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

As presentes bases teñen por finalidade o fomento da competitividade, a innovación e a cooperación empresarial en distintos sectores da actividade económica en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais (clústers) innovadoras galegas para a realización de actividades neses eidos.

Para tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha relación descritiva e cuantificada dos proxectos colaborativos que promoverá durante todo o prazo de execución da axuda. Estes proxectos deberán consistir en:

– Plans de sensibilización e capacitación de traballadores e directivos das empresas asociadas en temáticas relacionadas coa Industria 4.0, ecoindustria, hibridación sectorial, retos sectoriais de innovación, transformación dixital, sustentabilidade ou outras, en xeral, aliñadas coa Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 e a RIS3 de Galicia.

– Actividades e proxectos para fortalecer a I+D+i, a transformación dixital das empresas, a internacionalización ou a sustentabilidade das empresas.

O financiamento destes proxectos non é o obxecto destas axudas ao funcionamento e, polo tanto, poderán ser financiados de forma privada ou pública e concorrer a convocatorias de axudas de calquera entidade pública ou privada incluído o Igape.

As entidades comprometeranse a achegar información destes proxectos mensualmente a través dos medios electrónicos que habilite o Igape.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas previstas nestas bases incardínanse no artigo 27 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do custo subvencionable aprobado.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder e pagar a axuda, requirirase do solicitante unha declaración sobre calquera axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os que solicita esta subvención. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. As axudas recollidas nestas bases destínanse ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras segundo a definición do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño), que cumpran todas estas condicións:

a) Que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster.

b) Que representen un ámbito de actividade/sector definido como prioritario segundo a orientación sectorial do documento Axenda da Competitividade Industrial Galicia: Industria 4.0.

1º. Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

2º. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

3º. De soporte da nova industria: telecomunicacións, enerxía, loxística.

c) Que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que representen un ámbito de actividade cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valor do 1 % no PIB da Comunidade Autónoma no ano 2020.

e) Que, cando menos, o 60 % dos seus asociados directos sexan empresas e, destas, que o 50 % ou máis dispoñan dun centro de traballo en Galicia.

f) Que teñan como socios directos un número de empresas que cumpra cando menos con dous dos tres seguintes requisitos:

1º. 30 % da facturación do ámbito de actividade englobado.

2º. 10 % das empresas do ámbito de actividade.

3º. 20 % do emprego do ámbito de actividade.

g) Capacidade tecnolóxica e de innovación. O clúster deberá contar con centros tecnolóxicos propios ou postos á súa disposición mediante colaboración con outras entidades. Neste último caso, só se considerarán válidos para estes efectos os acordos de colaboración con contidos específicos respecto da innovación e a tecnoloxía, rexeitándose os acordos con contidos de carácter xeral, de xestión ou administrativos aínda que estean asinados con centros ou institucións tecnolóxicas.

h) Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar un negocio de proximidade ou local.

i) Capacidade de execución de proxectos implicando os seus asociados. O clúster deberá acreditar esta capacidade mediante memoria de actividades realizadas nos últimos 3 anos, enumerando e describindo brevemente os proxectos desenvolvidos xunto cos seus asociados ou promovendo a súa participación, tivesen ou non financiamento público. Considerarase que ten esta capacidade se acredita a execución de, polo menos, dous proxectos por ano.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as entidades que, sen cumprir calquera das condicións d), e), f) ou g) do punto anterior, teñan en vigor á data da solicitude o recoñecemento como AEI (agrupación empresarial innovadora) dentro do programa de excelencia do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo ou ben que posúan a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clústeres expedida pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis).

3. Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común, nin as empresas que estivesen en crise en 31 de decembro de 2019, segundo a definición do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Conceptos subvencionables

Poderán concederse axudas ao funcionamento das entidades clúster definidas no artigo 4 consonte o seguinte:

Serán subvencionables os custos de persoal con contrato laboral, actual ou de nova contratación, que se dedique a tarefas de xestión da entidade clúster. Non se terá en conta o persoal que desenvolva traballo de especialización técnica e/ou de investigación. Para estes efectos, a entidade solicitante achegará unha declaración das tarefas de xestión que desenvolve cada traballador para cuxos gastos solicite axuda.

Para os efectos desta axuda, considéranse custos de persoal:

a) Salario bruto: retribucións do persoal que teñan a consideración de concepto retributivo. Non terán esa consideración as quitanzas e indemnizacións por finalización de contrato por calquera causa, as axudas de custo nin as compensacións de transporte ou comida. O período en que o traballador estea de baixa por incapacidade laboral non computará para os efectos de xustificar o gasto. As retribucións non periódicas como pagas por produtividade, beneficios ou similares, aínda que teñan a consideración de salario, só se terán en conta como gasto subvencionable se estiveran recollidas no convenio colectivo de aplicación ou en pacto particular co traballador con anterioridade á publicación destas bases, o que deberá acreditar o beneficiario.

Non se aceptarán con cargo a estas axudas incrementos retributivos agás os derivados da aplicación das leis, do convenio colectivo ou do cumprimento de sentenzas. Para estes efectos, a entidade solicitante deberá certificar o salario bruto anual percibido por cada traballador dedicado no último exercicio. No caso de contratacións novas, deberán declarar as condicións en que se fará a dita contratación en canto a tipo de contrato, duración, categoría profesional, funcións e retribución total anual diferenciando salario por todos os conceptos e custo da Seguridade Social.

O persoal tamén poderá ser autónomo economicamente dependente da agrupación, conforme a Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto de traballo autónomo, e o Real decreto 197/2009, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve o Estatuto do traballo autónomo en materia de contrato do traballador autónomo economicamente dependente e o seu rexistro e créase o Rexistro Estatal de Asociacións Profesionais de Traballadores.

Un traballador con contrato laboral non poderá, ao mesmo tempo, facturarlle á entidade clúster por ningún tipo de servizo como colaborador externo, nin directamente nin a través doutra persoa física ou xurídica interposta. Para estes efectos, a auditoría da conta xustificativa a que se refire o artigo 17.6 destas bases reguladoras deberá conter unha mención expresa sobre este aspecto.

b) Seguridade Social a cargo do empregador beneficiario da axuda.

Non serán subvencionables os gastos do persoal que teña un custo anual de salario bruto máis Seguridade Social superior a 97.000 €.

2. Viaxes interurbanas e aloxamento, tanto nacionais como internacionais, necesarias para a realización da actividade de xestión da entidade clúster por parte do persoal aludido no punto 1 deste artigo, por medio de servizos de transporte prestados por ámbitos públicos ou privados (ferrocarril, transporte aéreo, autobús ou vehículo de alugamento). Establécese un custo máximo de 75 €/día para os custos de aloxamento para todas as categorías de persoal.

3. Gastos relativos a servizos necesarios para a xestión operativa da entidade, excepto gastos financeiros e de investimento. Por exemplo, gastos por arrendamento, reparación e conservación de elementos do inmobilizado e material de oficina entre outros. Este concepto calcularase como un 10 % dos custos de persoal imputados.

4. Custos de auditoría da conta xustificativa a que se refire o artigo 17.6 destas bases reguladoras.

5. No suposto de que o importe do IVE dos gastos subvencionables supoña un custo real soportado polo beneficiario poderá ser considerado tamén un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase con base a pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

Tamén se considerarán como gasto realizado en prazo os ingresos á conta do IRPF ou cotas da Seguridade Social liquidables con posterioridade á data de execución. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada deberá presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

Artigo 6. Intensidade da axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

1. Con carácter xeral, a subvención será do 40 % dos custos relacionados no artigo 5.

2. A intensidade da axuda poderá incrementarse ata un máximo do 50 % nos seguintes casos:

a) Nun 5 % adicional se a entidade participa polo menos en 2 proxectos a nivel nacional, resultando unha intensidade de axuda do 45 %.

b) Outro 5 % adicional, se a entidade participa polo menos en 2 proxectos a nivel europeo, resultando unha intensidade de axuda do 50 %.

3. Alén do anterior, en calquera caso a subvención aos custos de auditoría do punto 4 do artigo anterior será do 50 % ata un máximo de 2.000 euros por cada liquidación parcial.

4. Estas axudas só poderán concederse durante un máximo de 10 anos a partir da data en que se notifique a resolución de concesión. Para aquelas entidades que teñan unha axuda concedida ao abeiro da Resolución do 5 de agosto de 2016 (DOG núm. 155, do 18 de agosto) o período de 10 anos comeza a contar o 9.12.2016.

5. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral, polas características da agrupación clúster:

1º. Importancia do ámbito da actividade na economía galega: a partir do requisito mínimo do 1 % establecido no artigo 4.1.d): 1 punto por cada 0,2 % adicional de facturación conxunta sobre o PIB galego ata un máximo de 10 puntos.

2º. Fortaleza da entidade clúster: número de empresas asociadas galegas ou con centro de traballo en Galicia sobre o total de empresas do ámbito de actividade en Galicia. A partir do requisito mínimo do 10 % establecido no artigo 4.1.f).2º: 1 punto por cada 5 % adicional ata un máximo de 10 puntos.

3º. Capacidade de dinamización das empresas asociadas: asignarase un máximo de 10 puntos, de acordo coa expresión (P-50%)*20, onde P e a porcentaxe de empresas asociadas que participasen en, polo menos, unha das actividades organizadas polo clúster no ano anterior ao da solicitude da axuda: xornadas, presentacións, foros, conferencias, feiras, congresos e outros eventos e reunións, incluída a asemblea xeral. Se esta expresión é negativa, asignaranse 0 puntos.

4º. Capacidade de mobilización de proxectos. Teranse en conta os proxectos promovidos ou nos que fose participante a entidade clúster no último exercicio. Outorgarase un punto por proxecto en que só participe a entidade clúster e 2 por cada proxecto en que tamén participen empresas asociadas ata un máximo de 10 puntos.

5º. Posuír a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clúster acreditada pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis) en vigor ou estar inscrita no Rexistro de AEI (agrupacións empresariais innovadoras) dentro do programa de excelencia do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo: 50 puntos. Só se valorará esta epígrafe para os solicitantes que accedan á condición de beneficiario cumprindo as condicións do artigo 4.1.

6º. Contribución da carteira de proxectos requiridos no artigo 1 aos obxectivos estratéxicos da Axenda de Competitividade nos ámbitos de a) reforzo das persoas e das organizacións, b) crecemento empresarial, c) innovación e d) expansión de mercados e internacionalización; e cos retos da RIS3 de Galicia: xestión innovadora de recursos naturais e culturais, o modelo industrial da Galicia do futuro e novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Concederase 1 punto por cada actuación que se vaia desenvolver no eido dun obxectivo estratéxico ou dun reto da RIS3 ata un máximo de 10 puntos.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as entidades interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións:

a) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

b) Que non pode ser considerada unha empresa en crise en 31 de decembro de 2019 conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

d) Que a entidade solicitante non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

e) Declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os que se solicita esta subvención.

f) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (ben porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se considerarán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá, necesariamente, anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter toda a información necesaria para acreditar os requisitos e condicións dos artigos 1 e 4, a declaración dos gastos e mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6 destas bases.

b) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

c) Acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 8.1 das bases.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://tramita.igape.es

Artigo 11. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Igape a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador formado polas persoas que ocupen os postos de subdirector/a de Desenvolvemento de Negocio e de técnicos/as responsables de programas na Área de Competitividade. Este órgano estará composto por un mínimo de tres membros e contará con un presidente e un secretario/a con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polo órgano avaliador que, en función dos datos declarados na solicitude de axuda, no formulario electrónico e na documentación presentada, elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución. Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia de memoria técnica ou a presentación dunha memoria técnica ilexible non será emendable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

4. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios 1º, 2º, 3º, 4º, 5º e 6º do artigo 6.4, por esa orde. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

5. Dos expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, formularase proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Resolución

1. A Área de Competitividade ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa ao director xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

3. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poderán descargar a súa resolución individual introducindo o seu NIF e o código IDE no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas).

As resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, admitíndose, modificacións dos gastos aprobados dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis aló das datas límites establecidas na resolución de convocatoria nin aquelas que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. Para solicitar a modificación deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 8 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar as actividades que fundamentan a concesión da subvención durante o prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou desfrute da concesión.

c) Colaborar co Igape na realización de análises e estudos clúster e iniciativas coherentes cos plans presentados en materia de difusión e exemplificación transversal, en beneficio do conxunto do sistema produtivo de Galicia.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas públicas ou privadas, supere o 100 % do gasto subvencionable.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberá cubrir, necesariamente, todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento.

O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou cales que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Nóminas e Seguridade Social (RLC e RNT) do persoal dedicado e xustificantes bancarios do seu pagamento; modelo 111 de declaración trimestral de retencións do IRPF e anualmente, cando corresponda, deberá achegar tamén o modelo 190 de retencións e ingresos a conta do IRPF.

b) Arquivo informático en formato folla de cálculo onde conste a porcentaxe de dedicación mensual do persoal ás actuacións subvencionables e o custo imputado.

c) No caso de gastos de viaxes, facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, que deben permitir identificar a persoa que viaxa (nome, apelidos e DNI) e documentación acreditativa do seu pagamento.

d) Factura dos gastos do informe de auditor e documentación acreditativa do seu pagamento.

e) No caso de que o IVE sexa concepto subvencionable, deberá achegar declaración responsable específica sobre a aplicación do IVE ao gasto de que se trate e o modelo 390 do último exercicio pechado.

f) Memoria de actividades do período con especial mención ás actividades e proxectos tidos en conta para a concesión da subvención.

g) A copia en formato dixital –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 16.f) destas bases.

h) Declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os que se concedeu esta subvención, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

6. A conta xustificativa virá acompañada dun informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas. Incorporará, ademais:

i) Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

ii) Memoria económica abreviada que deberá acreditar o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e conterá un estado representativo dos gastos en que se incorreu na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados, e, se for o caso, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións producidas. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas. Mención expresa a que o persoal dedicado con contrato laboral non factura ao mesmo tempo á entidade clúster por ningún tipo de servizo como colaborador externo, nin directamente nin a través doutra persoa física ou xurídica interposta, segundo o establecido no artigo 5.

7. O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 8 para a presentación da documentación complementaria á solicitude. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo coa copia electrónica presentada.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

10. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 15 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Aboamento das axudas

1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización das accións e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os beneficiarios da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da primeira anualidade no prazo de 3 meses contados desde a concesión da axuda. Posteriormente, poderanse solicitar semestralmente solicitudes de cobramento parciais, de acordo co establecido no seguinte artigo 19.

A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Os pagamentos parciais estarán condicionados á xustificación das actividades subvencionadas realizadas no período anterior. Neste suposto exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

3. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

Artigo 19. Pagamentos á conta

1. As entidades beneficiarias poderán presentar en cada anualidade ata dúas solicitudes de cobramento parciais polos gastos realizados no semestre anterior, unha entre o 1 e o 31 de maio e a outra entre o 1 e o 30 de novembro de cada ano, achegando a documentación xustificativa correspondente ao dito período, de acordo co establecido no artigo 17.5 destas bases. No caso da primeira liquidación parcial, o período previo pode ser superior ou inferior a un semestre.

2. Neste suposto, exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

3. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, de ser o caso, se concedan, non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Artigo 20. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións ou axudas públicas ou privadas que financien as actividades subvencionadas.

c) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, excepto o permitido no artigo 17.10.

d) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 16.f) destas bases.

e) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

f) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

h) Non acreditar estar ao corrente das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

i) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o investimento subvencionable sexa inferior ao 30 % do concedido.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar, e deberá, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción e os seus xuros de demora. En particular, unha execución por baixo do 30 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

b) Outras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable:

Suporá a perda dun 10 % da subvención concedida:

1º. Non colaborar nos estudos e informes solicitados polo Igape segundo a obriga establecida no artigo 1 e 16.c) destas bases.

2º. Non desenvolver os proxectos a que se refire o artigo 1 destas axudas.

Artigo 21. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 4 anos desde a súa presentación.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras
na Comunidade Autónoma de Galicia

Responsabilidade do beneficiario.

As axudas ás agrupacións empresariais (clústers) están financiadas polo Igape polo que en todas as medidas de comunicación deben incluírse exclusivamente a imaxe de marca do Igape e a marca Xacobeo 21-22.

missing image file

A obriga de dar publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención consiste na inclusión da imaxe de marca do Igape e a marca Xacobeo 21-22, así como inscricións relativas ao financiamento público nos folletos, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión alén do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, seguindo as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. As marcas poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG nº 146, do 2 de agosto).