Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 7 de decembro de 2021 Páx. 59463

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2021 pola que se modifica a Resolución do 23 de abril de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, planeando e executando as actuacións do goberno autónomo para o apoio aos investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia.

O Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG núm. 78, do 23 de abril), modificado polos decretos 174/2007, do 6 de setembro (DOG núm. 186, do 25 de setembro), 45/2009, do 12 de febreiro (DOG núm. 48, do 10 de marzo) e 155/2019, do 28 de novembro (DOG núm. 234, do 10 de decembro), habilita o Igape para conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas que con carácter xeral para ese efecto aprobe.

No Diario Oficial de Galicia núm. 85, do 6 de maio de 2021, publicouse a Resolución do 23 de abril de 2021, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras dos préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Na dita convocatoria habilitáronse tres modalidades de préstamos, dando continuidade ao Plan de financiamento da Xunta de Galicia posto en marcha nos últimos anos:

1. Préstamos para investimentos estratéxicos.

2. Préstamos para financiar investimentos en infraestruturas de uso compartido e desenvolvemento de proxectos en Galicia por parte de centros tecnolóxico e asociacións empresariais.

3. Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval.

Na primeira das modalidades, préstamos para investimentos estratéxicos, establécese que o tipo de xuro aplicable será de mercado, calculado conforme o previsto na Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/C 14/02 (DOCE do 19 de xaneiro), con excepción de dúas circunstancias nas que se prevé a aplicación dun tipo inferior ao de mercado:

a) Nos proxectos consistentes na apertura de novos establecementos.

b) Nas adquisicións, por parte de terceiros non vinculados, de activos/unidades produtivas, que de non ser adquiridas terían cesado no negocio.

Co fin de impulsar a creación de novos establecementos ou o mantemento de negocios cuxa continuidade estivera comprometida, nestas dúas circunstancias pode aplicarse unha bonificación no tipo de xuro de ata 1,5 puntos porcentuais sen que o tipo resultante resulte inferior ao 0,00 %.

Con todo, detéctase unha circunstancia adicional na que se considera igualmente necesaria a axuda en concepto de bonificación do custo do financiamento, como é o investimento en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 25 de outubro de 2021, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia co obxecto de engadir esta circunstancia adicional.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificar a Resolución do 23 de abril de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, en concreto o punto 1.1 Préstamos para investimentos estratéxicos do anexo I Modalidades de préstamos, no seguinte sentido:

A letra B) de Requisitos específicos dos beneficiarios, pasa a ter a seguinte redacción:

Os establecidos no artigo 1 das presentes bases reguladoras, incluíndo persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do citado artigo, e se inclúan nalgún dos seguintes sectores de actividade:

CNAE

Descrición

03

Pesca e acuicultura

05 a 09

Industrias extractivas

10 a 33

Industrias manufactureiras 1

35 a 39

Fornecemento de enerxía e auga, e xestión de residuos e descontaminación

42 a 43

Construción de redes e construción especializada

46

Comercio por xunto e intermediarios, salvo vehículos de motor e motocicletas

49 a 53

Transporte e almacenamento

55 a 56

Hostalaría

58 a 63

Información e comunicacións 2

69 a 75

Actividades profesionais, científicas e técnicas

77.3

Aluguer de maquinaria, equipamentos e bens tanxibles

79

Axencias de viaxes, operadores turísticos, servizos de reservas e actividades relacionadas con estes

80 a 82

Actividades de seguranza e investigación e outras actividades auxiliares das empresas

87 a 88

Asistencia en establecementos residenciais e servizos sociais sen aloxamento

90 a 93

Actividades artísticas, recreativas e de entretemento

1. Excepto: 1) CNAE 12 Industria do tabaco, e 2) O que se refira ao sector das fibras sintéticas, tal como o define o anexo II das directrices comunitarias sobre axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08), DOUE do 4.3.2006.

2. Excepto CNAE 60 Actividades de programación e emisión de radio e televisión.

O anterior requisito de sector de actividade non será exixible cando se trate de investimentos que se levará a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, que cumpran os requisitos para a bonificación do tipo de xuro establecida no parágrafo segundo do punto D.3.a) seguinte.

A letra C.1) Importe, queda redactada do seguinte xeito:

C.1) Importe.

O proxecto deberá presentar un custo financiable en activos fixos igual ou superior a 1.000.000 € máis impostos.

Este límite non se aplicará aos proxectos que, ao abeiro do previsto nos artigos 15 e 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, sexan declarados proxecto empresarial singular ou iniciativa empresarial prioritaria, respectivamente, aos proxectos que formen parte dun proxecto que conte coa declaración de proxecto empresarial singular ou de iniciativa empresarial prioritaria, segundo corresponda, nin aos proxectos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas que cumpran os requisitos para a bonificación do tipo de xuro establecida no parágrafo segundo do punto D.3.a) seguinte.

A letra D.3) Tipo de xuro e axuda implícita, queda redactada do seguinte xeito:

D.3.a) Tipo de xuro ordinario.

Con carácter xeral, o tipo de xuro aplicable será fixo, determinado e liquidado conforme o anexo II destas bases. Non obstante o anterior, o tipo de xuro aplicable aos préstamos para proxectos consistentes en apertura de novos establecementos, ou na adquisición por parte de terceiros non vinculados de activos/unidades produtivas que, de non ser adquiridas terían cesado no negocio, será inferior en 1,5 puntos porcentuais ao determinado conforme o anexo II.

Igualmente poderá aplicarase ata 1,5 puntos porcentuais de bonificación do tipo de xuro nos préstamos para os investimentos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, o que deberá ser autorizado expresamente no acordo de concesión, logo da petición do solicitante. Esta bonificación aplicarase cando o sinistro se tivera producido dentro dos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude do préstamo e sempre que o importe das perdas ocasionadas, segundo o indicado no informe pericial de danos, supoña polo menos un 25 % dos novos investimentos en activos fixos a levar a cabo.

En ningún caso o tipo de xuro resultante será inferior ao 0 %.

Os xuros ordinarios liquidaranse trimestralmente, coincidindo co último día do trimestre natural.

Para cada unha das disposicións e nos períodos de liquidación inferiores ao trimestre natural, a remuneración de xuros será por días naturais, base 360, conforme a seguinte fórmula:

(C × R × T)/36000

Onde «C» = capital, «R» = tipo de xuro nominal anual a pagar trimestralmente expresado en puntos porcentuais, e «T» = número de días naturais comprendidos entre a data de disposición e o último día do trimestre natural.

Nos restantes períodos trimestrais completos de xuros, o importe absoluto dos xuros devindicados calcularase aplicando a seguinte fórmula:

(C x R)/400

D.3.b) Tipo de xuro de demora.

Sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pago dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en demora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

D.3.c) Axuda implícita.

Con carácter xeral, os préstamos desta modalidade non terán a consideración de axuda, posto que o seu tipo de xuro determinarase aplicando os criterios da Comunicación 2008/C14/02 da Comisión para que poidan ser considerados de mercado.

Non obstante o anterior, os préstamos aos que se lle aplique a rebaixa no tipo de xuro prevista no punto D.3.a) anterior, destinados ao financiamento de proxectos consistentes na apertura de novos establecementos, na adquisición por parte de terceiros non vinculados de unidades produtivas que de non ser adquiridas terían cesado no negocio, ou nos investimentos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas que cumpran os requisitos establecidos no parágrafo segundo do punto D.3.a) anterior, incluirán unha axuda implícita de minimis, nos termos establecidos no artigo 5 destas bases.

A letra E) Documentación específica que hai que presentar coa solicitude, queda redactada do seguinte xeito:

Ademais da documentación sinalada no artigo 7.2, deberá presentarse xunto á solicitude:

– Memoria do proxecto, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes, I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto.

c) Descrición do proxecto: obxectivos (fins inmediatos e fins últimos ou estratéxicos para a entidade), orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación do proxecto ou actuación respecto da entidade), descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.), necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).

d) Análise económica do proxecto (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesourería). Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para empresas en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da empresa, mostrando separadamente o impacto do proxecto de investimento.

e) Relación de investimentos para realizar que inclúan tecnoloxías relacionadas coa fábrica do futuro e co concepto Industria 4.0: Robotización e robotización colaborativa, Fabricación aditiva, Sensórica e actuadores mecatrónicos, Sistemas ciber-físicos, Automatización total ou estendida, Intercomunicación máquina-máquina, Conectividade total ou estendida, Vehículos autónomos-optimización de fluxos e redución de custos, Personalización de produtos, Internet das cousas, internet de equipos e máquinas, Dixitalización, Big Data, Cloud computing e ciberseguridade aplicadas á industria, Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministración coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos, Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.

– No caso de investimentos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, deberá presentarse informe pericial de danos de perito independente.

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica