Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 30 de novembro de 2021 Páx. 58436

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 29 de novembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos da Policía Local, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental (código de procedemento PR483E).

Mediante a Orde do 20 de xullo de 2021 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos da Policía Local, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental (código de procedemento PR483E), que se publicou no Diario Oficial de Galicia número 140, do 23 de xullo.

O 1 de outubro de 2021, a directora xeral de Administración Local, por delegación do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, en virtude da disposición derradeira primeira da citada orde, ditou resolución pola cal lle concedeu as subvencións ás entidades propostas pola Comisión de Valoración prevista nas bases reguladoras. Esta resolución notificóuselle o mesmo día 1 de outubro a todas as entidades locais interesadas, a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal.

Nos artigos 15 e 16 das bases reguladoras destas subvencións fíxase o 1 de decembro de 2021 como data de referencia para a solicitude do pagamento anticipado e para a presentación da documentación xustificativa, respectivamente, correspondente á anualidade 2021.

Véñense recibindo numerosas consultas dos concellos beneficiarios sobre as posibilidades de instar unha ampliación dos prazos ante as dificultades que advirten para finalizar os procedementos de contratación, recibir os vehículos e xustificar os gastos subvencionados antes do vencemento das referidas datas límite. Por este motivo, tendo en conta a complexidade do proceso de tramitación e de contratación nas entidades locais beneficiarias e a preparación da documentación xustificativa de maneira completa, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, enténdese que concorren circunstancias suficientes que aconsellan ampliar os prazos de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 20 de decembro de 2021.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Con base en todo o anterior, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; co Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, e co disposto na Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos da Policía Local, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 15.4 das bases reguladoras, que queda redactado nos seguintes termos:

«4. Sen prexuízo do establecido na alínea 1 deste mesmo artigo, para o libramento do anticipo da primeira anualidade da subvención, as entidades beneficiarias terán de prazo ata o 20 de decembro de 2021 para presentar a solicitude xunto coa seguinte documentación: (...)».

Artigo 2

Modifícase o último parágrafo do artigo 16.3 das bases reguladoras e queda a redacción da seguinte maneira:

«Neste caso, a data límite de xustificación da subvención rematará o día 1 de decembro do exercicio orzamentario que corresponda, agás na anualidade 2021, en que este prazo finalizará o 20 de decembro».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo