Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 23 de novembro de 2021 Páx. 57284

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 12 de novembro de 2021 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Quinesia e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Quinesia, adscrita ao protectorado da Consellería de Política Social, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta orde baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 20 de novembro de 2020 presentouse ante este protectorado solicitude de ratificación da extinción da Fundación Quinesia, adoptada por acordo do seu padroado.

Segundo. A Fundación Quinesia foi constituída en escritura pública outorgada o 8 de febreiro de 1996 en Vigo ante o notario Álvaro Moure Goyanes co número 185 do seu protocolo. Foi clasificada como benéfico-asistencial pola Orde do conselleiro da Presidencia e Administración Pública do 23 de abril de 1996 (Diario Oficial de Galicia número 83, do 27 de abril) e declarada de interese galego pola Orde do conselleiro de Sanidade e Servizos Sociais do 15 de xuño de 1996 (Diario Oficial de Galicia número 196, do 7 de outubro). Está adscrita ao protectorado da Consellería de Política Social pola Orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2 de febreiro de 2016 (Diario Oficial de Galicia número 34, do 19 de febreiro), figurando inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1996/6.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

a) A formación dos profesionais do ámbito das necesidades especiais.

b) A promoción de estudios e investigacións sobre recursos, modelos, normativa legal etc para a integración das persoas con necesidades especiais.

c) Promover accións para a Integración laboral de persoas con necesidades especiais e colectivos desfavorecidos, en xeral.

d) Asesorar a persoas, entidades e institucións sobre temas referidos ás necesidades especiais.

e) Constituír un centro de documentación e biblioteca.

f) Promover a formación de traballadores con especial incidencia dos colectivos desfavorecidos: discapacitados, mulleres, maiores de 45 anos, parados de longa duración e todos aqueles que teñan dificultades para a inserción laboral e social.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación na súa reunión do 14 de xuño de 2020 adoptou acordo de extinción da fundación motivado na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, de fundacións de interese galego, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento das fundacións de interese galego.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realizar o fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, corresponde a esta consellería resolver esta solicitude.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, e 15/2009, do 21 de xaneiro, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente, polo que:

RESOLVO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Quinesia.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da Fundación Quinesia no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante a conselleira de Política Social no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social
P.D. (Orde do 3.3.2016; DOG núm. 54, do 18 de marzo)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social