Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Luns, 22 de novembro de 2021 Páx. 56994

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 10 de novembro de 2021 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Mediadores de Seguros de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á comunidade autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, segundo a estrutura establecida no Decreto 214/2020, do 3 de decembro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo, que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto na presente orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo

ANEXO

Estatutos do Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo

PREÁMBULO

O artigo 205 do Real decreto lei 3/2020, do 4 do febreiro, define os colexios de mediadores de seguros como corporacións de dereito público, con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, aos que se incorporarán os mediadores de seguros que voluntariamente o desexen. Os seus fins esenciais son a representación da actividade e a defensa dos intereses corporativos dos colexiados.

O Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo acordou, en asemblea xeral, a aprobación dos seus estatutos, que se presentarán ante a Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante orde da consellería competente en materia de colexios profesionais de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. Ata a entrada en vigor dos presentes estatutos, o Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo rexerase polos estatutos xerais dos Colexios de Mediadores de Seguros e do seu Consello Xeral aprobados mediante o Real decreto 1482/2001, do 27 de decembro.

TÍTULO I

Normas xerais

CAPÍTULO I

Natureza. Fins. Ámbito. Denominación. Domicilio

Artigo 1. Ámbito material

Os presentes estatutos regulan a incorporación colexial na provincia de Lugo dos Mediadores de Seguros, os seus dereitos e deberes corporativos e as súas actividades neste ámbito, así como os fins, estrutura e funcionamento do Colexio.

Artigo 2. Natureza xurídica e fins

O Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo é unha corporación de dereito público, amparada pola lei, con personalidade xurídica e en plena capacidade de obrar e ten por finalidade a representación e defensa da profesión de mediador de seguros e a protección dos intereses das persoas consumidoras e usuarias dos servizos dos seus colexiados e colexiadas, todo iso en congruencia cos intereses e necesidades xerais da sociedade, a formación profesional permanente das persoas colexiadas, alcanzar a axeitada satisfacción dos intereses xerais en relación co exercicio da profesión de mediador de seguros, lograr a constante mellora do nivel de calidade profesional, cooperar e colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias. Ten ademais as facultades que aparecen recoñecidas nas leis e estatutos xerais e particulares. Coordina a súa actuación no Consello Xeral dos Colexios de Mediadores de Seguros de España.

Artigo 3. Ámbito territorial

O Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo ten o seu ámbito de actuación e exerce a súa competencia na provincia de Lugo.

Artigo 4. Denominación e domicilio

A denominación é o Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo. O seu domicilio radica en Lugo, na rúa Mondoñedo, 44, entreplanta, 27004.

Así mesmo, o Colexio poderá establecer delegacións dependentes del naquelas poboacións que, pola súa importancia demográfica, económica ou número de persoas colexiadas residentes nelas resulte conveniente para o mellor cumprimento dos fins e maior eficacia das funcións colexiais. As delegacións terán as facultades e competencias que determine a Xunta de Goberno do Colexio ao crealas ou en acordos posteriores, informando diso a Asemblea de Persoas colexiadas.

CAPÍTULO II

Normativa reguladora, relacións con terceiros, transparencia

Artigo 5. Normativa reguladora

O Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo axustará a súa organización, funcionamento e competencias aos principios e regras básicas establecidas na lexislación do Estado e á da Comunidade Autónoma de Galicia para os colexios profesionais.

En particular, serán de aplicación o artigo 36 da Constitución española; a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais; a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia; Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro, de medidas urxentes, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os acordos, decisións e recomendacións do colexio observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, tal e como establece o punto 4 do artigo 2 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro.

O exercicio profesional en forma societaria rexerase polo previsto nas leis. En ningún caso o Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo poderá, por si mesmo, a través dos seus estatutos ou o resto da normativa colexial, establecer restricións ao exercicio profesional en forma societaria.

Artigo 6. Relación coa Administración

O Colexio relacionarase directamente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, no referente aos aspectos institucionais, e a través da/das consellería/s competente/s en relación coa profesión e no referente aos contidos desta.

Da mesma maneira, poderá formalizar convenios ou colaboracións con entidades públicas ou privadas e con colectivos de profesionais a nivel estatal ou internacional dentro do marco da lexislación vixente, incluíndo a prestación de servizos e a contratación destes.

Artigo 7. Portelo único

1. O Colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia.

Concretamente, o Colexio fará o necesario para que, a través deste portelo único, os profesionais poidan de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para a colexiación.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos seus respectivos procedementos de colexiación e recibir as oportunas notificacións.

d) Convocar as persoas colexiadas ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e pór no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio, os consellos autonómicos, se é o caso, e do Consello Xeral.

2. A través do referido portelo único, o Colexio ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de colexiados, que estará permanentemente actualizado e no que constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais dos que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O contido dos códigos deontolóxicos.

c) Os medios e condicións de acceso aos rexistros públicos de profesionais colexiados.

d) As vías de reclamación e os recursos que poderán interporse en caso de conflito entre un colexiado e un destinatario do servizo profesional.

3. O Colexio adoptará as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporará para iso as tecnoloxías precisas e plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, o Colexio, o Consello Galego, de existir, e o Consello Xeral poderán pór en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios.

4. O Colexio facilitará ao Consello Xeral, e, de existir, ao Consello Galego, a información concernente ás altas, baixas e calquera outras modificacións que afecten os Rexistros de Colexiados para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados.

Artigo 8. Servizo de atención a colexiados e a consumidores e usuarios

O Colexio disporá na súa web dun formulario para atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados. Así mesmo, disporá na súa web dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que tramitará e resolverá queixas referidas á actividade colexial ou dos colexiados.

Artigo 9. Memoria anual

O Colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso, deberá elaborar unha memoria anual na que se expoñan os principais datos relativos á súa xestión económica e actividades. A Memoria anual deberá remitirse ao organismo competente e publicarse na web no primeiro semestre de cada ano.

O Colexio facilitará ao Consello Galego, de existir e, en todo caso, ao Consello Xeral a información necesaria para elaborar a Memoria anual no que se refire á información estatística agregada para o conxunto da organización colexial nos seus respectivos ámbitos territoriais.

CAPÍTULO III

Incorporación aos colexios

Artigo 10. Ámbito subxectivo

Para os efectos dos presentes estatutos considéranse mediadores de seguros os axentes de seguros e os corredores de seguros que se atopen inscritos no Rexistro Administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións ou o rexistro equivalente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11. Colexiación única

1. Os mediadores de seguros terán dereito a adscribirse ao colexio que corresponda ao seu domicilio profesional bastando esta única colexiación para exercer en todo o territorio español, sendo a colexiación voluntaria.

2. O Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo non poderá exixir a un mediador de seguros que exerza nun territorio distinto ao de colexiación, comunicación nin habilitación algunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que se exixan habitualmente ás súas persoas colexiadas pola prestación dos servizos dos que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial.

3. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao colexio do territorio no que se exerza a actividade profesional, en beneficio de consumidores e usuarios, os colexios deberán utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

4. O Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo non poderá exixir a previa incorporación ao Colexio, no suposto de libre prestación ocasional de servizos, a un mediador nacional dos estados membros da Unión Europea que estean previamente establecidos con carácter permanente en calquera dos mencionados estados, de acordo co que dispoñan as normas comunitarias de aplicación á profesión. As sancións impostas, se é o caso, polo colexio do territorio no que se exerza a actividade profesional fornecerán efectos en todo o territorio español.

Artigo 12. Clases de persoas colexiadas

1. Existen as seguintes clases:

a) Exercentes.

b) Non exercentes.

2. Son persoas colexiadas «exercentes» os axentes de seguros e corredores de seguros debidamente inscritos no Rexistro Administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da DXSFP ou equivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Son persoas colexiadas «non exercentes».

a) Quen, estando colexiada como exercente cese en todas as actividades de mediación de seguros.

b) Quen, estando en posesión do diploma de Mediador de Seguros ou calquera outro título que no futuro poida validamente outorgarse, non exerza ningunha actividade de mediación de seguros.

Artigo 13. Requisitos xerais para a colexiación

Son requisitos xerais para obter a colexiación os seguintes:

a) Acreditar estar en posesión do diploma de Mediador de Seguros ou calquera outro título ou certificado equivalente que acredite que posúen os coñecementos e aptitudes exixidos pola lexislación vixente en materia de seguros, así como cumprir calquera outro requisito legal e/ou académico necesario para o exercicio da actividade de mediación de seguros, ou as condicións de homologación previstas para os mediadores de seguros procedentes de países membros da Unión Europea.

b) Ter capacidade legal para exercer o comercio.

c) Non estar incurso en incompatibilidade.

d) Non estar inhabilitado para o exercicio profesional.

e) Ter a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, ou ser nacional dun país estranxeiro, acreditando en legal forma o principio de reciprocidade de feito e de dereito, para o exercicio profesional no Estado de orixe.

f) Satisfacer a cota colexial de entrada.

Artículo 14. Requisitos específicos para a colexiación

1. Colexiación de axentes e corredores persoas físicas:

a) Acreditación da clave de inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da DXSFP ou equivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditación do nivel de formación correspondente á actividade de mediación de seguros desenvolvida pola persoa física.

c) Cubrir a ficha colexial correspondente.

2. Colexiación de membros de sociedades de axencia ou corretoría de seguros.

a) Acreditación da clave de inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da DXSFP ou equivalente da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditación de pertenza á sociedade de axencia ou corretoría.

c) Acreditación do nivel de formación correspondente á actividade de mediación de seguros desenvolvida pola sociedade á que pertence.

d) Cubrir a ficha colexial correspondente.

3. Colexiación como non exercente.

a) Acreditación do nivel de formación correspondente á actividade de mediación de seguros.

b) Cubrir a ficha colexial correspondente.

Artigo 15. Solicitude, admisión e denegación de colexiación

a) A solicitude, no modelo colexialmente aprobado, xunto coa documentación que en cada caso proceda, presentarase no Colexio.

b) A Xunta de Goberno do Colexio ditará acordo dentro do mes seguinte á data de presentación ou daquela en que se completou a documentación ou emendado os seus defectos. A falta de acordo no indicado prazo, a solicitude entenderase provisionalmente aprobada.

c) Se a decisión do Colexio fose contraria á colexiación, notificarao ao interesado, facéndolle saber os motivos en que se fundamente a denegación e que contra este acordo pode formular recurso de alzada en escrito razoado, ante o Consello Galego, se existise, ou, na súa falta, ao Consello Xeral dos Colexios de Mediadores de Seguros de España, no prazo dun mes.

d) O acordo do Consello sobre este recurso deberá producirse no termo de tres meses contado desde a data de entrada do recurso no Rexistro do Consello ou desde que se completou ou emendou a documentación defectuosa. Transcorrido o devandito prazo, se o órgano competente non notificase á interesado unha resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, quedando expedita a vía para o recurso contencioso-administrativo.

e) A resolución denegatoria, expresa será definitiva na vía administrativa colexial, quedando igualmente expedita a vía contencioso-administrativa.

f) O Colexio dará traslado ao Consello Galego, se existise, e ao Consello Xeral, no prazo dun mes, das solicitudes admitidas para a confección dos seus censos respectivos.

g) Quen teña a titulación requirida e reúna as condicións sinaladas estatutariamente terá dereito a ser admitido no colexio, sendo a colexiación voluntaria.

Artigo 16. Perda da condición de persoa colexiada

1. Pérdese a condición de colexiado por:

a) Falecemento.

b) Sanción administrativa ou sentenza xudicial firmes e definitivas que implique inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Acordo colexial adoptado regulamentariamente.

d) Falta de pagamento de dúas ou máis cotas colexiais, logo de cumprimento polo Colexio do disposto nos presentes estatutos para falta de pagamentos.

e) Perda de calquera outro requisito ou condición necesaria para o exercicio da actividade de mediación de seguros.

2. En caso de baixa como consecuencia de expediente sancionador, procederán os recursos que establezan os estatutos e os regulamentos de deontoloxía profesional e colexial, os cales serán detallados na comunicación que se remita ao interesado.

3. En caso de baixa por falta de pagamento, a xunta de goberno requirirá en forma á persoa colexiada para que aboe as cotas pendentes. Pasados trinta días desde a data do requirimento sen aboar as cotas e sen prexuízo das accións xudiciais pertinentes para exixir o seu pagamento, daráselle de baixa e notificaráselle sen máis trámites. En todo caso, contra este acordo colexial de baixa, cabe recurso de alzada ante o Consello Galego, se existise, ou na súa falta, ao Consello Xeral, no prazo dun mes contado desde o seguinte a aquel en que reciba a notificación.

Artigo 17. Recuperación da condición de persoa colexiada

1. Poderá recuperarse a condición de colexiado, sempre que no momento da reincorporación se cumpran as condicións precisas para iso, nos seguintes casos:

a) Por solicitude de reincorporación cando a baixa se producise por decisión do colexiado.

b) Indulto ou condonación das sancións impostas por autoridades administrativas ou xudiciais.

c) Cumprimento da sanción que impoña a privación temporal do carácter de colexiado.

2. O colexiado que sexa baixa por falta de pagamento das cotas colexiais e pretenda o seu reingreso, aboará as cotas acumuladas ata o momento da notificación colexial de baixa, con recarga do dez por cento simple anual e, se é o caso, os gastos ocasionados debidamente acreditados.

Artigo 18. Censo de altas, baixas e modificacións

De todas as altas, baixas e modificacións, o Colexio fará a difusión oportuna e dará traslado ao Consello Xeral e Consello Galego se existise no prazo de 30 días para a súa constancia.

CAPÍTULO IV

Dereitos e obrigacións das persoas colexiadas

Artigo 19. Dereitos das persoas colexiadas

As persoas colexiadas terán os seguintes dereitos cuxo exercicio estará condicionado a que se atopen o día no cumprimento dos seus deberes colexiais:

a) Participar na vida colexial e asistir con voz e voto ás reunións dos órganos respectivos.

b) Ser elector e elixible respecto dos órganos de goberno do Colexio de conformidade coas normas electorais.

c) Informar e ser informado da actuación colexial nos seus aspectos esenciais e nas cuestións que concreta e persoalmente lles afecten nese ámbito.

d) Utilizar os servizos establecidos no Colexio.

e) Gozar do asesoramento do Colexio, nas cuestións profesionais.

f) Solicitar a mediación dos órganos de goberno nos casos de discrepancia entre colexiados.

g) Propor a creación de comisións.

h) Exercer ante as comisións e órganos de goberno as reclamacións e recursos que procedan.

i) Facer uso do emblema colexial.

Artigo 20. Obrigacións das persoas colexiadas

Son obrigacións dos colexiados:

a) A aceptación e cumprimento do establecido no estatuto e outras normas, e acordos dos órganos de goberno do Colexio.

b) Contribuír ao sostemento económico do Colexio satisfacendo as cotas e pagamentos que se establezan, tendo en conta que a cota de ingreso non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición, de conformidade co disposto na normativa legal vixente.

c) Desempeñar os cargos para os que resulten elixidos coa debida dilixencia, incluíndo as funcións de interventor ou auditor das contas.

d) Cumprir respecto dos órganos de goberno, do Colexio e de todos os colexiados os deberes que impón o compañeirismo, a harmonía e a ética profesional.

e) Asistir aos actos corporativos, cando se teñen cargos representativos.

f) Respectar a libre manifestación de opinións e non entorpecer directa ou indirectamente o funcionamento dos órganos de goberno, así como outórgalles o maior respecto e colaboración.

g) Informar o Colexio sobre calquera circunstancia que poida significar transgresión dos presentes estatutos, casos de incompatibilidade ou desprestixio da profesión do que puidesen coñecer, para que os órganos de goberno poidan exercitar as accións ou medidas que resultan procedentes.

h) Facilitar información veraz e responsable sobre cuestións profesionais que non teñan carácter privado ou reservado.

i) Cumprir escrupulosamente as normas profesionais que corresponden á profesión de mediador de seguros.

j) Comunicar ao Colexio os seus cambios de datos profesionais para efectos colexiais.

CAPÍTULO V

Funcións e competencias dos colexios

Artigo 21. Funcións

Son funcións propias do Colexio:

a) Velar pola ética profesional e polo respecto aos dereitos e intereses dos cidadáns.

b) Ordenar, no seu respectivo ámbito e dentro do marco legal establecido, o exercicio da profesión.

c) Velar por un legal e axeitado exercicio profesional.

d) Velar polo cumprimento dos deberes e obrigacións dos colexiados.

e) Exercer cantas accións redunden en beneficio e defensa dos intereses profesionais xerais dos seus colexiados, establecendo para o efecto os servizos oportunos.

f) Exercer a potestade disciplinaria sobre os seus membros, de conformidade cos presentes estatutos.

g) Coidar da presenza e representación dos intereses profesionais ante as autoridades, corporacións, organismos e representacións ou entidades que procedan, no ámbito da súa demarcación.

h) Ter no seu ámbito a defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais e colexiais.

i) Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos sempre que sexa requirido para iso.

j) Facilitar aos xulgados e tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

k) Procurar a mellor imaxe da profesión e a súa conveniencia mediante campañas ou actuacións para o efecto, do propio Colexio ou intercolexiais, de acordo coas directrices do Consello Xeral e, se é o caso, do Consello Galego.

l) Aprobar os seus orzamentos, regular as achegas dos colexiados, establecendo as cotas de incorporación, periódicas e as demais que deban aboar os colexiados, así como a exixencia do seu pagamento.

m) Protexer e defender a profesión, exercitando as actuacións procedentes, logo de acordo da Xunta de Goberno á vista do preceptivo informe xurídico.

n) Prestar servizos comúns para os colexiados e, en especial, promover a formación profesional permanente e velar pola efectividade do deber a esta.

ñ) Intervir, en vía de mediación ou arbitraxe, nos conflitos profesionais que se susciten entre colexiados, ou destes con terceiros, cando así o soliciten de común acordo as partes implicadas.

o) Colaborar coa Administración pública no logro de intereses comúns. En particular:

– Participarán nos órganos administrativos, cando así estea previsto nas súas normas reguladoras e nos termos nelas establecidos.

– Emitirán os informes que lles sexan requiridos polos órganos ou entes competentes e aqueloutros que acorden formular á súa propia iniciativa.

– Elaborarán as estatísticas que lles sexan solicitadas.

p) Adoptar as medidas conducentes a evitar a competencia desleal, mediante o exercicio das accións previstas polo ordenamento xurídico.

q) Designar representantes en calquera tribunal en que se exixan coñecementos relativos a materias específicas, sempre que se lle requira para iso.

r) A defensa dos intereses das persoas consumidoras e usuarias dos servizos dos seus colexiados e colexiadas, todo iso en congruencia cos intereses e necesidades xerais da sociedade mediante a creación dun Servizo de Atención que prevexa a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

s) Procurar o perfeccionamento da actividade profesional e a formación permanente das súas persoas colexiadas.

t) Aprobar os seus estatutos e regulamentos de réxime interior, así como as súas modificacións.

u) Todas as demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais e se encamiñen ao cumprimento dos obxectivos colexiais.

CAPÍTULO VI

Dos órganos de goberno dos colexios

Artigo 22. Órganos dos colexios

A estrutura interna e o funcionamento do Colexio réxense por criterios puramente democráticos.

Constitúen os órganos de goberno do Colexio de Mediadores de Seguros de Lugo:

a) A Asemblea Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) A Presidencia.

A Xunta de Goberno é o órgano de Dirección e Administración, executa os acordos do órgano plenario e exerce a potestade disciplinaria. A Xunta de Goberno reunirase polo menos unha vez ao trimestre.

A Presidencia ten a representación do Colexio, executa os acordos do órgano de goberno e exerce cantas facultades e funcións lle confiren as leis, regulamentos e estatutos.

Artigo 23. Órgano plenario

A Asemblea Xeral de Colexiados é o órgano soberano do Colexio e está integrado por todos os colexiados de pleno dereito, exercentes e non exercentes.

Son competencia da Asemblea Xeral:

a) A aprobación e reforma dos estatutos.

b) Establecer as liñas e plans xerais de actuación do Colexio.

c) Coñecer e aprobar a memoria anual de actividades que lle someta a Xunta de Goberno.

d) Aprobar os orzamentos ordinarios e extraordinarios, as liquidacións de contas ou inventarios.

e) Adquirir, gravar e allear bens inmobles.

f) Acordar as cotas que puidesen establecerse ao abeiro do recolleito nos presentes estatutos, ou outras fontes de ingresos.

g) Establecer, se é o caso, as delegacións que estime convenientes, determinando a súa demarcación, normas de funcionamento e competencias.

h) Acordar a fusión, absorción, segregación ou disolución do Colexio.

i) Acordar o cambio de domicilio do Colexio a outra poboación.

j) Elixir, entre os seus membros, á Presidencia, Vicepresidencia, Tesouraría, Secretaría do Colexio e Vogais.

k) Calquera outro asunto que poida someterlle a Xunta de Goberno.

Artigo 24. Órgano de goberno

O órgano de goberno será a Xunta de Goberno que administra o Colexio, executa os acordos do órgano plenario e exerce a potestade disciplinaria e o resto de funcións que lle atribúan os estatutos, seguindo as directrices do órgano plenario.

A Xunta de Goberno componse de:

A Presidencia.

A Vicepresidencia.

A Tesouraría.

A Secretaría e ata seis vogais.

Non poderá variarse o número de vogais dentro do máximo previsto senón cando se produzan as eleccións periódicas.

A Xunta de Goberno ten carácter colexiado. Os seus membros deben ser elixidos mediante sufraxio universal, libre, directo e secreto das persoas colexiadas. Na devandita elección poderán participar como electores todas as persoas colexiadas incorporadas á data de convocatoria das eleccións.

Son competencias da Xunta de Goberno:

a) Convocar as asembleas ordinarias, extraordinarias ou especiais, fixando a orde do día.

b) Propor á Asemblea a aprobación ou modificación dos seus estatutos particulares.

c) Aprobar previamente a Memoria anual e os plans de actuación futura a someter á Asemblea.

d) Acordar a constitución, modificación e disolución das comisións, aprobando as súas normas de funcionamento e nomeando os seus membros.

e) Informar os orzamentos, cotas ordinarias e extraordinarias, contas, balances e inventarios a someter á Asemblea Xeral.

f) Revisar e aprobar, se é o caso, os orzamentos especiais, contas, memorias e plans de actuación das comisións e servizos constituídos.

g) Defender os intereses profesionais e colexiais, tido no seu ámbito a plena representación do Colexio ante as administracións públicas, autoridades, tribunais de toda clase, grao ou xurisdición, organismos ou particulares, podendo delegar todas ou parte das súas facultades.

h) Acordar e aplicar, de conformidade con estes estatutos e o Regulamento de deontoloxía profesional e colexial, as sancións que procedan.

i) Acordar a suspensión dos actos ou acordos recollidos nos presentes estatutos, salvo que opere a delegación prevista neste artigo.

j) Exercer cantas funcións correspondan ao Colexio, sempre que non estean expresamente reservadas á Asemblea Xeral, desenvolvendo, se é o caso, as liñas xerais que esta sinale.

k) Cando no seo da Xunta de Goberno se expoñan cuestións nas que poida existir colisión de intereses entre axentes e corredores, a Xunta de Goberno designará, de entre os seus membros, unha comisión paritaria, que resolverá, incluso determinando unha fórmula de arbitraxe, se fose necesario.

l) O órgano de goberno reunirase polo menos unha vez cada trimestre e, en todo caso, a convocatoria da Presidencia ou do 20 % dos compoñentes da devandita xunta.

Artigo 25. A Presidencia

A Presidencia terá as seguintes facultades e atribucións:

a) Ter, en virtude do seu cargo e sen prexuízo da representación colectiva da Xunta de Goberno, a representación do Colexio, ante toda clase de autoridades, organismos, xulgados e tribunais, entidades, corporacións e particulares, podendo outorgar poderes a favor de procuradores e avogados.

b) Asumir a alta dirección do Colexio e servizos colexiais en cantos asuntos o requiran, de acordo coas normas da Asemblea e Xunta de Goberno.

c) Executar os acordos da Xunta de Goberno. Velar polo exacto cumprimento das disposicións legais, normas estatutarias e regulamentos do Colexio, así como dos acordos adoptados polos órganos de goberno, acordando a suspensión dos actos ou acordos recorridos conforme o previsto nos presentes estatutos, sen prexuízo da ulterior resolución respecto diso que acorde a Xunta de Goberno do Colexio.

d) Convocar a Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral.

e) Presidir as reunións que celebren os órganos de goberno do Colexio e comisións deste, si asiste a elas, declarando abertas e levantando as sesións, canalizando as discusións, declarando terminado o debate dos temas, despois de consumidos as quendas que se estableza, e sometendo a votación as cuestións que o requiran.

f) A Presidencia, na Xunta de Goberno, terá voto dirimente, se se produce empate nas votacións dos membros asistente á respectiva reunión.

g) Asinar ou autorizar co seu visto e prace, segundo proceda, as actas de cantas reunións celebren os órganos de goberno, as certificacións ou informes que expida o Colexio, así como as circulares ou normas xerais que se diten.

h) Ordenar os pagamentos que se deban realizar con cargo aos fondos do Colexio e autorizar o ingreso ou retirada dos fondos das contas ou depósitos, unindo a súa sinatura á da Tesouraría ou persoa que proceda.

i) A Presidencia poderá delegar na Vicepresidencia cometidos concretos, así como encomendarlle a sinatura de determinados documentos.

Artigo 26. A Vicepresidencia

Funcións da Vicepresidencia:

a) Substituír a Presidencia en caso de ausencia, enfermidade ou vacante, coas mesmas facultades e atribucións.

b) Levar a cabo todas aquelas funcións colexiais que lle encomende ou delegue a Presidencia.

Artigo 27. A Secretaría

A Secretaría terá o carácter de fedatario de todos os actos e acordos dos órganos de goberno, podendo delegar algunhas das súas competencias nun determinado colexiado ou colexiada, logo de aprobación da Xunta de Goberno.

As súas funcións serán:

a) Levantar acta das reunións dos órganos de goberno.

b) Custodiar a documentación do Colexio e expedir as certificacións co visto e prace da Presidencia.

c) Coidar do censo de colexiados consignando nos respectivos expedientes os datos precisos de cada un deles.

d) Redactar a Memoria anual, que reflicta as actividades do Colexio para sometela á consideración da Xunta de Goberno e aprobación da Asemblea Xeral.

e) As demais funcións e facultades concretas que lle delegue a Xunta de Goberno.

Artigo 28. A Tesouraría

Corresponde á Tesouraría:

a) A xestión da recadación e custodia dos recursos colexiais.

b) A formalización das contas, balances e previsións anuais de ingreso e de gastos, formular os proxectos de orzamentos que deban someterse á Xunta de Goberno para a súa posterior aprobación pola Asemblea.

c) Coidar de que leven coas debidas formalidades e requisitos os libros de entrada e saída de fondos, inventario e estado dos bens colexiais, así como de que se conserven os xustificantes necesarios.

d) Coidar de que os gastos e ingresos colexiais se axusten aos orzamentos aprobados, dando conta das posibles incidencias á Xunta de Goberno.

e) Retirar os fondos das contas, asinando conxuntamente coa Presidencia ou con quen delegue, así como a constitución e cancelación dos depósitos.

Artigo 29. As comisións

No Colexio existirán as comisións de axentes e de corredores, para a mellor consideración e estudo das cuestións que especificamente lles afecten. Tamén poderán constituírse comisións de mediadores para un determinado ramo ou modalidade, así como comisións de axentes relacionados cunha determinada entidade ou grupo asegurador, para canto faga referencia á colaboración daqueles con estes.

Así mesmo, o Colexio poderá acordar a constitución de comisións de traballo, especialmente, as de ordenación do mercado e deontoloxía profesional e colexial, así como calquera outras que considere convenientes.

A estrutura, funcionamento e elección dos membros das anteriores comisións que, en todo caso, deberán ser colexiados no pleno gozo dos seus dereitos corporativos, realizarase segundo se determine nas súas respectivas normas de funcionamento, debendo preverse, en todo caso, a coordinación destas comisións coas que respectivamente estean constituídas, ou se constitúan, no Consello Xeral e no Consello Galego, se existise.

As presidencias da Comisión de Axentes e da Comisión de Corredores deberán ser elixidas por membros da súa mesma condición.

A constitución e desenvolvemento da Comisión de Axentes e da Comisión de Corredores será promovida pola propia Xunta de Goberno.

A constitución das restantes comisións sectoriais, ou de axentes de entidade ou grupo asegurador, e a redacción das súas normas de funcionamento, farase por proposta das persoas colexiadas interesadas. En todo caso, o número de promotoras deberá ser suficiente para cubrir todos os cargos previstos, someténdose á aprobación da Xunta de Goberno do Colexio.

A existencia e funcionamento destas comisións establecerase, en todo caso, sen prexuízo das competencias dos órganos de goberno dos colexios e consellos.

TÍTULO II

Do réxime xurídico xeral do colexio e dos acordos
dos seus organos de goberno

CAPÍTULO I

Convocatorias e adopción de acordos

Artigo 30. Convocatorias dos órganos de goberno

As convocatorias dos órganos de goberno do colexio realizaranse:

a) Asemblea xeral:

– Pola Xunta de Goberno e no seu nome a Presidencia.

– Pola Presidencia, por petición escrita de polo menos a décima parte do censo colexial.

b) Xunta de Goberno:

– Pola Presidencia pola súa propia iniciativa.

– Pola Presidencia, se o solicita o 20 % dos compoñentes do órgano de goberno.

Nas convocatorias deberán constar os puntos da orde do día que se vaian tratar na reunión.

Cando a convocatoria se efectúe por petición dun órgano de goberno, a devandita petición deberá, en todos os casos, indicar e fundamentar os puntos da orde do día que se vaia tratar na reunión.

A Asemblea debe convocarse cunha antelación mínima de dez días naturais, anteriores á data prevista para a súa celebración e a Xunta de Goberno, de cinco días naturais. Salvo razóns de urxencia xustificadas, nas que estes prazos poderán quedar reducidos a un mínimo de corenta e oito horas.

As reunións que, por razóns de urxencia, se celebren sen suxeición aos prazos establecidos, poderán ser convocadas polo medio escrito ou electrónico que se considere máis rápido. Nestes casos, o primeiro acordo do órgano convocado deberá recaer sobre se se considera xustificada a urxencia.

Artigo 31. Constitución

As asembleas e xuntas de Goberno convocadas cos requisitos antes sinalados no presente capítulo, consideraranse validamente constituídas cando concorran, na primeira convocatoria, a metade máis un dos seus membros e en segunda convocatoria, sinalada media hora máis tarde como mínimo, con calquera que sexa o número de membros asistente. En todo caso, será preceptiva a asistencia da Presidencia e da Secretaría ou de quen deban substituílos.

Artigo 32. Periodicidade

Os órganos de goberno do colexio reuniranse:

1. En sesión ordinaria, polo menos coa seguinte periodicidade:

a) A Asemblea Xeral, unha vez ao ano.

b) A Xunta de Goberno, unha vez ao trimestre, excepto no mes de agosto, salvo razóns de urxencia, e tantas veces como o considere necesario a Presidencia do Colexio.

2. En sesión extraordinaria, cando especiais circunstancias así o aconsellen, a iniciativa do órgano de goberno, ou por petición dun número de persoas colexiadas exercentes superior ao 10 % do total do censo.

Artigo 33. Votación

A aprobación de calquera asunto sometido a debate exixirá o voto favorable da metade máis un dos membros asistente con dereito a voto, salvo para os casos seguintes:

a) Acordar a fusión, absorción, segregación ou disolución do Colexio.

b) Acordar o cambio de domicilio do Colexio a outra poboación.

c) A modificación dos presentes estatutos.

Os acordos dos puntos anteriores requiren o voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes á Asemblea convocada con carácter extraordinario especialmente a este obxecto, sen prexuízo do disposto nos presentes estatutos para o caso de disolución.

Non poderán exercer o seu dereito a voto os colexiados que non estean ao día no pagamento das súas cotas ordinarias ou extraordinarias. As votacións realizaranse da forma e pola orde que a Presidencia fixe, decidindo esta se deben ser a man alzada, nominais ou secretas, salvo que afecten persoas; nese caso serán sempre secretas. Por petición polo menos da cuarta parte dos asistentes, as votacións poderán ser nominais ou secretas, coa excepción anterior en canto a estas últimas.

Artigo 34. Representacións

Nas asembleas xerais do Colexio ou da súa Xunta de Goberno, calquera membro poderá facerse representar por outro do mesmo órgano, mediante delegación especial escrita para cada reunión, sen que se poida ter máis dunha delegación.

Artigo 35. Actas das reunións

A todas as reunións de órganos de goberno asistirá a persoa titular da Secretaría ou quen faga as súas funcións, que levantará a correspondente acta, que poderá ser aprobada polo propio órgano ou por delegación, no prazo de trinta días polos interventores nomeados en cada reunión con este obxecto.

Artigo 36. Axudas de custo

Os membros da Xunta de Goberno, convocados a reunión fóra do lugar da súa residencia, serán compensados polos gastos que o desprazamento lles ocasione, de acordo coas normas establecidas pola Xunta de Goberno. Non terán este dereito quen non se atopen ao día no pagamento das súas cotas colexiais. Cando non se trate de reunións preceptivas e non houbese consignación orzamentaria para o efecto, os asistentes sufragarán os seus propios gastos.

CAPÍTULO II

Actos e acordos do Colexio

Artigo 37. Réxime xurídico dos actos e acordos do Colexio

Os actos e acordos de todos os órganos de goberno do Colexio deberán axustarse ao ordenamento xurídico xeral, e aos presentes estatutos. Para a súa plena validez, deberán ser adoptados dentro da competencia respectiva e axustados ás normas de procedemento que estivesen establecidas.

Artigo 38. Validez dos acordos

Os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno do Colexio obrigarán a todas as persoas colexiadas. Todo iso, sen prexuízo dos recursos establecidos neste título e que legalmente procedan.

Artigo 39. Executividade

Os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno, dentro da súa respectiva competencia, serán inmediatamente executivos, salvo nos casos de suspensión.

CAPÍTULO III

Recursos contra os actos e acordos do Colexio

Artigo 40. Nulidade dos actos e acordos

Respecto dos actos ou acordos dos órganos de goberno anteditos, considéranse radicalmente nulos os enumerados no artigo 47.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 8.3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais.

Artigo 41. Anulabilidade dos actos e acordos

1. Son anulables os actos ou acordos dos órganos de goberno do Colexio que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

2. A impugnación de tales actos ou acordos deberá axustarse ao disposto ao que se estableza a lexislación sobre procedemento administrativo común das administracións públicas, en todo aquilo que non estea regulado especificamente nos presentes estatutos.

Artigo 42. Suspensión de actos ou acordos

Os colexiados poderán promover a suspensión dos actos ou acordos que se consideren radicalmente nulos ou anulables na medida en que lles afecten ante a Presidencia e a Xunta de Goberno do Colexio, ou ben xudicialmente, se non tivesen constancia de ser atendida a súa petición no prazo dun mes a partir da data en que a formulasen. En todo caso, os colexiados poderán pedir ao secretario do órgano, certificación do acordo ou acordos que se pretendan ou impugnar, segundo consten na correspondente acta.

A tramitación desta petición de suspensión rexerase polo disposto nos artigos 117 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 43. Transmisibilidade

1. A nulidade ou anulabilidade dun acto non implicará a dos sucesivos no procedemento, que sexan independentes do primeiro.

2. A nulidade ou anulabilidade en parte do acto non implicará a das partes do mesmo independentes daquela, salvo que a parte viciada sexa de tal importancia que sen ela o acto non fose ditado.

Artigo 44. Conversión de actos viciados

Os actos nulos ou anulables, que, con todo, conteñan os elementos constitutivos doutro distinto, producirán os efectos deste.

Artigo 45. Conservación de actos e trámites

O órgano que declare a nulidade ou anule as actuacións disporá sempre a conservación daqueles actos e trámites cuxo contido se mantivo igual de non terse cometido a infracción.

Artigo 46. Validación

1. O colexio poderá validar os actos anulables, emendando os vicios de que adoezan.

2. O acto de validación producirá efecto desde a súa data, salvo que se indique expresamente a súa retroactividade, sempre que sexa aceptada polos interesados.

3. Se o vicio consistise na falta dalgunha autorización, poderá ser validado o acto mediante o outorgamento desta polo órgano competente.

Artigo 47. Recursos administrativos

Os acordos dos órganos de goberno do Colexio serán recorribles ante o Consello Galego, de existir, ou, na súa falta, ante o Consello Xeral. A resolución porá fin á vía administrativo-colexial, quedando expedita a vía para que poidan ser directamente recorribles ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo coa Lei reguladora da devandita xurisdición e en canto estean suxeitos ao dereito administrativo.

Artigo 48. Recurso de alzada

O recurso de alzada que proceda contra os acordos dos órganos colexiais deberá interporse no prazo dun mes seguinte á data de adopción, ou á de notificación ou publicidade, se fose posterior a aquela, debendo resolverse polo órgano a que vaia dirixido no prazo de tres meses, contados desde a súa interposición. Se non fose resolto no devandito prazo entenderase desestimado, quedando expedita a vía contencioso-administrativa. As anteriores disposicións deixan a salvo os supostos específicos recollidos nestes estatutos.

Artigo 49. Suspensión da execución

A interposición do recurso de alzada non suspenderá a execución dos acordos recorridos, salvo que a suspensión se acorde conforme o disposto nos presentes estatutos, ou sexa adoptada xudicialmente.

Artigo 50. Lexitimación

Os acordos dos órganos de goberno do colexio poderán ser impugnados por todos aqueles que sexan titulares dun dereito ou interese lexítimo.

Artigo 51. Normas subsidiarias

Para o exercicio e tramite destes dereitos e recursos, en todo aquilo que non se determine nos presentes estatutos, haberá que aterse ao que, en cada momento, veña disposto na lexislación sobre o procedemento administrativo común das administracións públicas, tanto no relativo a lexitimación, actos presuntos, instrución e finalización do procedemento e recursos administrativos.

TÍTULO III

Do réxime económico e administrativo do Colexio

Artigo 52. Recursos económicos

1. Constitúen os recursos do Colexio:

a) As cotas de todo tipo.

b) Os dereitos de incorporación ao Colexio.

c) Os dereitos que lle sexan legalmente recoñecidos.

d) Os ingresos por publicacións, impresos, subscricións, prestación de servizos ou calquera outra actividade colexialmente lícita.

e) Os importes provenientes da explotación ou disposición dos seus bens ou dereitos.

f) Os intereses ou rendementos das súas contas bancarias e dos demais produtos financeiros.

g) As herdanzas, legados, doazóns, subvencións e achegas ao seu favor.

h) Calquera outros recursos obtidos de conformidade coas disposicións legais.

2. Cando se convoque unha asemblea a que se deban someter liquidacións de contas, orzamentos e/ou balances para a súa aprobación, estarán estes e os seus xustificantes á disposición dos asembleístas, para o seu exame, na Secretaría do Colexio, polo menos, con dez días de antelación á data prevista para a súa celebración.

3. Os recursos colexiais distribuiranse tendo en conta:

a) As necesidades e servizos do Colexio como estableza a súa Asemblea Xeral e de conformidade co seu orzamento de gastos.

b) As achegas económicas que deban facerse ao Consello Galego, se existise, e en todo caso ao Consello Xeral. Deberá respectarse o destino que proceda de norma legal ou vontade do causante nos supostos de herdanza, legado, doazón, subvencións ou achegas.

Artigo 53. O patrimonio

1. O Colexio administrará e disporá do seu patrimonio con plena capacidade de obrar en todos os seus actos ou contratos, sen máis limitacións que as establecidas nas leis e as derivadas dos fins e funcións a que estea afecto.

2. A titularidade do patrimonio inmoble quedará debidamente reflectida no Rexistro da Propiedade mediante a correspondente inscrición, que instará obrigatoriamente a Xunta de Goberno. Un estado dos bens colexiais, tal como se recolle no devandito rexistro, incorporarase a cada orzamento anual como anexo.

Artigo 54. Fondos do colexio

Os fondos do Colexio estarán depositados ao seu nome en entidades de depósito e crédito. Para a súa disposición serán necesarias, polo menos, dúas sinaturas conxuntas, da Presidencia e Tesouraría ou de quen, por propostas destes, sexa autorizado pola Xunta de Goberno, para este efecto.

Artigo 55. Os orzamentos

O réxime económico-administrativo do Colexio desenvolverase mediante orzamentos, por exercicios anuais, en que se consignarán todos os recursos e gastos estimados.

Para atender a realización dunha actuación non prevista no orzamento ordinario poderán formalizarse polo colexio orzamentos extraordinarios, cuxa duración será a que exixa o total desenvolvo da actuación. Estes orzamentos serán sometidos para a súa aprobación, pola Xunta de Goberno, á Asemblea respectiva. Á vista do desenvolvemento do exercicio económico, a Xunta de Goberno poderá acordar a transferencia dos excedentes que se prevexan nun capítulo ou partida, para cubrir os resultados deficitarios doutros, ou gastos non previstos.

Cando se convoque unha Asemblea a que se deban someter liquidacións de contas, orzamentos e balances para a súa aprobación, estarán estes e os seus xustificantes á disposición dos colexiados para o seu exame, na Secretaría do Colexio, polo menos con dez días de antelación á data prevista para a súa celebración.

Os orzamentos formarán parte da memoria anual, que se remite ao organismo competente e se publica na web no primeiro semestre de cada ano, na que se expoñen os principais datos relativos á xestión económica e actividades.

TÍTULO IV

Normas electorais

CAPÍTULO I

Eleccións no Colexio

Artigo 56. Normas xerais

O dereito a ser elector corresponde por igual a todas as persoas colexiadas que estean ao día no cumprimento dos seus deberes colexiais e exercerase mediante voto libre, directo e secreto, na forma que determinen as normas legais, os presentes estatutos, así como os plans electorais que, para completar as anteriores normas e fixar o calendario e prazos, aprobe a Xunta de Goberno do Colexio.

A Presidencia e os demais cargos dos órganos de goberno serán elixidos en votación directa e secreta, na que poderán participar como electores todas as persoas colexiadas incorporadas con antelación á data de convocatoria das eleccións.

A Presidencia e os demais cargos dos órganos de goberno para ser elixibles deberán ser persoas colexiadas exercentes e residentes no ámbito do Colexio de que se trate, sempre que non estean incursas en ningunha das seguintes situacións:

a) Estar condenados por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, en tanto estas subsistan.

b) Ter sido sancionado disciplinariamente con sanción que comporte a suspensión da condición de persoa colexiada, mentres esta non se recuperase.

c) Ser titular da presidencia doutro colexio profesional ou dunha asociación profesional de mediadores de seguros.

A renovación de todos os cargos nos colexios realizarase cada catro anos, calquera que sexa o tempo que leve no cargo, deixando a salvo o dereito á reelección.

Ningunha persoa colexiada poderá presentarse como candidato a máis dun cargo dos que deban ser elixidos na mesma convocatoria.

Artigo 57. Elixibilidade dos membros dos órganos de goberno

Os membros dos órganos de goberno do colexio deberán ser persoas colexiadas «exercentes» e debidamente inscritas no rexistro de mediadores competente. Os titulares da presidencia e vicepresidencia do colexio deberán acreditar estar en posesión da titulación exixida pola lexislación vixente para o exercicio da profesión de mediador, atoparse en situación de «exercentes» e ter ininterrompidamente unha antigüidade mínima de cinco anos de exercicio profesional debidamente colexiados, no período inmediatamente anterior á elección.

Artigo 58. Vacantes nos órganos de goberno

Cando se produza algunha vacante na Xunta de Goberno, esta poderá elixir provisionalmente, mediante acordo adoptado por maioría simple dos seus restantes membros, os colexiados que, reunindo os requisitos exixidos para ser candidatos ao cargo vacante, considere idóneos. Realizada esta elección, os elixidos asumirán o cargo e desempeñarán as súas funcións ata que se cubra este no primeiro proceso electoral que corresponda convocar.

Cando a vacante producida sexa a da Presidencia, iniciarase proceso electoral no prazo dun mes para a elección de novo titular do devandito cargo conforme o regulado nos presentes estatutos.

Se as vacantes a que se refiren os parágrafos anteriores alcanzasen máis da metade dos compoñentes da Xunta de Goberno, sempre que esta estea composta por un mínimo de tres membros, presidencia e secretaría entre eles, desempeñarán a súa función para os efectos da convocatoria de eleccións, e cesarán, ao outorgar a posesión aos elixidos, o que deberá facerse nun prazo non superior a dez días de celebradas as eleccións.

No caso de que as vacantes superen os tres membros, o Consello Galego, de existir, ou na súa falta, o Consello Xeral, procederá no prazo dun mes a adoptar as medidas que considere conveniente para completar provisionalmente coas persoas colexiadas que considere máis idóneas a Xunta de Goberno e para promover a convocatoria de eleccións. A xunta provisional, así constituída, exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude de elección.

Artigo 59. Actos electorais

Os actos electorais rexeranse polas normas comprendidas no presente capítulo. O proceso electoral celebrarase baixo o control e a dirección dunha mesa electoral. En ningún caso poderán formar parte das mesas quen fose candidato na elección, aínda que estes poderán designar interventores.

Todo o censo de colexiados participará na elección dos membros da Xunta de Goberno, entre os candidatos proclamados. Para ese efecto, cada colexiado terá un voto.

Serán proclamados candidatos cantos, reunindo as condicións debidas, e constando a súa aceptación, se atopen ao día no cumprimento dos seus deberes económicos colexiais, e sexan propostos, polo menos, por dez electores con dez días de antelación, cando non o efectúe persoalmente o colexiado, garantindo a autenticidade do elector e o segredo do voto, e prevendo as medidas oportunas para evitar posibles duplicacións de voto, se existisen varios colexios electorais.

Artigo 60. Elección de cargos

Os cargos obxecto de elección son os da Presidencia, a Vicepresidencia, a Tesouraría, a Secretaría e as vogalías do Colexio. Tendo en conta a condición de axente ou corredor da persoa elixida para desempeñar a presidencia, o titular da vicepresidencia non terá a mesma condición, e será pola súa banda axente ou corredor segundo o sexa aquel.

As candidaturas deben ser completas, para todos os cargos. A elección dos membros da Xunta de Goberno será mediante unha única votación, directa e secreta, dos colexiados.

CAPÍTULO II

Mocións de censura

Artigo 61. Presentación da moción

Poderanse formular no Colexio mocións de censura sobra a actuación de calquera cargo representativo e sobre a totalidade do órgano de goberno, sempre que esta se promova, como mínimo, por un cuarto dos membros da Asemblea.

Artigo 62. Requisitos da moción

A moción deberá formularse por escrito que se presentará no Rexistro do Colexio, indicando concretamente:

1. Cargo ou cargos representativos respecto dos que se dirixe a moción de censura.

2. Feitos que, se é o caso, se consideren dignos de censura, e razóns para iso, e mesmo sinalando, se resultase pertinente, accións ou solucións alternativas que resultasen, ou resultasen, aconsellables.

Artigo 63. Actos non censurables ab initio

Non se poderá dirixir moción de censura respecto de feitos ou actuacións que sexan consecuencia directa de acordos validamente adoptados polos órganos de goberno do Colexio, salvo que se considere que existiu neglixencia ou desviación de poder no cumprimento destes acordos.

Artigo 64. Procedemento da moción

A Asemblea do Colexio, en reunión extraordinaria convocada no prazo de trinta días naturais a partir da data de presentación desta, na súa primeira reunión seguinte a devandita presentación, examinará, como primeiro punto da orde do día, o escrito de moción, e se considera que reúne os requisitos sinalados, entrará no seu exame e debate. O debate iniciarase pola defensa da moción de censura que, sen limitación de tempo, efectúe un dos asinantes desta. A continuación, e tamén sen limitación de tempo, intervirá a persoa que ostente o cargo obxecto de censura, expondo todos os feitos ou argumentos que considere procedentes para oporse a esta, salvo que renuncie a tal intervención.

Seguidamente a moción de censura será sometida a votación secreta dos membros presentes, debendo obterse para que prospere o voto da maioría. Caso de prosperar a moción de censura, o colexiado que desempeñe o cargo cuxa actuación se censurou, cesará nas súas funcións, sen prexuízo das accións xudiciais que procedan.

Artigo 65. Repetición da moción

Non se poderá reiterar unha moción de censura sobre os mesmos feitos ou actuacións ata transcorrido un ano da votación daquela.

TÍTULO V

Réxime de distincións e premios

Artigo 66. Normas xerais

O Colexio poderá conceder distincións coas que se premien os méritos relevantes, outros servizos e colaboracións prestadas á profesión, á organización colexial ou á institución aseguradora en xeral. Estas distincións poderán ser outorgadas tanto a colexiados como a outras persoas físicas, mesmo a título póstumo, xurídicas ou institucións que se fagan merecedoras a elas, conforme as normas establecidas polos órganos de goberno.

Artigo 67. Tipos de distincións

As distincións poderán consistir no outorgamento de diploma, título de colexiado de honra, título de presidente ou vogal de honra, medalla, placa ou outro obxecto significativo do recoñecemento aos méritos extraordinarios do interesado.

TÍTULO VI

Deontoloxía profesional e colexial e réxime disciplinario

Artigo 68. Principio xeral

O exercicio da facultade disciplinaria axustarase ao Regulamento de deontoloxía profesional e colexial, que deberá axustarse ao previsto no título IV da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No citado regulamento garantirase a imprescindible audiencia que en todo procedemento sancionador debe outorgarse ao suxeito afectado.

A Xunta de Goberno absterase de iniciar ou continuar o procedemento sancionador, se tivese coñecemento de que sobre os mesmos suxeitos e polos mesmos feitos se iniciou procedemento xudicial ou administrativo, e en tanto non recaia resolución firme sobre estes.

En todo caso, os feitos declarados probados por resolución xudicial penal firme vinculan a Xunta de Goberno respecto dos procedementos sancionadores que tramiten.

Artigo 69. Clases de faltas

As faltas colexiais clasifícanse en moi graves, graves e leves.

1. Son faltas moi graves:

a) A comisión de delitos dolosos en calquera grao de participación como consecuencia do exercicio da profesión.

b) A comisión de actos que, aínda que non sexan constitutivos de infracción penal, supoñan grave falta de probidade no exercicio profesional de mediador de seguros, de conformidade co establecido nas normas deontolóxicas da profesión.

c) A falta de probidade ou o abuso de poder ou lucro ilícito no desempeño de cargos colexiais.

d) O incumprimento dos deberes profesionais cando resulte prexuízo grave para quen solicite ou concerte a actuación profesional.

e) O exercicio profesional sen cumprir os requisitos legalmente establecidos, segundo se deduza do expediente administrativo correspondente.

f) A vulneración do segredo profesional.

g) O exercicio da profesión en situación de inhabilitación profesional ou quedando incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

h) A comisión de dúas infraccións graves no prazo de dous anos, salvo que a gravidade se producise por acumulación de infraccións leves.

2. Son faltas graves:

a) O incumprimento dos deberes profesionais, cando resultase prexuízo para quen solicite ou concerte a actuación profesional.

b) O incumprimento dos deberes profesionais, cando supoñan falta de probidade no exercicio profesional de mediador de seguros.

c) A ofensa ou ataques á dignidade dos demais profesionais da mesma profesión, ou dos órganos de goberno desa, das persoas ou institucións con quen se relacione como consecuencia do seu exercicio profesional, así como a agresión física a estes.

d) As expresións críticas ou accións fronte aos órganos colexiais e os seus membros, sen respectar as canles establecidas, cando tales expresións, críticas ou actos poidan prexudicar o recoñecemento público da profesión e/ou a estabilidade colexial ou entorpecer deliberadamente con actos ou omisións a actividade de colexios e consellos.

e) Os actos constitutivos de competencia desleal, de acordo coa lexislación vixente en materia de dereito da competencia e competencia desleal.

f) O abandono, a desidia ou o desinterese habitual no cumprimento das obrigas inherentes ao cargo para o que fose elixido o colexiado polos seus compañeiros.

g) O incumprimento dos acordos validamente adoptado polos órganos de goberno, ou non prestar a colaboración ou información solicitada con ocasión dun procedemento previo ou expediente sen causa xustificada.

h) A utilización consciente de subaxentes ou colaboradores que estean incursos en causa de incompatibilidade para o exercicio da mediación de seguros ou a utilización de persoas interpostas para obter un fin contrario á normativa legal e/ou á deontoloxía profesional e colexial.

i) A comisión de, polo menos, cinco infraccións leves no prazo de dous anos.

j) O incumprimento dunha sanción legalmente imposta.

3. Son faltas leves:

a) Obstruír ou entorpecer o labor de quen presida as reunións ou conducirse de maneira desconsiderada nas intervencións dentro das devanditas reunións.

b) Non cubrir os informes ou datos solicitados polos órganos de goberno e relacionados coa súa condición de membro dos devanditos órganos.

c) Faltas de asistencia non xustificadas ás reunións a que deba asistir por razón do cargo que ocupe ou non realizar, sen motivo suficiente, actuacións que lle correspondan ou que lle foron encomendadas por razón daquel.

d) Calquera outras faltas de solidariedade profesional ou colexial, e a vulneración de calquera outro precepto que regule a actividade profesional que non constitúa infracción grave ou moi grave.

Artigo 70. Reincidencia

A reincidencia en faltas da mesma gravidade, aínda cando fosen de distinta natureza, dará lugar a que a segunda e sucesivas poidan ser cualificadas e sancionadas como do grao inmediato superior, sempre que a reincidencia se produza dentro dos prazos que para prescrición das faltas sinalan os presentes estatutos.

Artigo 71. Clases de sancións

As sancións que poderán imporse son as seguintes:

1. Por faltas moi graves:

a) Suspensión da súa pertenza ao colexio profesional, por un tempo comprendido entre un ano e un día e 20 anos.

2. Por faltas graves:

a) Suspensión da súa pertenza ao Colexio por un período que non exceda dun ano.

b) Perda do cargo que desempeñe nos órganos colexiais ou daqueles que ostente pola súa condición de persoa colexiada.

3. Por faltas leves:

Apercibimento.

As sancións anteriores son independentes das que poidan imporse administrativa ou xudicialmente.

Artigo 72. Gradación de faltas e sancións

As sancións se graduarán en función das circunstancias atenuantes e agravantes desta, que poden modificar a responsabilidade do inculpado. Cando o infractor tivese beneficio económico, este dato considerarase como agravante para efectos de determinación da sanción.

Artigo 73. Competencia sancionadora

A competencia para acordar as sancións corresponde ao colexio a través da súa Xunta de Goberno e, se é o caso, por proposta da comisión de deontoloxía profesional e colexial. Se se tratase de infraccións cometidas polos membros da Xunta de Goberno, a competencia corresponde ao Consello Galego, se existise, ou na súa falta, ao Consello Xeral.

Todo iso, enténdese, sen prexuízo da competencia da Xunta de Galicia para a imposición de sancións pecuniarias ou de inhabilitación profesional, nos termos establecidos na normativa vixente, podendo o Colexio formular a través dos seus órganos de goberno e ante o departamento correspondente da Xunta de Galicia, a denuncia a que acompañará un informe sobre aqueles actos contrarios á deontoloxía profesional en que puidesen incorrer os mediadores de seguros colexiados ou non. No caso de membros do Colexio, sendo a sanción a expulsión temporal deste, considerarase compatible coas que puidesen imporse pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido na normativa vixente.

Artigo 74. Procedemento sancionador

O réxime sancionador previsto nesta norma exercitarase de acordo cos seguintes principios:

a) Legalidade.

b) Irretroactividade.

c) Tipicidade.

d) Proporcionalidade.

O exercicio da facultade disciplinaria rexerase polo disposto nos correspondente regulamentos de deontoloxía profesional e colexial, que deberá axustarse ao previsto no título IV da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No citado regulamento garantirase a imprescindible audiencia que en todo procedemento sancionador debe outorgarse ao suxeito afectado.

A Xunta de Goberno absterase de iniciar ou continuar o procedemento sancionador, se tivese coñecemento de que sobre os mesmos suxeitos e polos mesmos feitos se iniciou procedemento xudicial ou administrativo, e en tanto non recaia resolución firme sobre estes.

En todo caso, os feitos declarados probados por resolución xudicial penal firme vinculan á Xunta de Goberno respecto dos procedementos sancionadores que tramiten.

Artigo 75. Prescrición de faltas e sancións

1. As faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

2. O prazo de prescrición computarase desde a data en que a infracción fose cometida. Se a actuación infractora fose continuada, computarase desde a finalización da actuación infractora ou desde o último acto con que a infracción se consume.

3. A prescrición interromperase pola iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, volvendo correr o prazo se o expediente permanecese paralizado durante seis meses por causa non imputable a aqueles contra quen se dirixa.

4. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous e as impostas por faltas leves ao ano.

TÍTULO VII

Formación profesional

Artigo 76. Cursos e actividades

O Colexio realizará cursos de formación práctica destinados aos colexiados, útiles para o exercicio da correspondente profesión. Tamén organizará actividades e servizos de carácter profesional, cultural, asistencial e de previsión de interese para os colexiados.

No desenvolvemento da función formativa, o Colexio coordinará a súa función coa actividade formativa do Consello Xeral, neste último caso nos termos recolleitos nos estatutos do Consello Xeral dos Colexios de Mediadores de Seguros, e nos do Consello Galego, de existir.

TÍTULO VIII

Disolución, fusión, absorción e segregración do Colexio

Artigo 77. Da disolución, a fusión e a segregación

O colexio poderá promover a súa fusión, absorción ou segregación, de acordo con prever na normativa vixente sobre colexios profesionais.

A disolución, a fusión, a absorción ou a segregación do Colexio requirirá a proposta inicial da Xunta de Goberno, por acordo das catro quintas partes dos seus membros, ou por petición dun número de persoas colexiadas que represente, polo menos, a metade do censo colexial.

Para resolver sobre tal proposta, convocarase a Asemblea Xeral con carácter extraordinario a ese obxecto, requirindo a disolución a aprobación da proposta o voto favorable das dúas terceiras partes dos colexiados concorrentes a devandita asemblea.

TÍTULO IX

Modificación estatutaria

Artigo 78. Modificación dos estatutos

Os presentes estatutos poderán ser modificados, total ou parcialmente, por proposta da Xunta de Goberno, por acordo das catro quintas partes dos seus membros, ou por petición dun número de persoas colexiadas que represente, polo menos, a metade do censo colexial.

Para resolver sobre tal proposta convocarase a Asemblea Xeral con carácter extraordinario a ese obxecto, requirindo a aprobación da proposta o voto favorable das dúas terceiras partes dos colexiados concorrentes a devandita asemblea.

Disposición adicional primeira

Seguindo a tradición existente no Colexio, a Virxe da nosa Señora do Perpetuo Socorro será a Patroa deste.