Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 15 de novembro de 2021 Páx. 56011

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 9 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (código de procedemento PE610A).

BDNS (Identif.): 594403.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas entidades poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente como unha agrupación de entidades.

Segundo. Obxecto

Accións formativas financiadas polo FEMP que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 9 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro.

Cuarto. Contía

O financiamento destas axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias 15.03.422K.770.0 (755.200 €) e 15.03.422K.780.0 (133.800 €), código de proxecto 2016 0289, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021. O importe máximo que se concederá en 2021 será de 889.000,00 euros repartidos en dúas anualidades, dos cales á anualidade 2021 corresponden 247.000 €, e á anualidade 2022, 642.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes que se contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar