Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 10 de novembro de 2021 Páx. 55514

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2021 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da convocatoria efectuada pola Resolución do 3 de setembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021 (código de procedemento MT402B).

Primeiro. O 10 de setembro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 3 de setembro pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021.

Segundo. No ordinal segundo da dita resolución establécese o obxecto das subvencións, que é a corrección de impactos paisaxísticos presentes tanto en edificios de titularidade municipal como en certos equipamentos de titularidade municipal, ou ben os producidos por eles debido ao seu aspecto exterior, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as Directrices de paisaxe de Galicia a través de dúas liñas de axuda que son:

Liña I: Edificios ou dependencias destinadas á prestación dos servizos municipais.

Liña II: Equipamentos de titularidade municipal que se sinalan a seguir que, polo seu deficiente estado de conservación ou que pola súa propia configuración, se asocian co problema do feísmo e producen unha distorsión da paisaxe no contorno natural ou urbano onde se sitúan: fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos.

Terceiro. A Resolución do 3 de setembro de 2021, no punto 1 do ordinal sexto, indica que as subvencións obxecto desta resolución se financiarán cun crédito total de 800.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.541E.760.00, código de proxecto 2021 00002, distribuídos do seguinte xeito:

a) Con cargo á liña I: ata un máximo de catrocentos mil euros (400.000 €).

b) Con cargo á liña II: ata un máximo de catrocentos mil euros (400.000 €).

Cuarto. O punto 5 do ordinal sétimo da Resolución do 3 de setembro de 2021 establece que para os efectos da concesión das axudas, se terá en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación exixida na citada resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas.

Quinto. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito foi a que tivo entrada na sede electrónica o día 11.9.2021 ás 00.21 horas para a liña I, e o día 8.10.2021 ás 12.41 horas para a liña II.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O punto 6 do ordinal décimo terceiro da Resolución do 3 de setembro de 2021 establece que, unha vez esgotado o crédito destinado ás subvencións, se publicará no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia, que suporá a inadmisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

Segunda. Os artigos 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o 32 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establecen que, cando o procedemento administrativo establecido non leve consigo o esgotamento do crédito nun único acto de concesion senón que a súa disposición se realice en actos sucesivos, o órgano xestor deberá publicar, no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

En virtude do exposto anteriormente, e de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento do crédito autorizado para as axudas convocadas pola Resolución do 3 de setembro, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021 (código de procedemento MT402B), con data do día 11.9.2021 ás 00.21 horas para a liña I, e o día 8.10.2021 ás 12.41 horas para a liña II.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021

Enrique Luis de Salvador Sánchez
Director do Instituto de Estudos do Territorio