Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 5 de novembro de 2021 Páx. 54276

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2021 pola que se acorda a ampliación do prazo máximo para resolver o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Resolución do 25 de novembro de 2019.

Mediante a Resolución do 25 de novembro de 2019 (DOG núm. 226, do 27 de novembro) convocouse o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece no artigo 89.5: «No ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, os concursos para a provisión de postos de persoal funcionario de carreira deberán resolverse no prazo de seis meses, contado desde a publicación das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas».

No DOG núm. 86, do 7 de maio, publicouse a Resolución do 26 de abril de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas do concurso.

O citado prazo de 6 meses para resolver o procedemento rematará o vindeiro 7 de novembro de 2021.

Non obstante, a resolución deste procedemento de provisión de postos debe coordinarse necesariamente, en prol da mellor planificación dos recursos humanos no ámbito da función pública, coa resolución dos procesos selectivos que se atopan actualmente en execución e que se viron afectados no seu desenvolvemento pola crise sanitaria orixinada pola pandemia da COVID-19.

Con base no anterior, é preciso, ao abeiro do artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ampliar o prazo para resolver o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Resolución do 25 de novembro de 2019.

Polo exposto, no uso das competencias que ten atribuídas no artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública e ao abeiro do disposto no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, esta dirección xeral

RESOLVE:

Ampliar o prazo para resolver o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Resolución do 25 de novembro de 2019, nos termos establecidos no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra este acordo de ampliación de prazo non cabe recurso, consonte o disposto no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública