Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 5 de novembro de 2021 Páx. 54250

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 26 de outubro de 2021 pola que se modifica a Orde do 25 de marzo de 2020, conxunta da Consellería do Medio Rural, da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se aproban os pregos de condicións aos cales se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados pola lexislación de protección do dominio público.

Exposición de motivos

Mediante a Orde do 25 de marzo de 2020, conxunta da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, aprobáronse os pregos de condicións aos cales se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados pola lexislación de protección do dominio público (DOG núm. 64, do 1 de abril de 2020).

O prego de condicións para os terreos que conforman a zona de protección de estradas de titularidade autonómica estableceuse no anexo I desa orde. A información adicional que recolle o anexo inclúe un esquema das limitacións á propiedade reguladas na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Posteriormente, a Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, no artigo 20.6, modificou o artigo 40 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, polo que se varía a delimitación da zona de afección que pasa a medirse desde as liñas exteriores do dominio público.

Esta modificación fai necesario modificar o esquema das limitacións á propiedade que figura na parte final do anexo I da Orde do 25 de marzo de 2020, co fin de adecualo á actual redacción da Lei 8/2013, do 28 de xuño.

Por último, modifícase a redacción do punto 7 do anexo I, co fin de aclarala e evitar equívocos.

A disposición derradeira primeira da devandita orde indica no seu número 2 que: «Mediante orde da consellería competente en materia de patrimonio natural, infraestruturas ou augas poderanse modificar, no ámbito das súas respectivas competencias, as cláusulas dos anexos I ao III desta orde, logo de traslado, para o seu coñecemento e implementación nas ferramentas informáticas, ao órgano competente en materia forestal».

Por todo iso, e no uso da facultade conferida á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade no número 8 do artigo 33 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e no número 6 do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de decembro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 25 de marzo de 2020, conxunta da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se aproban os pregos de condicións aos cales se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados pola lexislación de protección do dominio público.

Un. A condición punto 7 do anexo I, Prego de condicións para os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, nos terreos que conforman a zona de protección de estradas de titularidade autonómica, queda redactada como segue:

«7. As árbores ou ramas deberán cortarse de xeito que caian fóra da plataforma da estrada, para o que deberán empregar os medios necesarios para este fin. As pólas e demais produtos da corta ou poda depositaranse fóra da calzada, das beiravías, dos foxos e do resto da zona de dominio público da estrada».

Dous. O esquema contido na Información adicional. Limitacións a propiedade. Lei 8/2013, de estradas de Galicia, é o seguinte:

missing image file

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade