Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 28 de outubro de 2021 Páx. 52857

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 20 de outubro de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se modifica a Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (códigos de procedemento ED481A e IN606A).

A través da Orde do 31 de decembro de 2020 (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro de 2021), a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación convocaron as axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego.

Estas axudas foron adxudicadas pola Resolución do 15 de xuño de 2021 (DOG núm. 121, do 28 de xuño), modificada parcialmente pola Resolución do 6 de outubro de 2021 (DOG núm. 200, do 15 de outubro).

No artigo 19 da orde indícase que, no caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, se poderá adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na lista de espera, sempre e cando a renuncia se produza antes do 31 de outubro de 2021. Tamén se indica que a persoa substituta quedará suxeita ás mesmas condicións e polo tempo restante de aproveitamento da axuda.

O día 1 de outubro de 2021 o Ministerio de Universidades publicou na súa páxina web a proposta de resolución provisional das axudas da convocatoria de 2020 para a formación do profesorado universitario (FPU), polo que se prevé que a concesión destas axudas se produza con posterioridade ao 31 de outubro de 2021 e pode provocar renuncias ás axudas predoutorais concedidas polas resolucións do 15 de xuño de 2021 e do 6 de outubro de 2021.

Tendo en conta o anterior, co fin de asegurar a eficacia das listas de espera e para garantir a contratación do maior número de investigadoras e investigadores predoutorais en Galicia, cómpre modificar a data límite de renuncia das axudas para que poidan ser cubertas polas persoas investigadoras das listas de espera.

Na súa virtude e no uso das atribucións que temos conferidas,

ACORDAMOS:

Artigo único. Modificación do artigo 19.2 da Orde do 31 de decembro de 2020, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (códigos de procedemento ED481A e IN606A)

O artigo 19.2 queda redactado da seguinte maneira:

2. Poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na lista de espera, sempre e cando a renuncia se produza antes do 30 de decembro de 2021. Para cubrir estas renuncias seguirase a prelación das listas de espera definidas no artigo 11.7, tendo en conta que soamente poderán ser cubertas coas solicitudes da lista de espera do órgano instrutor en que se produza a renuncia.

A persoa substituta quedará suxeita ás mesmas condicións e polo tempo restante de aproveitamento da axuda.

A competencia para adxudicar unha nova axuda correspóndelle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou á persoa titular da Presidencia da Gain, segundo que as novas incorporacións procedan das listas de espera da Secretaría Xeral de Universidades ou da Gain, respectivamente.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa notificación e será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9 de febreiro de 2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Francisco Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e presidente da Axencia Galega de Innovación