Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 22 de outubro de 2021 Páx. 51416

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 13 de outubro de 2021 pola que se nomean vogais do Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

O artigo 10 dos estatutos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), aprobados polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro, establece o Consello Reitor como o órgano superior colexiado de goberno do instituto.

A composición do Consello Reitor fíxase no artigo 11 dos citados estatutos e indícase que está integrado pola Presidencia, a Vicepresidencia, a Secretaría, e que, ademais, formarán parte del os seguintes vogais:

a) En representación dos axentes sociais: un/unha vogal en representación de cada un dos sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, nos termos expostos na disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e o mesmo número de vogais designados por proposta das organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma.

b) En representación da Administración, un número de vogais suficiente para garantir a composición paritaria do Consello Reitor:

1. A persoa titular da Xerencia do Instituto.

2. Un/unha vogal por cada unha das consellerías con competencias en materia de sanidade, minas e facenda, designado pola persoa titular da consellería respectiva de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

3. No caso de ser necesario, os/as restantes vogais serán designados pola persoa titular da consellería competente en materia de traballo entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

A Orde do 12 de decembro de 2019 (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro de 2020) foi actualizada pola Orde do 16 de outubro de 2020 (DOG núm. 221, do 2 de novembro) co fin de adecuar os vogais do Consello Reitor do Instituto á nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia; particularmente á creación dunha nova Consellería de Emprego e Igualdade establecida polo Decreto 110/2020, do 6 de setembro, e desenvolvida polo Decreto 130/2020, do 17 de setembro.

Procede agora modificar as ditas ordes por mor dos cambios que tiveron lugar, consecuencia de novas designacións para determinados postos que actúan, no Consello Reitor do Issga, en representación da Consellería de Sanidade, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e da Consellería de Emprego e Igualdade.

Ao mesmo tempo, dada a necesidade de actualizar os vogais do Consello Reitor, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e o Sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia propoñen cambios nos seus vogais titular e suplente respecto dos designados na Orde do 12 de decembro de 2019, actualizada pola Orde do 16 de outubro de 2020.

En virtude do anterior, cómpre facer os seus nomeamentos que, para xeral coñecemento, se publican no Diario Oficial de Galicia.

Así, de conformidade coas atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e os artigos 10 e 11 dos estatutos do Issga, aprobados polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro,

DISPOÑO:

Primeiro. Nomear vogais titulares e suplentes do Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia as seguintes persoas, sen prexuízo da permanencia dos restantes membros nomeados polas ordes do 12 de decembro de 2019 e 16 de outubro de 2020, respectivamente:

a) En representación dos axentes sociais:

– Como vogal titular: Armando Iglesias Rodríguez, polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia.

– Como vogal suplente: Mar Martín González, polo Sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia.

b) En representación da Administración:

Unha vogal pola consellería competente en materia de sanidade:

– Como vogal suplente: Margarita Prado Vaamonde, vicesecretaria xeral.

Dúas vogais pola consellería competente en materia de minas:

– Como vogal titular: Paula María Uría Traba, directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

– Como vogal suplente: María Coutinho Villanueva, subdirectora xeral de Recursos Mineiros.

Unha vogal pola consellería competente en materia de traballo:

– Como vogal suplente: María Belén Liste Lázara, subdirectora xeral de Emprego.

Segundo. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade