Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 20 de outubro de 2021 Páx. 51176

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 16 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión e a modificación substancial da autorización ambiental integrada outorgada a Codisoil, S.A. para a planta de valorización e almacenamento de residuos hidrocarburados situada no concello do Porriño (Pontevedra) (expediente 2019-IPPC-M-195 e un máis).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro de 2013), regulan os procedementos de revisión e modificación substancial das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15 do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento presentado por Codisoil, S.A. para a revisión e modificación substancial da súa autorización ambiental integrada, para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, as suxestións ou as observacións que coide convenientes.

O documento estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Expedientes: 2019-IPPC-M-195 e 2021-IPPC-M-25.

Núm. de autorización ambiental integrada: 2014-IPPC-40-276.

Categoría principal da actividade: anexo I, grupo 5.6.

Titular: Codisoil, S.A.

CIF: A79322947.

Enderezo do titular: Paseo de la Castellana, 259-D, planta 50, 28046 Madrid.

Enderezo da instalación: polígono industrial da Granxa, parcela 5, 36475 O Porriño (Pontevedra).

Actividade principal: limpeza industrial, distribución polo miúdo de carburantes e combustibles, almacenamento de residuos perigosos e non perigosos e valorización de residuos perigosos.

Descrición das instalacións: a planta de Codisoil, S.A. no Porriño conta con 4 liñas de actividade:

– Limpeza industrial: realízanse limpezas de tubaxes, arquetas, separadores de hidrocarburos, depósitos de gasóleo e fuel óleo, desatascos, aspiración de fosas sépticas, etc.

– Distribución polo miúdo de carburantes e combustibles: esta liña consiste no aprovisionamento de combustible, almacén de gasocentro e posterior distribución e entrega ao consumidor final.

– Almacenamento de residuos perigosos e non perigosos.

– Valorización de residuos perigosos: os residuos que cumpran coas especificacións necesarias para poderen ser tratados na planta pasan á liña de valorización, na cal se leva a cabo o tratamento de residuos hidrocarburados por medio de decantación e centrifugación.

A modificación prevista na planta de Codisoil, S.A. consiste, basicamente:

– Nun aumento das cantidades de residuos perigosos que valorizan, así como da tipoloxía de residuos.

– Nun aumento das cantidades de residuos non perigosos que almacenan, así como da tipoloxía de residuos.

– No almacenamento de novos residuos perigosos.

Verteduras:

– Augas industriais: son recollidas a través da rede de drenaxe e conducidas a un separador de hidrocarburos. Finalmente, vértense á rede de saneamento do polígono industrial.

– Augas pluviais: son canalizadas á rede de saneamento do polígono industrial.