Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 15 de outubro de 2021 Páx. 50495

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2021, pola que se modifica a Resolución do 28 de decembro de 2020 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.

O 28 de decembro de 2020, a directora xeral da Agader aprobou a resolución para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2021-2022 (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2021).

Previamente, o Consello da Xunta de Galicia, mediante o Acordo do 23 de decembro de 2020, autorizou a Agader para a concesión directa, mediante resolución, das citadas axudas, con fundamento no artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG), en relación co artigo 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, con base na concorrencia de razóns de interese público que redundan en beneficio de todos os concellos de Galicia, co obxectivo último de xerar cohesión social e territorial e mellorar as condicións de vida e traballo no medio rural e contribuír ao aumento da competitividade agraria e forestal.

Mediante a Resolución do 28 de xullo de 2021 (DOG nº 149, do 5 de agosto) modificouse o artigo 14 do anexo I da Resolución do 28 de decembro de 2020 para a concesión directa ampliando o prazo de execución e xustificación dos investimentos ata o 15 de outubro de 2021.

Durante o período de instrución e resolución do procedemento púxose de manifesto a necesidade de ampliar o prazo de execución e xustificación dos investimentos subvencionados con cargo á anualidade 2021, en grande medida por causas derivadas da crise sanitaria causada pola COVID-19, o que está a motivar retrasos administrativos tanto na obtención de autorizacións sectoriais doutras administracións como nas correspondentes licitacións das obras por parte dos concellos beneficiarios.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Agader, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Agader do 11 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo único. Modifícase a Resolución do 28 de decembro de 2020, para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 14 do anexo I, que queda redactado como segue:

«Artigo 14. Xustificación dos investimentos

O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2021 será o 10 de decembro de 2021.

Para a anualidade 2022, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos será o 10 de xuño de 2022».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2021

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural