Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 15 de outubro de 2021 Páx. 50544

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 13 de setembro do 2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Biocompost de Lugo, S.L. para unha planta de valorización de residuos non perigosos para a fabricación de compost (expediente 2020-IPPC-M-13).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro) regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, sométese a información pública, durante un período de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación presentada polo titular para que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que ache convenientes.

A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2020-IPPC-M-13.

Número da autorización ambiental integrada: 2014-IPPC-29-273.

Categoría principal da actividade: anexo I, categoría 5.4.a), do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Titular: Biocompost de Lugo, S.L.

Enderezo da instalación: estrada Feira do Monte-Xermar, concello de Cospeito, Lugo (ref. da parcela 27015A055001800000SR).

Actividade principal: valorización de residuos non perigosos para a fabricación de compost.

Na planta lévanse a cabo dous tipos de actividade de xestión de residuos:

• Estabilización e valorización dos residuos non perigosos mediante descomposición biolóxica en pillas aireadas para a obtención de compost destinado a uso agrícola.

• Tratamento previo de residuos non perigosos non separados selectivamente, para a entrega a xestor autorizado.

Verteduras: as augas residuais dos aseos vértense ao ambiente despois do seu tratamento en fosa séptica. As augas pluviais potencialmente contaminadas (que poden entrar en contacto co proceso) diríxense mediante canalización ata unha balsa de augas semisucias, cuxo destino pode ser a rega ocasional das pillas, a mestura cos residuos e co material estruturante ou o envío a un xestor autorizado. As augas pluviais non contaminadas incorpóranse limpas ao medio natural.