Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 14 de outubro de 2021 Páx. 50351

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2021 e se procede a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS508D).

BDNS (Identif.): 589090.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Establecer a regulación do procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria coa finalidade de recoñecer publicamente o labor daquelas persoas físicas e xurídicas que, de xeito cotián, desenvolvan programas, accións ou proxectos de voluntariado na Comunidade Autónoma de Galicia, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2021.

Segundo. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2021 e se procede a su convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS508D).

Terceiro. Modalidades e persoas destinatarias

Os Premios Galicia de Acción Voluntaria terán as seguintes modalidades:

a) Premio á/ao voluntaria/o do ano: modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio á entidade de acción voluntaria do ano: modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio ao mellor proxecto de acción voluntaria do ano: modalidade para proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, presentados por unha entidade de xeito individual ou por varias entidades de xeito conxunto, que se caractericen pola innovación e a repercusión social.

Cuarto. Premios

Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade.

Quinto. Orzamento

Para o financiamento destes premios destinarase un crédito de 4.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.480.0, para os premios das persoas físicas na modalidade individual, e un crédito de 8.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0, para entidades de acción voluntaria da modalidade colectiva e de proxectos, consignadas na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Sexto. Outros datos

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social