Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 6 de outubro de 2021 Páx. 48914

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

EXTRACTO da Resolución do 2 de xullo de 2021 pola que se convocan axudas para a recualificación do Sistema universitario español para 2021-2023.

BDNS (Identif.): 585507.

De acordo co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode atopar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/585507).

Primeiro. Modalidades

Axudas Margarita Salas para a formación de novas doutoras e doutores.

Axudas para a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado. Axudas María Zambrano para a atracción de talento internacional.

Segundo. Persoas beneficiarias

Axudas Margarita Salas para a formación de novas doutoras e doutores.

Persoas con título de doutoramento obtido na Universidade de Vigo cun máximo de dous anos de antigüidade desde a súa obtención e o fin de prazo de presentación de solicitudes.

Persoas con título de doutoramento obtido en universidades privadas españolas co mesmo requisito de antigüidade que no anterior caso, interesadas en realizar unha estadía na Universidade de Vigo.

Persoas con nacionalidade española e título de doutoramento estranxeiro co mesmo requisito de antigüidade que nos anteriores casos, interesadas en realizar unha estadía na Universidade de Vigo.

Axudas para a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado.

Profesorado titular de universidade e profesorado contratado doutor ou axudante doutor da Universidade de Vigo que non superen os dez anos de servizos na figura pola que presentan a súa solicitude, interesado en realizar unha estadía dun ano de duración noutra universidade española ou centro de investigación.

Axudas María Zambrano para a atracción de talento internacional.

Persoal docente e investigador de nacionalidade española ou estranxeira cunha traxectoria posdoutoral acumulada non inferior a 24 meses en universidades ou centros de investigación españois ou situados fóra de España, diferentes ao da defensa da tese de doutoramento, que estea desenvolvendo proxectos de investigación e/ou impartindo docencia en universidades, centros de investigación ou organismos situados fóra de España, que estea interesado en realizar unha estadía de tres anos de duración na Universidade de Vigo.

Terceiro. Obxecto

Axudas Margarita Salas para a formación de novas doutoras e doutores.

O obxecto destas axudas é a formación de novas doutoras e doutores mediante estadías de formación, que poderán ter unha duración ininterrompida de dous ou tres anos, e desenvolverse nunha universidade pública española ou ben en universidades e centros de investigación estranxeiros, así como en centros de investigación e organismos públicos de investigación españois, sempre que o último ano de estadía se realice nunha universidade pública española seleccionada polas persoas solicitantes.

Axudas para a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado.

O obxecto destas axudas é a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado mediante estadías de formación nunha universidade ou centro de investigación públicos distintos da Universidade de Vigo.

Axudas María Zambrano para a atracción de talento internacional.

O obxecto destas axudas é a atracción á Universidade de Vigo de persoal docente e investigador con traxectoria posdoutoral que estea desenvolvendo proxectos de investigación en universidades ou centros situados fóra de España no momento de presentar a súa solicitude.

Cuarto. Bases reguladoras

Real decreto 289/2021, do 20 de abril, polo que se regula a concesión directa de subvencións a universidades públicas para a recualificación do sistema universitario español do Ministerio de Universidades, e Orde UNI/551/2021, do 26 de maio, pola que se regula a concesión directa de subvencións a universidades públicas para a recualificación do sistema universitario español.

Quinto. Contía

A contía total do crédito destinado a estas axudas será de cinco millóns catrocentos trinta e un mil trescentos trinta e cinco euros (5.431.335 €), segundo a distribución por anualidades para 2021, 2022 e 2023 que figura no Real decreto 289/2021, do 20 de abril.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

Desde o día 3 de xullo ata o 2 de agosto de 2021.

Vigo, 2 de xullo de 2021

O reitor
P.D. (Resolución do 26.5.2020, DOG do 4 de xuño)
Belén Rubio Armesto
Vicerreitora de Investigación