Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 30 de setembro de 2021 Páx. 47850

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2021 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) da formación dos/das profesionais do Servizo Galego de Saúde derivada do Programa de formación de pacientes e cidadanía.

En cumprimento dos artigos 9.3 e 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procederase a dar publicidade á encomenda de xestión á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), ordenada mediante a Resolución do conselleiro de Sanidade, de data 17 de setembro de 2021, coas seguintes características:

1. A actividade obxecto da encomenda é que ACIS asuma as seguintes actividades:

a) A xestión do acceso do alumnado proposto para cada actividade.

b) A programación, planificación e xestión das actividades formativas propostas polo Servizo Galego de Saúde, dentro dos límites orzamentarios establecidos.

c) A resolución das incidencias que poidan xurdir nos accesos á plataforma de contidos e recursos técnicos.

A xestión das actividades formativas por parte de ACIS incluirá a xestión da acreditación dos cursos dirixidos aos profesionais sanitarios, a xestión das inscricións dos destinatarios, a planificación, programación, disposición e/ou contratación dos recursos formativos, humanos e materiais para a realización das actividades, a supervisión da execución dos cursos, a avaliación da satisfacción dos asistentes e da calidade da formación, a obtención de certificados de asistencia e de avaliación, a xestión económica das actividades formativas e a información sobre as actividades encomendadas para o seu control e verificación.

2. A realización das actividades formativas previstas terá lugar ata o 31 de decembro de 2021.

3. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, en virtude da habilitación prevista nos artigos 40 e 41 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, é unha axencia pública autonómica pertencente ao grupo de entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

José Flores Arias
Xerente do Servizo Galego de Saúde