Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Venres, 24 de setembro de 2021 Páx. 46921

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 23 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ao sector da hostalaría para a promoción da dixitalización e o márketing dixital, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU503C).

BDNS (Identif.): 585019.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias as persoas traballadoras autónomas, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas e as pemes do sector de hostalaría que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia.

Para os efectos destas axudas, considéranse dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración.

2. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír á recuperación de destinos turísticos a través de axudas ao sector da hostalaría para a promoción da dixitalización e o marketing dixital para o ano 2021, co fin de remediar a grave perturbación que na economía galega provocou o gromo da COVID-19, facilitándolles acceso á liquidez e protección fronte a outros prexuízos económicos significativos que xurdisen por mor da COVID-19 mediante liñas de axudas que, con especial incidencia na transformación dixital, melloren a súa actividade económica e incrementen a súa competitividade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 23 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ao sector da hostalaría para a promoción da dixitalización e o marketing dixital, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU503C).

Cuarto. Importe

As subvencións obxecto desta resolución, cun crédito total de 6.000.000,00 €, imputaranse á aplicación orzamentaria 05 A2 761A 770.2, proxecto 2020 00001, cun crédito de 3.000.000,00 €, e á aplicación orzamentaria 05 A2 761A 770.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 3.000.000,00 €, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sexto. Prazo de xustificación de la subvención

A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 10 de decembro de 2021.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia