Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 21 de setembro de 2021 Páx. 46352

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2021, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación co punto cinco do artigo único da Lei 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2021

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación co punto cinco
do artigo único da Lei 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación
da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

1º. De conformidade coas negociacións previas celebradas polo Grupo de Traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia do 26 de abril de 2021, para o estudio e proposta de solución das discrepancias manifestadas en relación co punto cinco do artigo único da Lei de Galicia 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, en canto da nova redacción ao artigo 38.2 desta, ambas as dúas partes as consideran resoltas de conformidade cos seguintes compromisos e consideracións:

a) O artigo 38.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia na redacción dada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, procede a regular as posibles medidas de adopción polas autoridades sanitarias galegas ao obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración dentro, en todo caso, do marco que dispón a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, como o precepto recolle expresamente. O precepto fúndase nas competencias autonómicas en materia de sanidade interior, polo que regula a materia sobre a que se proxectan os dereitos involucrados, pero en ningún caso pode entenderse que efectúe un desenvolvemento dos dereitos fundamentais e liberdades públicas involucrados, nin que estableza os seus límites, materias reservadas constitucionalmente á lei orgánica.

b) A Xunta de Galicia promoverá unha iniciativa lexislativa co obxecto de introducir no texto da Lei de saúde de Galicia a seguinte disposición adicional:

Disposición adicional segunda. Aplicación das medidas de vacinación no marco das competencias estatais de coordinación xeral da sanidade e da estratexia nacional de vacinación.

A medida prevista no número 5 da letra b) do número 2 do artigo 38, entenderase sen prexuízo do carácter voluntario da vacinación con carácter xeral e aplicarase sempre de acordo co establecido para cada patoloxía pola Administración xeral do Estado no exercicio das súas competencias de coordinación xeral da sanidade, na estratexia nacional de vacinación que estea vixente en cada momento e no marco do que se determine polo Consello Interterritorial do Sistema nacional de saúde. As campañas articularanse sobre o principio da colaboración voluntaria das persoas afectadas coas autoridades sanitarias e estas ofrecerán información, en todo caso, dos posibles riscos relacionados coa adopción ou non adopción destas medidas.

c) As autoridades sanitarias da Xunta de Galicia aplicarán as medidas recollidas no artigo 38.2 ao abeiro do que ao respecto dispoña en todo momento a lexislación orgánica de invocación e a xurisprudencia establecida sobre a interpretación desta, e con respecto ás competencias estatais sobre as bases e a coordinación xeral da sanidade, así como aos principios de proporcionalidade e demais previstos no artigo 28 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade e ao principio de voluntariedade establecido no artigo 5.2 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e cando corresponda, de acordo co previsto nos artigos 8.6 e 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2º. Con base neste acordo, unha vez producida a modificación normativa prevista neste Administración xeral do Estado desistirá do recurso interposto ante o Tribunal Constitucional.

3º. Comunicar este Acordo ao Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Isabel Rodríguez García

Ministra de Política Territorial

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo