Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Venres, 10 de setembro de 2021 Páx. 44729

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 24 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT207G).

BDNS (Identif.): 582418.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta cunha antigüidade mínima, sen interrupcións, dun ano na epígrafe IAE 961.1, e con sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Segundo. Obxecto

Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega para o ano 2021 e 2022 (código de procedemento CT207G).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 24 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixo React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT207G).

Cuarto. Importe

As axudas relativas ao obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 2.000.000 de euros para as anualidades 2021 e 2022, imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, código de proxecto 2021 00001 da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa seguinte distribución: 800.000 para 2021 e 1.200.000 para 2022.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será de tres meses desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais