Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Mércores, 1 de setembro de 2021 Páx. 43527

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 30 de xullo de 2021 pola que se convocan axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2021/22 (código de procedemento ED516B).

BDNS (Identif.): 581307.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Centros privados concertados interesados en participar nalgunha das seguintes liñas de axuda:

a) Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados (continuación das axudas á actualización das bibliotecas escolares iniciadas en 2016 e incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares).

b) Clubs de lectura-concertados (vinculados á biblioteca escolar, que se realizarán fóra das aulas, é dicir, do tempo das materias) e destinados a alumnado de ensino secundario obrigatorio.

c) Radio na biblio-concertados (laboratorio de radio, vinculado á biblioteca escolar en centros xa integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares durante o curso 2020/21).

d) Biblioteca inclusiva-concertados (melloras para a accesibilidade concretadas no mobiliario, equipamento e colección das bibliotecas escolares de centros ordinarios que contan con unidades concertadas de educación especial).

Segundo. Bases reguladoras

Orde do 30 de xullo de 2021 pola que se convocan axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2021/22 (código de procedemento ED516B).

Terceiro. Obxectos e importes

A través desta orde preténdese seleccionar novos centros para a súa incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como apoiar a continuidade deste programa mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos en anteriores convocatorias, sempre que a través do seguimento que se realiza desde a coordinación do programa, e moi especialmente a través da memoria correspondente ao curso 2020/21, acaden unha valoración positiva.

No caso dos centros concertados integrados en convocatorias anteriores que soliciten a súa continuidade, ademais deste requisito terase en conta a correcta xustificación da axuda recibida.

Da mesma forma, búscase seleccionar centros que desexen poñer en marcha o Programa de clubs de lectura (ensino secundario obrigatorio) ou Radio na biblio (co requisito de ser un centro incluído no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2020/21). Así mesmo, adxudicaranse axudas a centros concertados ordinarios con aulas concertadas de educación especial, destinadas a melloras na biblioteca para lograr avances como biblioteca inclusiva.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade