Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 13 de agosto de 2021 Páx. 40565

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Outeiro de Rei, para a delimitación do solo de núcleo rural de Cartel, parroquia de Martul.

O día 10 de maio de 2021, tivo entrada no Servizo de Urbanismo da Xunta en Lugo a documentación correspondente ao expediente de referencia, remitida polo Concello de Outeiro de Rei, para os efectos da súa aprobación definitiva.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), establece no artigo 83.6 que as modificacións dos instrumentos de planeamento urbanístico que teñan por obxecto a delimitación de solo de núcleo rural se tramitarán segundo o procedemento establecido no artigo 78.

Analizado o proxecto de modificación, datado en xullo de 2019, asinado pola arquitecta Gloria Trigo Mayor e o enxeñeiro José Carlos Sangiao Puente, aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 30 de xullo de 2020, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O concello de Outeiro de Rei conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente con data do 30 de outubro de 1992 pola Comisión Provincial de Urbanismo de Galicia, que delimita os núcleos rurais existentes no territorio municipal.

O núcleo de Cartel está na actualidade clasificado como solo non urbanizable internuclear normal.

De acordo coa documentación remitida polo Concello, a tramitación incluíu:

– Proxecto para a tramitación ambiental datado en maio de 2015.

– Informe ambiental estratéxico do 17 de xuño de 2016.

– Anuncios de exposición pública e notificacións a propietarios realizados en abril de 2017, publicación no DOG do 12 de maio de 2017 e audiencia aos concellos limítrofes.

– Informes sectoriais emitidos por: Delegación do Goberno (23.5.2017), Industria e Enerxía (16.5.2017), Telecomunicacións (16.5.2017), CHMS (15.5.2019), AXI (23.5.2017), DXPC (17.7.2017 condicionado), IET (30.6.2017), Emerxencias (2.5.2017), DX Patrimonio Natural (3.5.2018) e Deputación (26.6.2017) e certificados de silencio de Augas de Galicia (23.11.2019) e DX de Ordenación e Produción Forestal (23.11.2019).

– Proxecto para a aprobación provisional primeira datado en xullo de 2019.

– Informe técnico municipal previo á AP1 do 17.7.2019.

– Informe xurídico da secretaria do Concello previo á AP1 do 18.7.2019

– Acordo de aprobación provisional primeira adoptado o 24.7.2019.

– Proxecto para a aprobación provisional segunda datado en xullo de 2020.

– Informe técnico municipal previo á AP2 do 23.7.2020.

– Informe xurídico da secretaria do Concello previo á AP2 do 23.7.2020.

– Acordo de aprobación provisional segunda adoptado o 30.7.2020.

II. Aspectos xerais. Contido.

Trátase dun proxecto de delimitación dun ámbito correspondente ao asentamento poboacional de Cartel, pertencente á parroquia de Martul, como núcleo rural complexo, que supón un total de 5,1076 ha das cales 3,5552 ha corresponden ao núcleo histórico tradicional e 1,5524 ha á parte común do núcleo.

O proxecto delimita o núcleo, define o trazado da rede viaria, regula as condicións urbanísticas aplicables no núcleo e cataloga varias construcións de carácter tradicional, incorporando medidas de protección. Non identifica dotacións existentes nin previstas.

III. Análise e observacións.

III.1. O asentamento delimitado conta con topónimo oficial de Cartel, recoñecido no Nomenclátor oficial de entidades da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000).

III.2. A delimitación dun núcleo rural non delimitado no planeamento en vigor xustifica o interese público da modificación.

III.3. En canto ao cumprimento das deficiencias sinaladas nos requirimentos da DXOTU, do 4.3.2020 e do 11.3.2021, púidose comprobar que foron emendadas e incorporáronse os documentos relacionados.

III.4. Para a súa inscrición no Rexistro de planeamento, achegaranse os datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto delimitacións de solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación das normas subsidiarias de planeamento municipal para a delimitación do núcleo rural de Cartel, parroquia de Martul, Outeiro de Rei.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo