Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 13 de agosto de 2021 Páx. 40537

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2021 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á corporación de dereito público Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, publícase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 8.4 da dita lei, a encomenda de xestión da Consellería de Política Social en favor do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia para a xestión dos sistemas de información básicos do Sistema galego de servizos sociais (SIUSS-SIUSSGAL/PBSS e MATIASS), formalizada no convenio asinado o 20 de xullo do 2021.

Actividades encomendadas: xestión dos distintos perfís de acceso de usuarios de SIUSSGAL por parte do persoal dos servizos sociais comunitarios. Asesoramento permanente ao persoal técnico dos servizos sociais comunitarios, nomeadamente de tipo técnico-conceptual baixo os criterios técnico-profesionais establecidos pola Dirección Xeral de Inclusión Social. Desenvolvemento das accións formativas dirixidas ao persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais en materia de SIUSS/SIUSSGAL no marco do plan de formación continua aprobado anualmente pola Dirección Xeral de Inclusión Social. Manter a debida interoperabilidade entre SIUSSGAL e a aplicación estatal Prestacións básicas de servizos sociais. Publicar a información e os contidos técnico-profesionais que supoñan actualizacións relevantes nos diversos eidos dos servizos sociais e proceder á súa divulgación a través da plataforma web Manual de traballo, información e asesoramento de servizos sociais (MATIASS). Impulsar e reforzar a participación do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios no uso dos ditos sistemas, complementando as accións da Dirección Xeral de Inclusión Social.

Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva dada a natureza do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia como corporación de dereito público, segundo o disposto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Prazo de vixencia e supostos en que procede a finalización anticipada da encomenda: o convenio producirá efectos durante catro anos computados desde o 15 de agosto do 2021, data de entrada en vigor. Deste xeito o prazo de vixencia coincidirá coa duración da encomenda de xestión que abranguerá desde o 15 de agosto do 2021 ata o 14 de agosto do 2025, ambas as dúas datas incluídas. Non obstante, poderá ser obxecto de prórroga que, en todo caso, deberá ser expresa se se manteñen as circunstancias que a xustifican. Serán causas de resolución anticipada o incumprimento das obrigas e compromisos asumidos por algunha das partes asinantes; a resolución acordada en calquera momento, por proposta do departamento competente en materia de servizos sociais comunitarios, logo de audiencia ao Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, por inaplicabilidade do convenio ou incumprimento manifesto das súas cláusulas; a imposibilidade manifesta, legal ou material, de levar a cabo o cumprimento das súas previsións; o mutuo acordo das partes, manifestado por escrito, sen prexuízo da subsistencia das obrigas xa contraídas ao seu abeiro ou por decisión xudicial declaratoria da nulidade do acordo materializado neste convenio.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021

A conselleira de Política Social
P.D. (Artigo 1.g) da Orde do 3.3.2016; DOG núm. 54, do 18 de marzo)
A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social
P.A. (Artigo 7.1 do Decreto 216/2020, do 3 de decembro)
Camilo Ríos Gestal
Vicesecretario xeral técnico da Consellería de Política Social