Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 12 de agosto de 2021 Páx. 40348

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, pola que se declara de interese galego a Fundación Flora para la Alegría Social e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Flora para la Alegría Social, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 21 de decembro de 2020, Óscar Rama Penas, na súa condición de secretario do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Flora para la Alegría Social foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 27 de novembro de 2020, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número 1.926 do seu protocolo, pola entidade Os Peteiros Investments, S.L., representada pola súa administradora única, Marta González Deus.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto promover e realizar todas cantas actividades contribúan á mellora das condicións e da calidade de vida dos colectivos desfavorables e con dificultades de mobilidade ou sensoriais, procurando o completo desenvolvemento das súas capacidades individuais e favorecendo a súa integridade social, todo iso mediante iniciativas e actuacións que lles permitan gozar de experiencias lúdicas que melloren o seu benestar.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e á súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (DOG núm. 242, do 19 de decembro).

Quinto. Nos estatutos da Fundación constan a denominación e natureza, obxecto e actividades, o domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Marta González Deus como presidenta, José Carlos Saavedra Pérez como vicepresidente, Óscar Rama Penas como secretario e José Luis Saavedra Pérez, Cipriano Quintas Tomé, José Manuel Becerra Nogareda e Pablo Galán Rodríguez como vogais.

Sétimo. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do día 29 de xuño de 2021, elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese social da Fundación Flora para la Alegría Social consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 47 da dita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, do 5 de xullo de 2021, clasificouse como de interese social a Fundación Flora para la Alegría Social e adscribiuse á Consellería de Política Social para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Flora para la Alegría Social, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social, da Fundación Flora para la Alegría Social, polo que,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Flora para la Alegría Social.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Flora para la Alegría Social no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Política Social.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada, ante a conselleira de Política Social, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social
P.A. (Artigo 7.1 do Decreto 216/2020, do 3 de decembro)
Camilo Ríos Gestal
Vicesecretario xeral da Consellería de Política Social