Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Martes, 10 de agosto de 2021 Páx. 40090

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2021 pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 22 de xullo de 2021, polo que se fixan os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 22 de xullo de 2021, adoptou, por proposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o acordo polo que se fixan os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións.

En consecuencia, de acordo co establecido no punto segundo do citado acordo e para xeral coñecemento, resolvo proceder á súa publicación no Diario Oficial de Galicia:

Primeiro. Fixar os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións, conforme á proposta da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que se xunta.

Segundo. Estes prezos serán de aplicación ás VPA que se cualifiquen provisionalmente a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO

Proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do acordo
polo que se fixan os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas
de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións

Conforme o disposto no artigo 66.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, na redacción introducida pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, «durante o período legal de protección, calquera acto de disposición ou de arrendamento de vivendas protexidas en primeira ou posteriores transmisións estará suxeito a un prezo de venda ou renda máximo que, en atención aos criterios determinados regulamentariamente, será fixado mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia».

Actualmente, o prezo de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica (en diante, VPA) está regulado no Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012, en virtude da remisión prevista na disposición adicional primeira do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Á vista da citada regulación, os criterios determinados regulamentariamente para a fixación do prezos máximos de venda das vivendas protexidas é o metro cadrado da súa superficie útil e a área xeográfica en que se localizan. Para a determinación dos prezos máximos de renda aplícase unha porcentaxe sobre os prezos máximos de venda.

O Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, asinado polos representantes das entidades integrantes do Pleno do Observatorio da Vivenda de Galicia o 20 de xaneiro de 2021, é un documento que xorde da análise conxunta e da contribución de todos os representados no Consello do Observatorio da Vivenda de Galicia. No devandito pacto recóllense as liñas de actuación pública na materia, e constitúe un instrumento de planificación das políticas públicas neste eido para o período 2021-2025 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na acción 1 do programa 2 do seu eixe 1 «acceso á vivenda», baixo a rúbrica «impulso da vivenda protexida», incídese na necesidade de revisar os prezos das vivendas protexidas para darlle viabilidade á súa promoción. Así, dispón o seguinte:

«Co obxecto de facilitar a promoción de vivendas protexidas, posibilitando que exista máis oferta, principalmente nas localidades onde existe maior dificultade de acceso á vivenda libre, faise necesario realizar unha análise dos custos da promoción, de tal xeito que poida servir de base para, de ser o caso, revisar e actualizar os prezos máximos establecidos co obxecto de garantir a viabilidade da construción das vivendas protexidas e, deste xeito, facilitar o incremento do número destas.

Os prezos máximos de referencia para as vivendas protexidas levan máis de 12 anos sen actualizarse, o que provoca que, en moitos casos, non sexa viable a súa construción, polo que cómpre actualizar estes módulos co obxecto de impulsar a súa edificación».

Á vista do anterior, proponse a adopción do seguinte

ACORDO:

Primeiro. Fixar os seguintes prezos máximos de venda e renda das VPA e dos seus anexos:

1. Prezos máximos de venda en primeira transmisión:

a) Os prezos máximos de venda en primeira transmisión das VPA determinaranse, segundo o seu réxime –especial, xeral ou concertado–, en función da área xeográfica onde estean situadas –ámbito territorial de prezo máximo superior (PMS), zona 1 e zona 2– e o prezo do metro cadrado de superficie útil. Así:

1º. Réxime especial:

PMS: 1.500 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 1: 1.325 euros por metro cadrado de superficie útil

Zona 2: 1.085 euros por metro cadrado de superficie útil.

2º. Réxime xeral:

PMS: 1.585 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 1: 1.450 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 2: 1.200 euros por metro cadrado de superficie útil.

3º. Réxime concertado:

PMS: 1.774 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 1: 1.522 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 2: 1.350 euros por metro cadrado de superficie útil.

b) Cando a promoción inclúa garaxes ou rochos, con independencia de que estean ou non vinculados á vivenda, o prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil destes, que figurará na cualificación provisional da vivenda, non poderá exceder o 60 por 100 do prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil da vivenda; polo tanto, quedan fixados nos seguintes importes, en función do réxime das vivendas:

1º. Réxime especial:

PMS: 900 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 1: 795 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 2: 651 euros por metro cadrado de superficie útil.

2º. Réxime xeral:

PMS: 951 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 1: 870 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 2: 720 euros por metro cadrado de superficie útil.

3º. Réxime concertado:

PMS: 1.064,40 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 1: 913,20 euros por metro cadrado de superficie útil.

Zona 2: 810 euros por metro cadrado de superficie útil.

Para os efectos da determinación do prezo dos anexos, só serán computables, como máximo, 8 metros cadrados de superficie útil de rocho e 25 metros cadrados de superficie útil de garaxe ou calquera outro anexo, con independencia de que a súa superficie real sexa superior.

c) O prezo máximo de venda das vivendas e anexos situados en PMS que se constrúan en solos desenvoltos coa intervención de entes ou sociedades públicas ou en solos que fosen de titularidade pública e se alleasen para a promoción de vivendas protexidas será o fixado para a zona 1, segundo o réxime das vivendas.

d) Nas promocións de vivendas para uso propio, o prezo máximo de adxudicación ou o valor da edificación sumado ao do solo que figura na declaración de obra nova, no caso de promoción individual, terá os límites establecidos anteriormente e incluirá o conxunto dos pagamentos que efectúe a persoa promotora individual, a cooperativista ou comuneira que sexan imputables ao custo da vivenda por seren necesarios para levar a cabo a promoción e a individualización física e xurídica desta, incluíndo, se é o caso, os honorarios da xestión.

2. Prezos máximos de venda en segundas e ulteriores transmisións:

O prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil, en segundas e ulteriores transmisións, será o que corresponda ás vivendas do mesmo tipo que se cualifiquen provisionalmente na mesma área xeográfica no momento da transmisión.

3. Prezos máximos de renda das VPA:

O prezo máximo de renda será o resultante de aplicar o 4 % ao prezo máximo de venda en primeira transmisión que correspondería á vivenda protexida que se alugue, segundo a área xeográfica en que se sitúe. A dita renda máxima deberá de figurar na cualificación provisional da vivenda.

A renda poderá actualizarse anualmente de conformidade co previsto na lexislación de arrendamentos urbanos. A persoa arrendadora poderá repercutir á persoa inquilina os gastos que permita a lexislación aplicable.

4. Prezos máximos de renda en segundos e ulteriores contratos de arrendamento das vivendas de protección oficial de promoción privada e de protección autonómica de plans anteriores.

Para calcular o prezo máximo de renda en segundos e ulteriores contratos de arrendamentos das vivendas de protección oficial de promoción privada e de protección autonómica de plans anteriores tomarase como referencia o que correspondería ás vivendas do mesmo tipo que se cualifiquen como protexidas provisionalmente na mesma zona territorial na data do arrendamento. A renda máxima inicial será a resultante de aplicarlle ao prezo de referencia establecido no parágrafo anterior as seguintes porcentaxes:

– O 3,15 %, para o caso de vivendas de promoción para venda e as destinadas a arrendamento a 25 anos, cualificadas con cargo a plans anteriores ao 2009-2012.

– O 4 %, para o caso de vivendas de promoción para venda e as destinadas a arrendamento a 25 anos cualificadas con cargo ao plan 2009-2012 e as cualificadas provisionalmente ata a entrada en vigor do presente acordo.

– O 4,5  %, para o caso de vivendas destinadas a arrendamento a 10 anos.

Para os efectos de fixar as equivalencias entre as diferentes denominacións das vivendas nos distintos plans de vivenda, aplicarase o establecido no número 2 da disposición adicional terceira do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, respecto ás vivendas de protección oficial de promoción privada e de protección autonómica de plans anteriores ao 2009-2012.

Segundo. Estes prezos serán de aplicación ás VPA que se cualifiquen provisionalmente a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo