Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Luns, 9 de agosto de 2021 Páx. 39599

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 116/2021, do 22 de xullo, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción MSV (mellora da seguridade viaria) na estrada PO-224, puntos quilométricos 2+440-2+830, Santo André de Xeve, de clave PO/20/030.06, no concello de Pontevedra.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 2 de outubro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 200) o Anuncio do 16 de setembro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción: MSV na estrada PO-224, pp.qq. 2+440-2+830. Santo André de Xeve, de clave PO/20/030.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 8 de xullo de 2021 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción: MSV na estrada PO-224, pp.qq. 2+440-2+830. Santo André de Xeve, de clave PO/20/030.06.

O obxecto deste proxecto consiste en definir e valorar as actuacións necesarias para:

• Mellorar a seguridade viaria no treito comprendido entre os pp.qq. 2+440 e 2+830 da estrada autonómica PO-224, en Santo André de Xeve (concello de Pontevedra), na contorna da intersección coa PO-223.

• Proxectar un itinerario peonil/ciclista que permita a conexión do núcleo poblacional do Sobral co colexio CEIP Santo André de Xeve ao longo da estrada PO-224.

• Reordenar o espazo público na contorna do colexio CEIP Santo André de Xeve.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de xullo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción MSV na estrada PO-224, pp.qq. 2+440-2+830. Santo André de Xeve, de clave PO/20/030.06.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade