Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 4 de agosto de 2021 Páx. 39173

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR341D).

BDNS (Identif.): 577931.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (Programa de axudas á promoción de emprego autónomo) (código de procedemento TR341D).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse once millóns douscentos mil euros (11.200.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral de presentación de solicitudes para o Programa I regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2021.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade