Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 4 de agosto de 2021 Páx. 39102

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se modifica a Resolución do 30 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas e para a implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento PR945C).

Con data do 17 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 30 de decembro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas e para a implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19, e se convocan para o ano 2021.

Nesta convocatoria establécense dúas liñas de subvencións dirixidas a os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia:

1. Liña I: desenvolvemento de actividades deportivas.

2. Liña II: implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19.

No número 9.2.a) do artigo 9 do anexo I da Resolución do 30 de decembro de 2020 establécese o cálculo da contía da subvención da liña de actuación II que será o resultado aritmético da regra de tres simple de asignar á puntuación máxima que se pode obter (30 puntos) o importe máximo que se pode conceder (3.000 €, para o caso de entidades que participen en competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que impliquen contacto, e 1.500 €, para o resto de entidades). Así mesmo, no artigo 1.3 da Resolución do 30 de decembro de 2020 establécese o importe máximo que poden acadar polas entidades solicitantes da liña II.

Tendo en conta que a situación actual de crise sanitaria obrigou a incrementar os gastos que as entidades deportivas da Comunidade Autónoma galega teñen nas competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal e autonómico para a prevención do contaxio pola COVID-19, cómpre modificar o cálculo da contía da liña II de subvención eliminando o importe máximo que se pode conceder e reaxustando o cálculo de dita contía pola multiplicación dos puntos obtidos por cada entidade admitida polo valor do punto calculado mediante a división do crédito total desta liña de subvención polo total de puntos de todas as entidades solicitantes admitidas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 109/2021, do 15 de xullo,

RESOLVO:

Artigo único

Modificación da Resolución do 30 de decembro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas e para a implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19, e se convocan para o ano 2021.

Un. Elimínase o terceiro parágrafo do artigo 1.3 da Resolución do 30 de decembro de 2020, relativo á contía máxima que se pode acadar na liña II da convocatoria.

Dous. Modifícase o punto 9.2.a) do artigo 9 do anexo I. Contía da subvención da liña de actuación II da Resolución do 30 de decembro de 2020, que queda redactado como segue:

O importe das subvencións será o resultado aritmético de multiplicar os puntos obtidos por cada entidade admitida polo valor do punto, calculado mediante a división do crédito total da liña II de subvención polo total de puntos de todas as entidades solicitantes admitidas. A puntuación máxima que pode obter son 30 puntos.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte