Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 2 de agosto de 2021 Páx. 38879

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 113/2021, do 15 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-223, treito O Couso-O Sobral, puntos quilométricos 3+600-5+760, de clave PO/16/262.06, no concello de Pontevedra.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 2 de outubro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 200 o Anuncio do 16 de setembro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-223, treito O Couso-O Sobral, p.q. 3+600- 5+760, de clave PO/16/262.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 23 de xuño de 2021 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-223, treito: O Couso-O Sobral, p.q. 3+600-5+760, de clave PO/16/262.06.

O obxecto deste proxecto é a creación dunha senda peonil e ciclista na estrada PO-223 no concello de Pontevedra, entre os p.q. 3+600 e 5+760, así como unha serie de actuacións complementarias a esta: modificacións puntuais do trazado da estrada para o encaixe da senda (p.q. 3+650 e 4+600), mellora das principais interseccións existentes coa implantación de semiglorietas e cuñas de aceleración e deceleración; e mellora e delimitación de paradas de bus xa existentes nos p.q. 3+850 e 5+300.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de xullo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-223, treito: O Couso-O Sobral, p.q. 3+600-5+760, de clave PO/16/262.06.

Santiago de Compostela, quince de xullo de dous mil vinte e un

O presidente
P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade