Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 23 de xullo de 2021 Páx. 37684

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Orde do 14 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2021 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento PR450A).

BDNS (Identif.): 575697.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo; ou que tivesen presentada oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC nel, neste caso, queda condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como moi tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2019 no Consello de Contas de Galicia.

c) Que non teñan recibido o mesmo equipamento por parte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo ou de organismos e entidades adscritas a esta con posterioridade ao 1.1.2015, destinado á prestación dos servizos de protección civil e emerxencias.

Para estes efectos, nunha primeira repartición do equipamento non poderán ser beneficiarios da liña 1 (pick-up) aqueles concellos que recibisen algún tipo de vehículo con posterioridade á data indicada.

Se unha vez asignado o equipamento ás entidades locais, tendo en conta a condición anterior, quedase equipamento vacante, este será asignado a entidades locais que xa o teñan recibido despois do 1.1.2015 de acordo coa puntuación acadada na presente orde. Para estes efectos, no caso da liña 1 (pick-up), darase prioridade aos concellos que non conten con vehículo todocamiño desde a data indicada.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con AVPC, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2021.

O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código de procedemento PR450A.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2021 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento PR450A).

Cuarto. Importe

A actuación que se vai desenvolver ten natureza de subvención en especie e o equipamento para ceder distribuirase nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1. 19 vehículos todo terreo tipo pick-up.

Liña 2. 6 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3. 26 tendas de campaña para emerxencias.

Liña 4. 8 coitelas para retirada de neve.

Liña 5. 8 esparexedores de sal.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo