Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 22 de xullo de 2021 Páx. 37556

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

ANUNCIO do 7 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, polo que se acorda o alleamento, polo procedemento de poxa pública, dun ben inmoble de titularidade autonómica situado no concello de Lugo.

Ás 11.30 horas do día 7 de setembro de 2021 terá lugar no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, situado na rolda da Muralla, nº 71, ante a mesa presidida polo subdirector xeral do Patrimonio, coa asistencia dun letrado da asesoría xurídica, un representante da Intervención Xeral e un funcionario da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, que actuará como secretario, a poxa pública do seguinte ben inmoble da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxo alleamento foi acordado pola Orde do 5 de xullo de 2021:

Parcela nº 3, sita no termo municipal de Lugo, parte do polígono industrial denominado O Ceao, procedente doutra de maior superficie sinalada cos números 92, 93 e 94 no plano parcelario do plan parcial do dito polígono. Ten unha extensión superficial de 900 m2, correspondente a un rectángulo de 15 metros de largo por 60 metros de longo ou fondo; con nave industrial de planta baixa de 900 m2 e entreplanta de 172 m2. Linda: norte ou fronte, rúa A; sur ou fondo, parcela 28; leste ou esquerda, parcela 2; oeste ou dereita, parcela 4. Inscrita no Rexistro da Propiedade número 1 de Lugo, a nome da Comunidade Autónoma de Galicia como predio rexistral número 60.952, no tomo 1937, libro 1498, folio 187. Sen cargas. Referencia catastral: 7169016PH1676N0001LL.

Tipo de licitación, primeira poxa: 574.197,74 €.

Tipo de licitación, segunda poxa: 488.068,08 €.

Tipo de licitación, terceira poxa: 401.938,42 €.

Para tomar parte na poxa é requisito indispensable consignar o 20 % da cantidade sinalada como tipo de licitación do ben ante a mesa ou acreditar que se depositou tal cantidade na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia á disposición da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

Serán por conta dos adxudicatarios os custos do anuncio, así como os orixinados pola adxudicación e formalización da escritura pública de venda; os demais gastos e impostos derivados da transmisión serán de aplicación conforme o disposto na lei.

O prego de condicións que rexe o presente alleamento está á disposición dos interesados na Subdirección Xeral do Patrimonio, rúa Pastoriza, nº 8, 2º andar, en Santiago de Compostela, e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública
http://www.conselleriadefacenda.es/a-conselleria/transparencia/contratacion-patrimonial/procedementos-de-licitacion

Para asistir á poxa, por motivos relacionados coa COVID-19, recoméndase pedir cita previa nos teléfonos 981 54 41 51, 981 95 78 11 e 981 54 44 27.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública