Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 21 de xullo de 2021 Páx. 37363

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 2 de xullo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan as bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña (código de procedemento PE609B).

BDNS (Identif.): 575236.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Españois ou nacionais dun país membro da Unión Europea ou persoas estranxeiras con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, que estean en posesión en posesión do título de técnico/a superior dos ciclos formativos de grao superior dalgunha das seguintes especialidades: Acuicultura e Análise e Control, tendo rematados os estudos con posterioridade ao 31 de decembro de 2018, non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan, teñan cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma galega e non ter desfrutado destas bolsas ou similares en anteriores convocatorias durante un período dun ano ou superior.

Segundo. Obxecto

Completar a formación de técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior como persoal auxiliar de investigación mariña.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 2 de xullo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan as bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña (código de procedemento PE609B).

Cuarto. Contía

O seu financiamento farase con cargo á partida orzamentaria 15.03.561A.480.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2021 (43.200,00 €), 2022 (86.400,00 €) e 2023 (43.200,00 €). O importe bruto mensual de cada bolsa será de novecentos euros (900,00 €).

Así mesmo, para o pagamento das cotas da Seguridade Social destinaranse, respectivamente, nos anos 2021 (3.120,00 €), 2022 (6.720,00 €) e 2023 (3.600,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.561A.484.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O número de bolsas é de oito.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar