Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 20 de xullo de 2021 Páx. 37083

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 30 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e a consolidación do emprego a través do Programa I para as pequenas empresas de nova creación (código de procedemento TR807I), e se realiza a súa convocatoria para o ano 2021.

BDNS (identif.): 575122.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.

b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.

d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotores non figure ningunha persoa xurídica.

f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.

g) Que, como mínimo, o 50 % do seu capital social sexa de titularidade das persoas promotoras e que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.

2. Poderán ser beneficiarias as persoas promotoras para a axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Segundo. Obxecto

A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre as mulleres, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego, mediante os seguintes tipos de axuda:

a) Subvención á xeración de emprego estable.

b) Subvención para a formación.

c) Subvención para o inicio da actividade.

d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e a consolidación do emprego a través do Programa I para as pequenas empresas de nova creación (código de procedemento TR807I), e se realiza a súa convocatoria para o ano 2021.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un millón cincocentos mil euros (1.500.000 €), código de procedemento TR807I.

Quinta Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade