Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 20 de xullo de 2021 Páx. 36998

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 110/2021, do 8 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade de dúas vías pertencentes á Deputación Provincial de Pontevedra a prol do Concello de Meaño.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Meaño e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron o 30 de novembro de 2020 un convenio de colaboración para a execución do proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-9306 Cobas-Padrenda, punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 0+820. A cláusula quinta deste convenio establece a obriga do Concello de solicitar a transferencia de titularidade das vías obxecto deste convenio.

O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión levada a cabo o dia 30 de abril de 2021, aceptou o cambio de titularidade dos treitos propostos no convenio.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, indica que a estrada EP-9304, así como o treito antigo da estrada EP-9303, cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xullo de dous mil viente e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Meaño de:

Clave

Denominación

P.Q.i

P.Q.f

Marxe

Treito antigo da EP-9303

Meaño-Dena

0+680

0+750

Dereita

EP-9304

Couto-embarcadoiro

0+000

0+219

-

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Meaño deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír os cambios de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Meaño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xullo de dous mil viente e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade