Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 16 de xullo de 2021 Páx. 36658

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega das Industrias Culturais

ANUNCIO do 7 de xullo de 2021 polo que se dá publicidade da convocatoria e das bases reguladoras do proceso de selección para a contratación, pola modalidade de relación laboral especial de artistas en espectáculos públicos, conforme o disposto no Real decreto 1435/1985, do 1 de agosto, de vinte e dúas (22) prazas de actrices e actores, coa categoría de protagonistas (4) e principais (18), para as producións dos anos 2021-2022 do Departamento de Produción Teatral a partir das pezas A Peste e Ás 8 da tarde, cando morren as nais.

Co obxecto de levar a cabo as producións teatrais previstas para 2021-2022 e en consecuencia realizar selección das actrices e actores que formarán parte do elenco, para a súa contratación mediante relación laboral de carácter especial, aprobáronse as bases que rexerán este proceso selectivo.

Conforme co disposto na base novena, para garantir a publicidade deste procedemento,

RESOLVO:

Anunciar a convocatoria para a selección de vinte e dúas prazas (22) de actrices e actores, coas categorías de protagonistas e principais, nos anos 2021-2022, das producións teatrais a partir das pezas A Peste e Ás 8 da tarde, cando morren as nais.

As bases que rexen este proceso, así como o resto da documentación relativa a esta convocatoria, poden consultarse na páxina web http://www.agadic.gal/ e no taboleiro de anuncios da Axencia.

A presentación de solicitudes e a documentación anexa deberá realizarse preferiblemente por vía electrónica a través do modelo de instancia dispoñible na páxina web da Agadic, no enderezo de correo electrónico audicions.cdg@xunta.gal. Para a presentación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, inclusive o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación será de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Os sucesivos anuncios relacionados con esta convocatoria realizaranse conforme o disposto nas bases que se anuncian.

Contra esta convocatoria, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición ante a Presidencia da Agadic no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Os actos que deriven desta convocatoria poderán ser impugnados nos casos e forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021

Román Rodríguez González
Presidente de Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais