Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 13 de xullo de 2021 Páx. 35802

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de xuño de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución de clasificación de terreos adquiridos pola comunidade do monte veciñal de Anafreita, no concello de Friol (expediente 44/74).

De acordo co artigo 57.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, as adquisicións de terras por compra deberán ser motivadas pola comunidade veciñal titular no cumprimento dos seus fins, no interese xeral das persoas comuneiras, na defensa dos seus montes e dos seus accesos, no mellor aproveitamento dos recursos ou na mellora ou ampliación do monte veciñal en man común, e requirirá da autorización previa da Administración forestal, que deberá resolver a solicitude de compra no período máximo de tres meses. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta por un período mínimo de vinte anos.

En relación con isto, na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 2.6.2021, figura o seguinte acordo:

Monte Anafreita (exp. 44/74), pertencente aos veciños da parroquia de Anafreita, no concello de Friol.

O 20.5.2019, foi presentada unha solicitude da comunidade de Anafreita de autorización para a adquisición das parcelas catastrais 27020A19800009, 27020A19800010, 27020A19800011 e 27020A19800013, coa finalidade de integralas no monte veciñal. A compra foi autorizada pola Resolución do 3.6.2019, da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo.

O 28.11.2019, foi presentada unha solicitude da comunidade de Anafreita de autorización para a adquisición de dous predios, integrados nas catastrais 27020A19800012 e 27020A19800014, coa finalidade de incluílos no monte veciñal. A compra foi autorizada pola Resolución do 18.2.2020, da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo.

Con data do 25.2.2021, o Servizo de Montes elabora unha memoria (número 2019_37-2020_11) en que se especifican as modificacións de superficie que se producen como consecuencia da incorporación das parcelas. O monte de Anafreita queda cunha superficie de 433,85 hectáreas, de acordo coa nova cartografía.

En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñal en man común os terreos adquiridos pola comunidade, e proceder ás actualizacións correspondentes no expediente, de conformidade coa memoria técnica elaborada polo Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 24 de xuño de 2021

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo