Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 8 de xullo de 2021 Páx. 34864

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, pola que se establece un período de veda na ría de Vigo para a captura do choco.

Feitos.

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra achega, en documento con rexistro de saída nº 158 do 24 de xuño de 2021, solicitude de establecemento dunha veda para a pesca do choco por dentro das liñas de referencia do anexo III na ría de Vigo. A dita solicitude está referendada polas peticións formuladas polas confrarías de pescadores da ría de Vigo.

Fundamentos técnicos e xurídicos.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, de pesca de Galicia, indica, no artigo 6.1, que a política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa conservación e xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros terá como obxectivo «o establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos».

Ademais, co fin de asegurar os obxectivos recollidos na lei, establece que lle corresponde á consellería competente en materia de pesca, logo de audiencia do sector afectado, o «establecemento de vedas temporais ou zonas para determinadas especies, así como dos fondos autorizados», artigo 7.2.h).

O Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 50.3 que «as embarcacións menores de 2,5 TRB ou 1,75 GT poderán utilizar trasmallos por dentro do anexo III a unha distancia mínima de 100 metros da costa ou a unha profundidade mínima de 5 metros, no período comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de abril, salvo o período en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona».

Examinados os informes técnicos correspondentes, onde se constata que a partir do mes de agosto case a totalidade da captura de choco realizada por dentro das liñas de referencia do anexo III é xuvenil (<13 cm), e consultado o sector na zona, esta dirección xeral resolve:

Establecer unha veda para a pesca do choco na ría de Vigo, por dentro das liñas de referencia do anexo III que aparecen reflectidas no citado Decreto 15/2011, desde o 19 de xullo de 2021 ata o 31 de outubro de 2021, ambos inclusive.

Así mesmo, queda prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes incluídas no devandito Decreto 15/2011. As capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar.

Do mesmo xeito, esta veda inclúe tamén á pesca marítima de recreo segundo a Lei 11/2008, do 3 de decembro, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, de pesca de Galicia que, establece no seu artigo 26.1: «Seranlle aplicables á pesca marítima de recreo as medidas de protección e conservación dos recursos pesqueiros establecidas para a pesca marítima profesional».

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021

Mercedes Rodríguez Moreda
Directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica