Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 5 de xullo de 2021 Páx. 34027

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para desenvolver obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR923C).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración, co obxectivo de potenciar os costumes e tradicións galegos e posibilitar que as persoas galegas que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia, convoca distintos obradoiros formativos de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, que se realizarán nas entidades galegas do exterior, de xeito que se manteña viva a nosa identidade e se promova a nosa cultura na Galicia exterior.

As comunidades galegas, os centros e as casas de Galicia no exterior son asociacións en que tradicionalmente se reúnen as persoas emigrantes e as súas familias para manter vivos os costumes que nos son propios e reforzar os lazos sociais e culturais. Arredor destas asociacións reúnese un gran número de persoas galegas, que son os axentes principais a través dos cales Galicia fomenta a súa cultura. Estas asociacións contan, na súa maioría, con instalacións propias para a organización de actividades para o seu fomento.

Por mor da situación excepcional creada pola pandemia da COVID-19 e co obxectivo de manter a actividade formativa e divulgativa da cultura galega en todo o mundo durante estes tempos de distanciamento social por saúde pública, a Secretaría Xeral da Emigración abre a posibilidade da realizar obradoiros en liña, na modalidade de formación virtual, sobre distintas disciplinas da cultura tradicional galega, para potenciar e difundir o coñecemento do patrimonio inmaterial de Galicia e posibilitar que persoas galegas que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia, aínda en momentos de illamento social, coa realización das actividades formativas a través de contornos virtuais, sempre que se respecten os requisitos exixidos normativamente e se garanten as actividades de seguimento e control necesarios.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a realización de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas no exterior, dirixidos ás persoas asociadas galegas e aos seus descendentes, así como a aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia ou que participen nas actividades da asociación (código de procedemento administrativo PR923C).

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócase este programa para o ano 2021.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán solicitar a organización dos obradoiros as entidades galegas que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade dentro das seccións de Comunidades Galegas, Centros Colaboradores, Federacións ou aquelas entidades que estean en proceso de unión ou fusión.

Excepcionalmente, por resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, poderase conceder a organización dun destes obradoiros a aquelas entidades que, estando incluídas dentro do Rexistro da Galeguidade, non se encontren en ningunha das seccións antes mencionadas, sempre que xustifiquen debidamente que contan cun grupo folclórico consolidado.

2. Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan grupos ou escolas de folclore constituídas da modalidade solicitada.

3. Os obradoiros artesanais están dirixidos ás entidades que teñan un taller no cal un grupo de persoas se dedique a desenvolver esas actividades.

4. Os obradoiros de cociña e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento e teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión dos costumes e cultura de Galicia.

Artigo 3. Características do programa

As entidades solicitantes poderán solicitar a formación e xornadas na modalidade presencial ou como aula virtual (obradoiros virtuais de formación).

Os centros deberán optar por unha ou outra modalidade na solicitude de participación.

Se, debido a causas de forza maior orixinadas pola pandemia da COVID-19 e debidamente acreditadas, a realización dun obradoiro presencial non se puider realizar, a Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar que ese mesmo obradoiro pase a realizarse na modalidade virtual, sempre que a dita circunstancia se comunique cunha anticipación mínima de corenta e cinco días do día previsto de inicio do obradoiro concedido e na comunicación se xustifique que a entidade posúe a capacidade de organizalo de forma virtual.

Na modalidade presencial, os obradoiros desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas, serán de formación intensiva e de carácter participativo, impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.

Na modalidade de formación virtual, o contorno de aprendizaxe supón unha plataforma onde a persoa formadora e o alumnado interactúan, de xeito concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemática de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.

En ambas as modalidades, o profesorado será designado pola Secretaría Xeral da Emigración de conformidade co establecido nesta resolución e na Resolución do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para elaborar as listas de persoas formadoras colaboradoras para impartiren seminarios fóra de Galicia e se abre o prazo para inscribir as persoas candidatas (DOG núm. 37, do 21 de febreiro).

Non poderá ser designado o mesmo profesorado para impartir máis de 2 cursos continuados na mesma entidade solicitante.

A Secretaría Xeral da Emigración, no caso de non dispor de persoas formadoras nas listas e para desenvolver os obradoiros de cociña ou artesanais e os seminarios de cultura galega, poderá realizar convenios de colaboración con institucións públicas ou privadas radicadas en Galicia que sexan referentes nas respectivas modalidades.

As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos das modalidades convocadas. Tamén poderán propor un/unha profesor/a para que imparta o correspondente curso, sempre que estea incluído/a nas listas de persoas formadoras na modalidade solicitada.

Non se poderán solicitar modalidades realizadas na entidade solicitante de maneira consecutiva nas dúas últimas convocatorias.

Para poder solicitar a organización destes obradoiros deberase acreditar un ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude, de grupos ou escolas da modalidade ou modalidades solicitadas.

Artigo 4. Modalidades convocadas e características específicas

1. Modalidades convocadas:

Convócanse obradoiros das seguintes modalidades:

– Obradoiros de baile.

– Obradoiros de gaita.

– Obradoiros de percusión.

– Obradoiros de pandeireta e canto.

– Obradoiros de carácter artesanal (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais).

– Obradoiros de cociña galega.

– Seminarios de cultura galega: tradición e modernidade.

2. Características específicas dos obradoiros convocados:

a) Obradoiros de baile, música tradicional e artesanía:

Terán unha duración de 15 días intensivos e o horario das clases axustarase ás necesidades das persoas solicitantes, cunha duración de 40 horas.

O alumnado non será inferior a 15 persoas. En casos excepcionais debidamente xustificados poderanse desenvolver cursos cun número inferior tendo en conta a situación do centro, características e ano de creación do grupo.

b) Obradoiros de cociña galega:

Terán unha duración máxima dunha semana e o horario axustarase ás necesidades das persoas solicitantes cunha duración de 20 horas.

O alumnado non será inferior a 20 persoas.

Nestes obradoiros farase promoción dos produtos de calidade de Galicia, con especial atención a aqueles correspondentes ás denominacións de orixe cualificada.

Na modalidade de formación presencial e sempre que as circunstancias o permitan, realizarase unha xornada gastronómica de libre acceso ao público en xeral onde se faga promoción dos obxectivos pretendidos no obradoiro.

c) Seminarios de cultura galega:

– Terán unha duración máxima dunha semana e o horario axustarase ás necesidades das persoas solicitantes cunha duración de 20 horas.

– O alumnado non será inferior a 30 persoas.

3. Na modalidade virtual serán as propias entidades solicitantes as responsables da súa organización e de escolleren a plataforma dixital a través da cal se levarán a cabo. O horario axustarase ás necesidades das persoas solicitantes por proposta da entidade colaboradora e será labor do persoal formador designado deseñar as clases e interactuar co alumnado en tempo real.

Artigo 5. Financiamento, custos e indemnizacións

1. As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto.

2. Para a realización dos obradoiros resérvase inicialmente un crédito de 150.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.226.07 –actuacións derivadas da Lei da galeguidade– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2021. Esta contía poderase incrementar segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias previstas e, de ser o caso, após a aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver (artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

3. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos seguintes gastos:

– Da remuneración do profesorado.

– Do custo de elaboración do contido do curso e do seu desenvolvemento.

– Do custo do desprazamento do profesorado ao lugar de realización do curso e dos gastos de estadía e manutención, ambos gastos na modalidade presencial.

– Do custo do material necesario para impartir os obradoiros.

4. As entidades galegas faranse cargo dos seguintes gastos:

– Dos gastos de traslados do profesorado dentro da cidade onde teña lugar o curso, no caso da modalidade presencial.

– Da xestión e dotación das instalacións axeitadas.

– Da subministración doutro material funxible necesario.

5. Os custos e indemnizacións por actividade dos cales se fará cargo a Secretaría Xeral da Emigración na presente convocatoria serán:

a) Retribucións do profesorado por curso realizado con cargo á xustificación posterior:

– España e Portugal: 1.400 euros.

– Europa, América e Oceanía: 1.600 euros.

– Modalidade virtual: 1.600 euros.

b) Custo de 100 euros como indemnización ao profesorado que fose nomeado para impartir un seminario que se anulase por causas non imputables a el e se lle comunicase dentro do prazo de 90 días previos á data de realización prevista.

c) Custo do billete de desprazamento do profesorado ata o lugar de realización do curso nun medio de transporte público en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía para indemnizar será de 0,20 euros por quilómetro.

d) Custo da manutención e aloxamento do profesorado no caso da modalidade presencial. Os ditos custos non superarán os do grupo 3 de axudas de custo regulado polo Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (DOG. núm. 122, do 25 de xuño).

d) Custo de ata 2.000 euros para materiais artesanais específicos que non se encontren fóra de Galicia e que sexan necesarios para desenvolver os obradoiros.

e) Custo de ata 2.000 euros para material necesario para desenvolver os seminarios de cultura galega.

f) Custo de ata 900 euros para adquirir alimentos nos obradoiros de cociña.

g) En casos excepcionais e debidamente xustificados:

– Custo de ata 500 euros para adquirir ou alugar equipamento para desenvolver os seminarios de cultura galega.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución serán compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Bos Aires (Arxentina) e de Montevideo (Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación escollido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Relación nominal diferenciada das persoas participantes preinscritas para cada modalidade solicitada, segundo o modelo do anexo II, na cal constarán apelidos e nome, documento identificativo ou pasaporte, idade e orixe galega dos participantes, e na cal se fará constar que a entidade conta coa autorización destes para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración co fin de poder xestionar a correspondente convocatoria.

No caso de optar pola opción de modalidade de formación virtual, deberase indicar unha conta de correo electrónico por cada persoa participante.

b) Memoria, segundo o modelo do anexo III (obradoiros de folclore e artesanía), na cal se especifique:

– Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

– As instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

– Nome, formación, currículo e traxectoria profesional do persoal directivo, profesorado ou axudantes responsables do obradoiro, grupo ou escola.

– No caso dos obradoiros de música e baile, nome e composición da escola ou grupo folclórico, traxectoria e actuacións realizadas nos dous últimos anos.

– Para os obradoiros de carácter artesanal, xustificarase a existencia dun taller da modalidade solicitada no seo da entidade, tempo de funcionamento, a oportunidade da súa realización e actividades desenvolvidas na difusión da artesanía galega.

c) Memoria, segundo o modelo do anexo IV (obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega), na cal se especifique:

– Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

– Instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

– Actividades realizadas nos dous últimos anos con motivo da difusión da cociña e da cultura galega e a oportunidade de realización da actividade.

2. As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o escollesen ao abeiro do artigo 6.1 deberán presentar a documentación complementaria electronicamente.

Se algunha destas entidades presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Consonte o disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude presencialmente poderán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poden consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, ou no previsto pola normativa anterior.

b) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución, criterios de valoración e resolución

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de comunidades galegas.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución, en execución do disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 9.1 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá ser requirido o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado composto por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración, que formulará os correspondentes informes.

Os criterios de valoración para a concesión dos obradoiros serán os que se sinalan a seguir:

a) Número de persoas preinscritas para o obradoiro (ata 20 puntos):

– Entre 15 e 30: ata 10 puntos.

– Máis de 30: entre 11 e 20 puntos.

b) Número de persoas galegas preinscritas para o obradoiro (ata 30 puntos):

– Máis de 5 e ata o 50 % do total de solicitantes: 10 puntos.

– Máis do 50 % ata o 80 %: 20 puntos.

– Máis do 80 %: 30 puntos.

c) Valoración da memoria presentada (ata 40 puntos):

– Obxectivos que se perseguen coa realización do seminario: ata 10 puntos.

– Instalacións propostas e material con que conta a entidade para impartir o seminario: ata 10 puntos.

c.1) No caso de solicitudes de obradoiros de folclore:

– A maior antigüidade do grupo: ata 10 puntos.

– Participación en exposicións, concertos e edición de discos ou DVD: ata 10 puntos.

c.2) No caso de solicitudes de obradoiros de cociña, cultura galega e outros de carácter artesanal:

– A maior antigüidade da entidade: ata 10 puntos.

– Actividades realizadas a favor da difusión da cociña, cultura galega e participación en feiras artesanais: ata 10 puntos.

6. Concluída a valoración, o órgano colexiado emitirá un informe concretando o resultado da avaliación efectuada.

O instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada observando os seguintes criterios:

a) A proposta basearase na relación das solicitudes recibidas segundo a orde de puntuación resultante de aplicar os criterios de valoración establecidos no punto 2 deste artigo.

En caso de empate nas puntuacións, resolverase atendendo á data de presentación das solicitudes.

b) Inicialmente concederase a organización dun obradoiro por entidade. No suposto de haber máis centros solicitantes que crédito dispoñible, concederanse, en primeiro lugar e seguindo a orde de puntuación, a aqueles centros que non os organizasen de forma máis próxima respecto da presente convocatoria.

c) De alcanzar o crédito previsto nesta resolución e ata o seu esgotamento, poderase incrementar consecutivamente o número de cursos concedidos a cada entidade seguindo a orde de puntuación.

d) Malia o anterior, e co obxecto de garantir o principio de eficacia na actuación administrativa, no momento de elaborar a proposta de concesión terase en conta a posibilidade de realizar circuítos por proximidade entre as entidades solicitantes de obradoiros da mesma modalidade.

e) Para a concesión dos obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega será necesaria a adecuación das instalacións e dotacións previstas na solicitude para a súa organización.

f) Quedarán excluídas as propostas de organización de seminarios daqueles centros que, a criterio da Secretaría Xeral competente en materia de Comunidades Galegas, non poidan asegurar condicións adecuadas de aloxamento, manutención ou seguridade ao profesorado correspondente.

g) Non se adxudicarán cursos que non obteñan unha puntuación mínima de 20 puntos.

7. A resolución provisional notificarase ás persoas interesadas mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) co fin de que no prazo de dez días presenten as alegacións oportunas.

No caso de que no procedemento non se teñan en conta outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas, poderase prescindir deste trámite de audiencia e, neste caso, a proposta de resolución terá o carácter de definitiva e elevarase á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a correspondente proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, a cal ditará a resolución que corresponda.

8. A proposta de adxudicación dos obradoiros e as condicións serán comunicadas ás respectivas entidades a través de medios electrónicos e da páxina web https://emigracion.xunta.gal para que no prazo de 10 días desde a súa publicación na páxina web acepten a organización e as condicións da proposta. Transcorrido este prazo sen que se produza aceptación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de tres meses contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. A resolución definitiva de concesión será notificada ás entidades galegas solicitantes e publicarase na páxina web http://emigracion.xunta.gal

11. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Notificación

1. As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Excepcionalmente, no caso das entidades domiciliadas fóra do territorio español, de acordo co previsto no artigo 6.1 desta convocatoria, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos; non obstante, poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por este medio.

A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo á Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.

Artigo 13. Pagamento, seguimento e control

1. Pagamento.

Os gastos que, de conformidade co establecido no artigo 5, deban ser asumidos pola Secretaría Xeral da Emigración, aboaranse unha vez que esta comprobe que as actividades se desenvolveron conforme o establecido nela.

O prazo para a xustificación do gasto é dun mes contado desde o remate do obradoiro e en todo caso dentro do exercicio correspondente ao ano da convocatoria.

2. Seguimento e control.

Os obradoiros convocados estarán sometidos ao seguinte seguimento e control:

– A solicitude do obradoiro supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que considere necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

– As entidades participantes quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta poderá modificar a súa resolución.

– Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

– Dentro do prazo dun mes desde o remate do obradoiro, a entidade remitirá á Secretaría Xeral da Emigración unha memoria informativa e acreditativa sobre o seu desenvolvemento.

– A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das accións resultantes desta resolución. Para realizar estas funcións, poderán utilizarse cantos medios estean á súa disposición para comprobar os requisitos exixidos nela, así como nas normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas a que van dirixidos os obradoiros prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

– As persoas xurídicas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a subministrar á Secretaría Xeral da Emigración, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Secretaría Xeral da Emigración das obrigas previstas no título I da citada lei.

– O incumprimento por parte das entidades seleccionadas das condicións acordadas para o desenvolvemento dos obradoiros comportará a imposibilidade de participar neste programa nas dúas seguintes convocatorias ou, se é o caso, a suspensión inmediata da realización do curso correspondente.

– Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora nos casos de incumprimento das bases da convocatoria nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 14. Requirimentos

De acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.gal

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a comunicación.

Artigo 15. Autorizacións

A presentación de solicitudes por parte das entidades requirirá que estas conten coa autorización do alumnado proposto para participar nos obradoiros, para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria, polo que no anexo II se inclúe unha manifestación da persoa representante da entidade neste sentido.

Artigo 16. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpor de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP. Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou, no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderá interpoñerse desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

PR923C-G.pdf
PR923C-G.pdf
PR923C-G.pdf
PR923C-G.pdf
PR923C-G.pdf